| Os indíxenas das Andamán |
|
|
| Manoel Santos | |
| Sbado, 08 Xaneiro 2005 | |
|
No leste do golfo de Bengala está o Mar de Andamán e o arquipélago homónimo. Xunto ás Nicobar, máis ao sur, as Andamán forman unha rexión autónoma da India de 550 illas, das que unhas tres ducias están habitadas, sobre todo por grupos tribais moi antigos. Para nós son as típicas illas paradisíacas do Índico, con vizosas praias de augas transparentes e unha mesta selva tropical. O terremoto do 26 de decembro tivo o seu epicentro a só uns centos de quilómetros ao sur do arquipélago, e o tsunami orixinado fixo temer pola extinción de culturas que se remontan alén dos tempos. As Andamán foron colonizadas polos británicos en 1858. Nelas atoparon catro tribos que aínda hoxe sorprenden pola súa cultura e rasgos antropolóxicos, pois non son asiáticos, senón negroides, como os pobos subsaharianos. Son cazadores-recolectores, nómades, habitantes da selva e hostís ao contacto coa nosa civilización. Usan arco e frechas e aliméntanse de raíces, bagas, mel, porcos salvaxes, tartarugas e dugong (un mamífero mariño). Disque poden levar alí 60.000 anos e as súas linguas son inintelixibles entre elas, polo que se pensa que levaban vidas illadas ao chegaren ás illas. Ata a chegada do Imperio as tribos non foran contactadas, e claro, xa se supón o que aconteceu. Nas illas grandes só queda unha, os jarawa. Outras dúas, granandamaneses e onge, foron decimadas ao seren obrigadas á sedentarización por británicos e indios –logo da independencia en 1948– respectivamente. O contacto cos colonos provocou centos de baixas por enfermidades, a expulsión dos seus territorios e o troco dos hábitos de vida fixo o resto. Ata hai uns días só quedaban 41 granandamaneses dos 5.000 que había en 1848 e a poboación onge non chegaba ás 90 persoas, cando en 1900 eran 700. A cuarta tribo, a dos sentineleses, tivo máis sorte. Vive lonxe das illas grandes, en Sentinel do Norte, e aínda hoxe a meirande parte dos seus compoñentes non foron contactados, polo que non se sabe se son 50 ou 250. Amosan hostilidade perante os desembarcos de funcionarios indios e furtivos birmanos que van na procura de lagostas. O goberno renunciou á súa sedentarización e os helicópteros que estes días sobrevoaron a illa para coñecer o seu estado foron atacados con frechas. ¿E os jarawa? Hogano son a tribo máis numerosa –200-300– e ameazada das Andamán. Viven nas selvas dunha reserva creada en 1957 e seguen a rexeitar o contacto co exterior. Os seus problemas comezaron en 1970, cando foi construída a estrada das Andamán, que atravesa a reserva. Isto supuxo a entrada de colonos, turistas e furtivos, milleiros de árbores taladas, o descenso da caza e a chegada de enfermidades contra as que non tiñan inmunidade. De feito, en 1999 a tribo case desaparece por mor do sarampelo. En 2001 a ONG Survival intercedeu por eles e demandou o peche da estrada, o remate das talas e a retirada dos colonos da Reserva Jarawa. A campaña internacional logrou unha sentencia favorável do Tribunal Supremo en 2002. Expertos mundiais foron quen de facer ver aos xuíces que a historia demostra que cando os pobos nómades son sedentarizados forzosamente sofren enormes problemas sociais e rematan decimados polas enfermidades e os “vicios da vida moderna”. Foi a meirande vitoria de Survival nos seus 34 anos de loita polos dereitos dos pobos indíxenas. Aínda así, recentes informes falaban do aumento do furtivismo na reserva e da explotación sexual das mulleres a mans de forasteiros que introducían nas comunidades indíxenas alcohol, tabaco e produtos dos que a tribo comeza a depender. A loita continúa. Nas Nicobar hai outras dúas tribos. Uns 380 shompen, tamén cazadores-recolectores, viven na illa Gran Nicobar e uns 30.000 nicobareses noutras como a de Car Nicobar. Estes últimos son unha tribo sedentarizada, de agricultores cristianizados e asimilados pola vida moderna, de aí o seu éxito. Suponse. O día 5 chegaron as primeiras novas das illas, que falaban de que case a totalidade das tribos safaron sorprendentemente do tsunami. Non se sabe con certeza, mais os expertos din que estes pobos nómades levan miles de anos acumulando coñecementos sobre o océano e as súas flutuacións, e que alarmados polo comportamento do mar e dos animais puxéronse a salvo nas partes altas das illas. Non aconteceu o mesmo cos sedentarios nicobareses. As 12 aldeas de Car Nicobar foron borradas do mapa e os mortos cóntanse por milleiros. Quen sabe se a nai natureza, desta vez cruelmente, so decidiu premiar aos que viven con ela en harmonía.• |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|








