abel ferrizNo Rexistro Civil actual (Lei 40/99, de 5 de novembro) establécese que unha parella pode decidi-la orde dos apelidos dos seus fillos libremente; isto é, que non é obrigatorio situar en primeiro lugar o apelido do pai, e en segundo o da nai. Esta modificación vai acorde cos tempos, ó non prima-lo apelido de ningún dos dous sexos. Pero había unha fenda: en caso de desacordo, prevalecería a tradición, é dicir, o apelido paterno. Para resolver isto, o goberno anunciou hai pouco na prensa que se decidiría por orde alfabética, pero esta é unha solución que tamén comporta problemas. Non porque vaian desaparecer de aquí a uns anos tódolos apelidos do final do alfabeto, porque, na práctica, son moi poucas as parellas que non se poñen de acordo, senón porque non deixa de ser unha solución que prima de antemán  unha das partes. Noutros países, ante a mesma situación, optouse por proceder a un sorteo, o que pode ser arbitrario, pero non é inxusto. Ante as protestas, o goberno está reconsiderando as distintas opcións.

Agora ben, sería necesario ter en conta unha cousa importante: amais de identificarnos como pertencentes a unha familia (a dúas, en realidade: a da nai e a do pai), os apelidos son parte da nosa herdanza cultural, histórica e lingüística. Por tanto, os pais deberían considerar que parte do seu patrimonio patronímico é mellor para os seus fillos. Parece claro que un dos criterios que se deberían ter en conta é o da frecuencia: exerce moito mellor a súa función identificadora un apelido que porten menos persoas. Para coñecer ese dato, os pais poden acudir á páxina web da Cartografía dos apelidos de Galicia, elaborada no Instituto da Lingua Galega, onde poderán descubrir a frecuencia e a extensión xeográfica de cada apelido.

Creative Commons License photo credit: diluvi