Hai uns días, a prensa recolleu a noticia de que no Catálogo de Paisaxes Protexidas que a Xunta está a elaborar, e en contra das alegacións do Concello de Ribadeo, xustifícase a inclusión do topónimo Ría do Eo, co argumento de que non fai referencia á ría senón a un espazo xeolóxico nomeado así por organismos estatais.

A denominación tradicional como Ría de Ribadeo do accidente xeográfico constituído polo val costeiro do río Eo cando este desemboca no mar veu sendo nos últimos anos obxecto dunha grande polémica, principalmente orixinada e mantida en Asturias desde o goberno autonómico e algúns municipios da ribeira do Eo.

Ante o conflito, a Comisión de Expertos en Nombres Geográficos (CENG) do Instituto Geográfico Nacional (IGN), competente no establecemento do Nomenclátor de nombres geográficos, e a petición do goberno asturiano interveu na polémica e finalmente optou, en resolución de 2008, porque a denominación que prevaleza sexa Ría de Ribadeo.

Xa ano 2006, a Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia emitira un informe dirixido á Xunta, no cal conclúe que a) a documentación histórica e cartográfica avala o topónimo Ría de Ribadeo; b) que este tipo de accidentes xeográficos adoptan, case de forma constante, a denominación vinculada ás poboacións máis próximas e non ó río de referencia; c) que só en época recente a alternacia Ría del Eo / Ría de Ribadeo adquire certa relevancia.

Por todo isto, a Comisión de Toponimia propuxo que a denominación Ría de Ribadeo fose a única oficial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e que o Goberno da Xunta instase ó mantemento exclusivo deste topónimo nos documentos e na cartografía en todos os estamentos estatais e internacionais competentes.

A Xunta debería cumprir o que os organismos autonómicos e estatais competentes establecen.