| Estados Unidos e Latinoamérica |
|
|
| Escrito por James Petras | |
| Luns, 01 de Xaneiro do 2007 | |
|
Resumo de 2006 e perspectivas para 2007
[Traducido para Rebelión por Félix Nieto y revisado por Caty R.] Introdución: Escalada dos conflitos militares Para entendermonos as relacións entre EEUU e Latinoamérica no ano que se acaba e a previsíbel traxectoria que seguirán o ano entrante, é obrigado ter en consideración tres aspectos:
A política imperialista estadounidense continúa perseguindo vitorias militares en Iraq e en Afganistán, dando apoio incondicional a Israel na súa guerra contra o goberno democraticamente elixido de Palestina e ameazando con atacar a Irán (por si mesmo ou a través de Israel). Noutras palabras, as interminábeis e custosas guerras en Iraq, Afganistán, O Líbano e Palestina continuarán en 2007. Unha escalada militar, incluíndo aumento de tropas estadounidenses e gastos para guerras en Oriente Próximo; 800 millóns de dólares que se suman aos 3.000 millóns anuais para os plans israelís de atacar O Líbano, Palestina e especialmente Irán. Os comentaristas que interpretan a política estadounidense a través de enquisas públicas de opinión, procesos electorais (a vitoria dos demócratas), informes recomendados (Grupo de Estudo sobre Iraq, de Baker), os índices de baixas en Iraq e unha predícibel retirada gradual, non entenden a lóxica da estratexia política da Casa Branca. Para o réxime de Bush, os fracasos militares débense á aplicación dunha forza insuficiente; o que fai falta, argumentan, son máis tropas e máis diñeiro nos orzamentos militares (BBC 16/12/06). Polarización En EEUU, Latinoamérica e no mundo en xeral estanse producindo divisións profundas que están conducindo as políticas e provocando cada vez máis conflitos. As liñas divisorias en EEUU entre os dous partidos sobre o asunto da confrontación ou negociación en Oriente Próximo están moi marcadas. Por unha banda a Casa Branca, secundada por demócratas que apoian a guerra, republicanos, presidentes das principais organizacións xudías, grupos de veteranos dereitistas, intelectuais neoconservadores e a maioría dos medios de comunicación. No outro lado atópanse as minorías dos dous partidos e dos medios de comunicación, a maioría da opinión publica, sectores de oficiais do exército (retirados e en activo) intelectuais e críticos prominentes do lobby sionista e políticos de guerra como Brzezinsky, James Carter e James Baker entre outros. Divisións similares aparecen con respecto á política en Latinoamérica. A Casa Branca apoiada polos cubanos de Miami, o Pentágono e unha minoría de ideólogos dereitistas e grupos de empresarios propugna unha presión por medio da forza e a intervención en Cuba, Venezuela e Bolivia apoiando o presidente ilexítimo [de México] Calderón, os separatistas de Santa Cruz en Bolivia e outros extremistas autoritarios da zona. Con varios graos de oposición, os congresistas liberais e conservadores teñen o respaldo de exportadores do sector agrícola, axencias turísticas, a maioría da opinión publica e sectores do Departamento de Estado encabezados polo secretario para os Asuntos Latinoamericanos, Shannon, que apoia unha maior énfase diplomática, máis negociacións e un achegamento das posicións. Dentro de Latinoamérica tamén se produciron divisións profundas que recruarán en 2007. En México, o réxime minoritario de Calderón enfróntase a unha oposición sen cuartel por parte da coalición do AMLO, as asembleas populares de Oaxaca, os sindicatos e os movementos sociais. Cando leve a cabo a profundación da liberación da economía e a militarización do país para implementar o seu programa, a polarización farase aínda máis grande. En Bolivia, as elites de empresarios dereitistas e os empresarios agrícolas reagrúpanse aproveitando as políticas conciliadoras de Evo e a súa incapacidade para levar a cabo as súas políticas distributivas (de terras e de salarios) e consolidaron unha base de poder en Santa Cruz que obrigou a Morales a retroceder nas súas reformas, aumentando o descontento popular. Algo parecido ocorreu en Ecuador entre os campesiños indíxenas da rexión andina e os baróns das terras e banqueiros da costa. En Colombia a división entre as forzas paramilitares aliadas do presidente Uribe e as organizacións populares civís (e a guerrilla) incrementouse (Boston Globe, 14/12/06). En Venezuela a polarización entre os socialistas e os social-liberais chavistas (e os seus aliados da oposición 'moderada') sairá á luz en 2007 cando Chávez desenvolva os cambios no partido e no gabinete na súa persecución dunha axenda socialista. Estas divisións internas en EEUU e en Latinoamérica lévanse a cabo dentro dun contexto internacional que radicaliza as confrontacións nacionais e de clase. Contexto internacional Hai dous procesos históricos mundiais que afectan á política estadounidense con Latinoamérica:
As guerras de Oriente Próximo e do sur de Asia estenderon en demasía ás tropas estadounidenses, o que fixo máis difícil o apoio doméstico a novas guerras e fixeron que o orzamento militar teña “poucos recursos”. Estas consecuencias debilitaron a capacidade de EEUU para intervir en Latinoamérica apoiando un golpe militar e moito menos para unha invasión militar. Como resultado EEUU depende dos seus clientes en Latinoamérica para que defendan alí os seus intereses (Calderón, os baróns terratenentes de Santa Cruz, García, Uribe). A dinámica de crecemento de Asia, principalmente China e A India, e a súa demanda de materias sen procesar (ferro, cobre e petróleo), alimentos e produtos agrícolas (como a soia) resultou nunha competencia máis grande con EEUU e a UE para o acceso de exportadores e provedores latinoamericanos, aumentando o prezo e os ingresos para os tesouros de Latinoamérica (máis excedentes en comercio e orzamentos). Asia aumenta a diversidade de mercados e investidores para as exportacións latinoamericanas. Estes cambios reducen a dependencia do financiamento externo (especialmente do FMI) e dos mercados estadounidenses, o que significa que Washington perde poder diplomático e político sobre os réximes latinoamericanos, mesmo sobre réximes neoliberais como os de Lula, Bachelet, Kirchner e Vázquez. Enfrontado a unha perda de capacidade militar e ao devalo de influencia política, Washington estase situando nun compromiso entre a liña dura militarista da Casa Branca e os negociadores (de mercado) do Departamento de Estado. A esencia dese compromiso é aplicar unha “política de dúas vías”, combinando o apoio á oposición subversiva en países onde esta é poderosa (Bolivia) e negociación onde a oposición é débil (Venezuela). Con respecto aos réximes neoliberais, que teñen certo nivel de autonomía (Brasil, Chile e Arxentina), Washington poñerá énfase nas relacións bilaterais e intentará maximizar as oportunidades económicas, mentres que non fará ningunha concesión cara aos movementos de masas, especialmente cando demanden unha volta atrás nas políticas de privatización A política de dúas vías combinarase nos casos de Cuba e Venezuela con promesas de diálogo e acordos condicionados a importantes concesións en diplomacia, propiedade e investimentos combinados cun continuo apoio financeiro aos axentes desestabilizadores. Latinoamérica: Cambios políticos e resposta estadounidense A resposta de EEUU, un tanto débil, aos cambios de réxime en Latinoamérica teñen unha explicación sinxela: o feito de que estes cambios non producirán ningunha variación importante nas estruturas socioeconómicas, polo menos nun futuro próximo. A manifestación máis nidia destes efectos marxinais das vitorias de centro esquerda é o caso de Lula, que deixou claro, mesmo aos seus máis ferventes intelectuais (Frei Betto, Emir Sader, João Pedro Stedile) que consideraba “o esquerdismo como unha desorde infantil” (‘La Jornada’, 14/12/06), un apuntamento moi apreciada nos círculos de empresarios de todo o hemisferio. Sen dúbida Wall Street sentiuse compracida de que o Partido dos Trabalhadores (PT) de Brasil votase para que se duplicasen os soldos dos congresistas, que pasaron de 6.500 a 12.000 dólares mensuais (tamén se duplicaron os orzamentos mensuais de cada congresista, ata 75.000 dólares) mentres que aumentaba o salario mínimo 7 dólares, de 159 a 166 (un 1,7% logo da inflación) (‘Financial Times’, 16/17-12/06). Un de cada 5 congresistas brasileiros (bastantes da coalición de Lula) están sendo investigados por delitos de corrupción. Especuladores de Wall Street investigados por fraude, malia todo, recibiron cuantiosos bonos de fin de ano; sentiranse identificados cos que fan as leis en Brasil, que dobraron os seus soldos, mentres esperaban os cargos criminais que lles foron imputados. Contrariamento ás expectativas da Casa Branca, aínda que bastante do seu agrado, o réxime de Evo perseguía políticas fiscais ortodoxas e austeras encamiñadas aos excedentes de orzamentos, evitando calquera política redistributiva (practicamente sen expropiacións de terra, minas ou enerxía). Mentres Evo desbarataba os movementos sociais e centrábase en procedementos legais interminábeis, a oligarquía reagrupábase estendendo a súa base de poder en Santa Cruz e ameazando con derrocar o goberno. Mentres os oligarcas bolivianos clientes de Washington avanzaban cara ao poder (‘La Jornada’, 16/12/ 2006), Evo Morales continuaba coas súas políticas autodestructivas de retórica populista simbólica e máis concesións ás elites. Washington mantivo un pé en ambos os campos, provendo máis de 60 millóns de dólares en axuda exterior a Evo e incontábeis millóns á posición de Santa Cruz, que organizou masivas manifestacións separatistas (‘HoyBolivia.com’, 16/12/06). A liña branda dos negociadores (Shannon) reforzou a súa posición fronte á liña dura de Washington na política con Venezuela, sinalando a vitoria electoral de Chávez (63% dos votos) como motivo de reproche (‘La Jornada’, 14/12/06). Shannon manifestou en Washington que un sector significativo do goberno de Chávez está aberto a negociar un pacto que implica conxelar o statu quo, atenuar a súa crítica ás políticas imperialistas de EEUU, consolidar os acordos do gas e do petróleo e bloquear calquera paso encamiñado á socialización da economía. Perspectivas para 2007 A posición internacional de EEUU en 2007 continuará a deteriorarse. A próxima escalada militar masiva en Iraq, a transferencia a gran escala de armamento cara a Israel para a ameaza de atacar a Irán, Siria, Hezbolá ou Hamás (ou a todos á vez) non diminuirá a resistencia armada en Iraq. Un ataque Israelí a Irán (apoiado por EEUU) estendería a guerra a todos os estados do Golfo Pérsico, incluíndo Arabia Saudita. O 15 de decembro de 2006 Bush entregou a “medalla presidencial da liberdade” ao extremista israelí Natan Sharansky -que avoga polo xenocida “traslado” de todos os palestinos do Gran Israel- simbolizando o encontro das mentes do imperialismo militar de Estados Unidos co brutal colonialismo expansionista israelí. A total ignorancia de novas iniciativas diplomáticas (como as recomendacións do Grupo de Estudo para Iraq de Baker), é o resultado dunha combinación de forzas do poderoso lobby proisraelí e o de Bush-Cheney e Rice na Casa Branca. Washington, por mor da súa enorme presenza militar en Oriente Próximo, seguirá a súa política das dúas vías en Latinoamérica. A Casa Branca apoiará os seus clientes no poder (como Uribe, Calderón e García); o Estado, o Tesouro e os departamentos de comercio chegarán a acordos comerciais cos réximes neoliberais máis 'autónomos' como o de Lula, Bachelet, Vázquez e Kirchner, para distancialos de Cuba e Venezuela e estreitar as súas relacións con EEUU. Con respecto a Bolivia, Washington continuará presionando a Evo para que aplique máis concesións á coalición cívico-oligarca de extrema dereita con base en Santa Cruz, permitindo ás elites locais enarborar a bandeira dos intereses imperialistas estadounidenses. En Venezuela a política das dúas vías intentará agrandar as diferenzas políticas entre o movemento chavista, co fin de bloquear novas iniciativas de Chávez cara a unha maior socialización e para promover unha nova configuración política de opositores moderados e chavistas liberais. O punto máis frouxo na estratexia de Washington cara a Latinoamérica é o rexurdimento de movementos sociopolíticos como os que estalaron a finais dos 90 e principios do novo século: o MST en Brasil, os traballadores, campesiños e indíxenas en Bolivia e en Ecuador, o levantamento popular en Oaxaca e as protestas nas eleccións en México, están en proceso de reagrupamento e todos eles sen sufrir unha soa derrota. Os principais movementos populares manteñen as súas estruturas organizativas e recuperaron a súa independencia política. Axiña volverán ser capaces de provocar novos levantamentos e confrontacións políticas coas oligarquías no poder ou coas tropas de choque nas rúas. O ano novo non promete máis do mesmo; comezará cunha considerábel escalada militar en Oriente Próximo pero é moi probábel que acabe cunha debacle de maiores proporcións, asegurando unha maior crise política e aumentando a inestabilidade económica en Oriente Próximo, Latinoamérica e EEUU. O debilitamento do réxime político estadounidense abrirá novas oportunidades para unha ruptura decisiva co imperio estadounidense, coa condición de que os resurxentes movementos sociopolíticos poidan sobrepoñerse aos atrancos que lles poñerán as novas elites políticas formadas por antigos esquerdistas e as oligarquías tradicionais.• |
| < Ant. | Seg. > |
|---|








