Menu Content/Inhalt
Inicio arrow Política arrow Ano da Memoria (duns poucos)
Ano da Memoria (duns poucos) Imprimir Correo-e
Escrito por Manoel Santos   
Mrcores, 22 de Marzo do 2006

[ Extraído de Galicia Hoxe ]

Disque este é o Ano da Memoria Histórica. Está ben o nome porque o que se tenta facer lembrar, mais ca nada o 75 aniversario da proclamación da II República e como esta, sendo aínda unha meniña, caeu por un golpe militar, é para iso, para os que teñen memoria, esa facultade mental pola que se lembra o pasado e que se pode exercitar pescudando na capacidade de retentiva individual, e mesmo colectiva. A memoria é o que ten. Estar está, pero non sempre quere –ou pode– saír.

Digo eu, que se este é o ano da memoria será para cuspir fóra das zoupas do silencio, tamén histórico, o que foi aquela ilusión –non sei se na súa acepción de esperanza ou na de realidade virtual– do 14 de abril de 1931. E se non das poutas do silencio si das da deturpación e a propaganda que fixo, por exemplo, que a miña avoa cando me amoso un pouco contestatario me diga: pero ti fillo, moi republicano es?

Daquela sei que o pobo, case que espontaneamente, tirou cara unha forma de goberno democrática, a primeira (stricto sensu) na curta historia do estado español. Lendo un chisco –o pouco que me aprenderon na escola sobre a República foi tan efémero coma os recreos das once– un decátase de que foi a primeira vez que se emprendeu unha verdadeira reforma agraria, a separación entre igrexa e estado, o sufraxio universal, o recoñecemento de moitos dereitos sociais e que tamén agromou unha solución aos problemas territoriais do estado grazas á aprobación nas Cortes dos estatutos de autonomía de Catalunya e o País Vasco, e ao plebiscito positivo e non consumado do galego. Os galegos o que é  sorte histórica, pois máis ben pouca. Dicía o Beiras este martes no paraninfo do Reitorado da Universidade de Vigo, nunha conferencia sobre o concepto de república, que o actual sistema autonómico está morto. En Catalunya e en Euscadi por colapso, por esgotamento, e na Galiza por inanición.

Ben está pois que eses aos que este ano lle andan a remexer na memoria lembren que unha república vén diso de “res publica”, da soberanía dos pobos, un sistema moito máis xusto que este pesudodemocrático de xefe de estado perpetuo por obra e graza do sangue e “res privata” imposta no cumio da pirámide do poder.
Mais logo estamos os que non temos memoria, non por desmemoriados senón por idade, os que medramos nun sistema educativo no que a República era sinónimo de lume nas igrexas, os que estudabamos o da Fronte Popular de corrido para aprobar o control, os que non nos plantexabamos como era que podía haber nacionalidades e non nacións, ou os que ignorabamos que Galiza tivera sido un reino malia que leramos nos cadaleitos de pedra da catedral de Santiago o de “rex galletiae”. Houbo reis e non reino?

É este ano da memoria tamén para nós? Porque para quen non o saiba, facer un exercicio de memoria dende as cadeiras parlamentarias –representativas que non participativas– a xeito de proposicións de lei e declaracións institucionais tanto nos ten aos do común. Aquí abaixo, nas rúas do país, de pouco serve restaurar a imaxe pública de Alexandre Bóveda ou de Ánxel Casal porque pouca xente fóra da espiral nacionalista sabe quen eran, e de pouco vale celebrar os 75 anos da República porque non se sabe que é unha república (se non temos a sorte de escoitar ao Beiras).

Para termos memoria primeiro temos que ter coñecemento, e para ter este alguén nos ten que aprender. Como valorar figuras como as de Bóveda e Casal se non plantexamos o ideario nacionalista como o que é, un concepto de identidade, no canto de xerar falsos demos sobre radicalismos, separatismos traumáticos e egoísmos inexistentes? Como celebrar a chegada da república se é implantexábel cuestionar a monarquía, o neoliberalismo que esgana á humanidade e falar sobre trocos de sistema ou de inservíbeis cartas magnas? Hai tanta memoria que crear!

Menos mal, e volvo á lección maxistral do Beiras do paraninfo, que a historia dos pobos nos agasalla ás veces con sorpresas inesperadas, sobre todo para os que nos laiamos do inmobilismo social que alimenta a inxustiza humanitaria deste mundo apodrecido. Á República chegouse por mor dunhas inocentes eleccións municipais. Simplemente gañaron as candidaturas republicanas e o xefe de estado non eleito tivo que liscar. Así, de súpeto, cando todo parecía perdido para un pobo mergullado nunha profunda crise económica (1929) e nunha ditadura. En ditadura (neoliberal de pensamento único) estamos. Só nos queda estar preparados para cando veña a crise dos cartos.• 

 
< Ant.   Seg. >
I CARREIRA DO CORGO. A CARREIRA POLA DEFENSA DA PAISAXE

Artigos relacionados

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis