Sr. Alcalde de Santiago:

Sabedores pola prensa da proposta da súa alcaldía de darlles nomes conmemorativos de organismos e personalidades civís e relixiosas a rúas de Santiago de Compostela que non o teñen asignado, dirixímonos a vostede e ó goberno municipal para ofrecérlle-la nosa colaboración.

A Asociación Galega de Onomástica (AGOn) creouse en setembro de 1999 co fin de promove-los estudos dedicados á conservación, divulgación e investigación da onomástica, posto que os nomes de persoa e de lugar e o seu estudo constitúen unha parte ben importante do acervo cultural dun país, e Galicia posúe un inmenso patrimonio toponímico case único no mundo. No concello de Santiago, a través do Proxecto Toponimia de Galicia (Xunta de Galicia), recolléronse preto de 10.000 formas, que doadamente se poden habilitar para bautiza-las rúas que os sepultan.

A crecente urbanización do territorio, á par dos indiscutibles beneficios que reporta, supón un grave risco para ese patrimonio porque debaixo de cada rúa que se abre quedan sepultados ducias de nomes de lugar, moitas veces únicos, que durante un tempo só se conservan na memoria das persoas pero que tamén morren con elas. O progreso débese entender como a incorporación da sociedade ás novas conquistas sen deixar perde-la herdanza natural e cultural que nos legaron os devanceiros.

Alén disto, usa-la toponimia tradicional ten outra vantaxe: Ninguén se vai ver ofendido porque se lle asignou ó nome dunha rúa o dun persoeiro de calquera campo social e estes sempre poden ser homenaxeados a través doutros recursos: denominación de edificios públicos, mencións honoríficas, estatuas… Coincidimos, pois, plenamente co Grupo de Expertos en Nomes Xeográficos da ONU que recomenda evitar o uso de topónimos conmemorativos cando existen nomes autóctonos vivos para un lugar.

Agardamos que no Concello de Santiago se aproveite esta oportunidade de ser un exemplo de respecto e defensa do patrimonio ante tódolos concellos do país.

Saudámolo atentamente e quedamos ó seu dispor.

En Santiago, mércores, 21 de marzo de 2012