Archive for the ·

Agon

· Category...

En memoria de Elixio Rivas

no comments

O 24 de setembro deixounos ós 97 anos o irmán paúl Elixio Rivas Quintas, socio fundador da AGOn e Presidente de Honra desde 2002, e un dos principais estudosos da toponimia galega das últimas décadas. Foi distinguido cos premios Otero Pedrayo (1980), a Medalla Castelao (2000) e a Medalla de Ouro da Provincia de Ourense (2019).

Natural de Fondo de Vila  (A Abeleda, Xunqueira de Ambía) era licenciado en Filoloxía e a súa tese Toponimia de Marín (1982) encádrase no inicio dos estudos modernos de Galicia sobre esta disciplina. Foi profesor das universidades de Santiago e Vigo nos campus de Lugo e Ourense, membro da Comisión da Toponimia de Galicia e un dos responsables da elaboración do actual Nomenclátor de Galicia, de 2002, obra en que a toponimia galega se actualizou e  normalizou despois de moitos séculos de transmisión deturpada. A historia tamén o lembrará polas súas achegas etnográficas e lexicográficas.

Ucraína: exónimos, alfabetos e transliteración

no comments

Un exónimo é o nome que un elemento xeográfico ten nunha lingua distinta da orixinal da zona onde este se localiza. Por exemplo, Londres e Castela son exónimos en galego. Pola contra, London e Castilla son endónimos nas súas repectivas linguas.

Na actualidade, en que é máis doado acceder á información, viaxar e escoitar outras linguas, temos menos dificultades para coñecer a forma escrita orixinal dun topónimo e como se pronuncia; por iso é unha tendencia mundial reducir os usos dos exónimos, sobre todo en contextos interlingüísticos e oficiais. Aínda así, todas as linguas teñen un repertorio de exónimos tradicional, coma en galego os devanditos Londres e Castela ou os nomes dos países africanos e as súas capitais do mapa inferior.

Cando a lingua dos topónimos (ou doutros nomes propios) está nun alfabeto distinto do noso e non a coñecemos, precisamos dunha transcrición ou transliteración para escribir e pronunciar eses nomes á nosa maneira e creamos tamén exónimos. Coa transcrición adaptamos o topónimo á nosa pronuncia, que é o que se facía tradicionalmente, pero dese xeito só o recoñecían os que falaban coma nós. Coa transliteración adaptamos a forma escrita dese nome de lugar ó noso alfabeto, polo que pode ser recoñecido noutras linguas que tamén o usen ; isto é o que hoxe se recomenda.

Moitas veces os exónimos chegáronnos por outras linguas que tiñan máis contacto cos países dos nomes orixinais, ou a partir de linguas que eran dominantes pero non propias deses países (coma o caso do ruso en Ucraína. Por iso case todas as linguas usaban Kiev, trasnliterado do ruso, para o nome da capital. Pero, hai alguns anos, o goberno de Ucraína propúxolle ó Grupo de Expertos en Nomes Xeográficos nas Nacións Unidas (UNGEGN) unha táboa de transliteración do seu alfabeto, cirílico, ó latino, táboa que eles mesmos usan e revisan periodicamente, por exemplo, para os nomes dos seus pasaportes. Existen outros sistemas de transliteración que se viñeron usando ó longo dos tempos, aínda que non sempre os utilizaron os mesmos países, linguas ou organismos. Por iso estes días estamos vendo tantas variantes dos nomes de lugar e de persoa ucraínos cando se escoitan noticias sobre o conflito.

Mesmo seguindo a táboa oficial, tamén é común adaptar algúns nomes ás particularidades de cada lingua, como o fixeron o Institut d’Estudis Catalans e a Real Academia Galega cando propuxeron para o nome da capital do país Kíiv (Kyiv, segundo a transliteración oficial), cambiando o <y> por <i> para así facilitar a lectura; ou cando se adapta a transliteración Ukraina (do cirílico Україна) ás formas ortográficas Ucraína, Ucraina e Ucraïna, en galego, italiano e catalán, respectivamente, linguas que non utilizan o <k> no seu alfabeto; ou cando se usan acentos gráficos.

Segundo a transliteración mencionada e incluíndo acento gráfico seguindo as regras do galego cando cómpre, así se escriben no noso alfabeto outros topónimos ucraínos das principais rexións e cidades: Cherkasy, Cherníhiv, Chernivtsi , Dnipropetrovsk, DonetskIvano-Frankivsk, Khárkiv, Khersón, Khmelnytskyi, Kirovohrad , Kremenchuk, Luhansk, Lviv, Mikolaiv, Mykoláiv, Odesa, Poltava, Sumy, Ternópil, Úzhhorod, Vinnytsa, Volinia, Zakarpatia , Zaporizhzhia, Zhytómyr.

[O mapa político de África cos exónimos galegos dos países e as súas capitais está tomado do espazo Abalar (www.edu.xunta.gal/contidos); a terceira imaxe, do twitter de Volodímir Zelenskyy]

Música e toponimia

no comments

As Tanxugueiras van ser candidatas a Eurovisión e aspiran a levar polo mundo a súa “Terra” e a súa lingua, que son as nosas. Pero tamén axudarán a divulgar  a toponimia galega co seu nome, que se nos explica neste “Allos con bugallos” do Portal das Palabras.

Ademais de moitos microtopónimos Teixugueiras ou que conteñen a palabra, en Galicia hai tres localidades chamadas A Teixugueira (en Cartelle, Salvaterra de Miño e Tui), dúas As Teixugueiras (Cartelle e Moraña) e tamén un lugar chamado Xinzo das Teixugueiras (Cartelle).

[Imaxe tomada da Wikipedia]

Un corsario inglés en Vigo

no comments

Sempre á caza de nomes, Gonzalo Navaza envíanos un documento en que lemos que no ano 1569 atracou en Vigo Juan de Aquines, ynglés, cosario [sic], que non é outro que John Hawkins, o famoso navegante, mercador e comerciante de escravos. Non sería estraño que no barco viaxase tamén Francis Drake, primo segundo de “Aquines”, pois sábese que dous anos antes o acompañara ás costas africanas nunha expedición para levar escravos ó outro lado do Atlántico.

Moito lle había gustar a Cunqueiro o nome romanceado do personaxe lembrado por Navaza, pois o mindoniense escribiu varias veces sobre o outro compoñente do famoso trío de corsarios isabelinos. Velaquí dous dos textos cunqueirianos en que nolo lembra:

Me he metido, entrando ahora mayo tan alegre, a viajar con el cronista Jean Froissart –el Frosardo de los Anales del aragonés Zurita–; salen graciosos y expresivos estos nombres corruptos, y el que más me gusta de los que chapurrearon los españoles del XV y XVI es el Guatarrás de la piratería, a la letra inglesa Walter Raleigh.

 

…aparecen diante das nosas costas os piratas ingleses. Son Walter Raleigh, que os nosos mariñeiros coñecerán polo Guatarrás, e sobre todo sir Francis Drake, que ataca Vigo e A Coruña…

(A.P.)

Nome do día: Santiago de Compostela

no comments

Non, Compostela non vén do latín CAMPUS STELLAE. É un diminutivo do participio do latín COMPONERE ‘compoñer, adornar’. Este topónimo e todos os nomes dos concellos da Coruña explícaos Gonzalo Navaza na obra Os nomes dos concellos da provincia da Coruña, recentemente publicada polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, e pódese consultar na súa web.

Topónimo do día: Baiona

no comments
Baiona é o nome que Afonso IX lle impuxo ó lugar chamado Erizana cando lle outorga foro o 7 de maio 1201 (Navaza, 2016). Así se recolle no documento foral, hoxe desaparecido, pero que transcibira parcialmente Prudencio Sandoval no século XVII e que posteriormente Ávila y la Cueva traduce ó castelán no XIX. O topónimo é un eco do nome da localidade e comuna de Baiona (en gascón e éuscaro, linguas históricas do lugar), en francés Bayonne.

Nos textos galegos medievais, en latín e galego, aparece escrito fundamentalmente coas grafías Baiona e Bayona, pois o grafo <y> era o máis frecuente nos textos romances galegos para representar a vogal [i] nos hiatos (juyz) e nos ditongos decrecentes (muyto) e crecentes (mayor) (Boullón/Monteagudo, 2009: 39 e ss.).
En galego moderno Baiona é a única forma recomendada: non existe o <y> no noso alfabeto. Manter e defender a grafía antiga Bayona levaría á pronuncia castelanizada do topónimo, porque na lingua veciña o valor do <y> é principalmente consonántico. (L.M.)
  • Navaza Blanco, Gonzalo (2016), “A orixe literaria do nome da Coruña”, Revista Galega de Filoloxía 17, 119-164.
  • Boullón Agrelo, Ana Isabel / Henrique Monteagudo Romero (2009), De verbo a verbo. Documentos en galego anteriores a 1260. Anexo 65 de Verba. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.

 

Nome do día: Alberte

no comments

Alberte é un nome de orixe xermánica e procedencia posiblemente francesa, composto polos elementos góticos athal ‘nobreza’ e bairthts ’claro, brillante; célebre, famoso’.  Documéntase desde o século X, primeiro con variantes latinizadas (Aldiberto, Albertus, Aliuertus…) e despois xa coa forma galega, Alberte, que se mantívo con vitablidade ata o século XVIII; tamén chegou a nós como apelido patronímico.

A variante con –o , Alberto, só se documenta a partir do século XV, por influencia da maior parte dos nomes masculinos, que rematan con esta vogal. O seu triunfo posterior ha de deberse probablemente á presión da forma castelá. Por iso, na Guía dos nomes galegos, de próxima publicación na web da RAG, vaise propor como forma estándar unicamente Alberte. (A.B.)

[Alberte de Outeiro, veciño de San Tomé de Ames, 1574 (ACS)]

[Imaxe lateral: Comprobacións do Catastro de Ensenada en Baión (Vilanova de Arousa), 1764 (PARES)]

Terra Nomeada: Codeseda

no comments

 

Codeseda é un lugar da parroquia do mesmo nome, no concello pontevedrés da Estrada. O topónimo é un abundancial co sufixo latino -ĒTA, hoxe –eda, da planta arbustiva chamada codeso, en latín vulgar *CUTĬSSU ou *CUTĬSU, unha leguminosa silvestre que supoñemos frecuente no lugar. Nun documento da catedral de Santiago do ano 1154 o fitotopónimo aparece coa forma latinizada Coteseta.

Para saber máis deste e doutros topónimos do concello, pódese consultar o libro Toponimia da Estrada da autoría de Fernando Cabeza Quiles, publicado na colección Terra Nomeada pola Asociación Galega de Onomástica e a Real academia Galega. A descarga é gratuíta na páxina web da RAG.

Nome do mes, nome do ano: Xela

no comments

Xela é o hipocorístico de Anxela (e non Ánxela), forma tradicional galega do nome, datado en Galicia polo menos desde o século XVI.

Para o nome, proveniente do feminino do lat. ANGELUM esperariamos unha forma esdrúxula parella á do portugués Ângelo/Ângela pero, quizais pola frecuencia no galego do antigo sufixo diminutivo –elo/-ela, o nome sufriu un desprazamento acentual, que non sabemos cando se produciu pero que xa estaba consolidado na segunda metade do século XIX, como confirman estes versos de Añón e Rosalía.

Con que solás facía varios ramos / de froliñas do monte para Anxéla! / (este era o nome dela) / na cabeza poñíal(l)as en roda… / Oi, era un gusto máis graciosa velaq’unha novia no día da súa boda

Añón, 1845. “Recordos da Infancia / Égloga”

Bebía no seu peito o paxariño, / tan branco relumbraba! / I olor, color, sabor, que eu ben sabía / o que sabía Anxela, / anque n’inda a cheirala me astrevía… / Todo ós meus ollos era santo nela!

Rosalía de Castro, 1880. “Por que?” (Follas Novas)

Anxela e Xela son formas propias e exclusivas e as recomendadas no galego moderno; a variante Ánxela é etimolóxica e harmónica co portugués e o castelán e recuperouse recentemente.

Xela Arias foi a autora homenaxeada nas celebracións das Letras Galegas deste ano 2021. Rexistrárona ó nacer como María de los Ángeles, nunha época en que aquí non se podían poñer nomes en linguas distintas do castelán. Ela optou por galeguizar o seu nome en 1994.

[Imaxe tomada da web da RAG, da sección Primavera das Letras dedicada a Xela Arias]. LM.

Terra Nomeada: A Ría de Abres

no comments

O nome desta parroquia de Trabada, estrema dun val que atravesa o Eo e ata onde chegan as mareas vivas, está composto pola palabra ría, feminino creado a partir de río (do latín RIVU ‘id’) e Abres, nome ademais dunha parroquia do concello asturiano da Veiga e que contén o concello e parroquia de Santiago de Abres, tamén en Asturias. Este último é un topónimo opaco e considérase que, ou ben é o resultado dun nome persoal ou está formado pola raíz prerromana *ab– ‘auga’. Abres figura como Ables no século X e, a partir do século XII, alterna entre Avles, Avres e Abres.

Para saber máis deste e doutros topónimos do concello, pódese consultar o libro Toponimia de Trabada de Xulia Marqués Balea, publicado na Colección Terra Nomeada, pola Asociación Galega de Onomástica e a Real Academia Galega. A descarga é gratuíta na páxina da RAG.