A Lei de normalización lingüística (3/1983, de 15 de xuño) estableceu que “os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega”. A partir deste momento, a Xunta de Galicia encomendoulle a fixación dos topónimos galegos á Comisión de Toponimia, quen acabou publicando o Nomenclátor de Galicia en 2003.  Actualmente existen uns criterios de estandarización da toponimia maior, que está oficializada segundo eses criterios. Pero queda por recoller e fixar a microtoponimia (os nomes de lugar non habitados, tales como terreos, leiras, fontes, pedras, etc.).

Nunha páxina web da Xunta de Galicia explícase o seguinte:

Hoxe, a transformación demográfica e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais ameazan gravemente a conservación deste riquísimo patrimonio. Desde hai tempo estase a observar unha preocupante perda da microtoponimia tanto no medio rural coma no urbano. Boa parte dos topónimos menores só teñen vida na fala ou na memoria de persoas de idade, e con cada persoa que morre, ou que abandona a súa actividade no agro ou no mar, desaparece un bo número de topónimos.

A Real Academia Galega, nun informe dirixido ao Goberno e ao Parlamento de Galicia no ano 2001, alertaba sobre este feito, nun diagnóstico que recolle expresións coma as seguintes: “O abandono da actividade agraria, o xigantesco proceso de urbanización e diversas intervencións como obras públicas ou concentracións parcelarias poñen en perigo de desaparición irreversible unha gran parte deste tesouro. […] Cómpre unha acción institucional intensa (que pode estimular a cooperación privada, como acontece xa con certas Comunidades de Montes) que salve nesta lexislatura este tesouro, na seguridade de que na posterior sería xa inútil intentalo. […] A RAG considera boas todas as iniciativas pero advirte de que estamos ante unha emerxencia cultural. Precísase un proxecto máis ambicioso que nos permita salvar en catro anos a microtoponimia ou estarémola dando por perdida para sempre”.

Véxase como exemplo disto unha actuación en talasonimia, a toponimia do mar,  onde se pode comprobar a densidade da toponimia recollida previamente nas cartas náuticas e a da rexistrada posteriormente:

Conforme a isto, a seguinte actuación da Comisión de Toponimia foi o Proxecto Toponimia de Galicia, que pretendía recoller toda a microtoponimia de Galicia, “un plan orientado á recolleita, introdución nunha base de datos, normativización e dixitalización de toda a microtoponimia galega”. Desde que se empezou este traballo, para o que se contaba con técnicos de gabinete e traballadores de campo, recolléronse uns 400.000 topónimos, e prevese que en total, cheguen a 1.200.000, sumando as entidades de poboación, xeográficas, hidronimia, odonimia e nomes de terras (calcúlase que en Galicia existe unha densidade de entre 36 e 40 topónimos por km2).

Actualmente este proxecto está paralizado: non hai ningún traballador de campo e os técnicos de gabinete foron despedidos. Entretanto, case 80 aldeas quedan deshabitadas nun ano en Galicia -e xa van máis de 1.400-,  o que supón a perda irreparable de miles de nomes do noso patrimonio toponímico.

Alguén pode crer aínda que á nosa onomástica non lle cómpre protección?