| Exército, para que? |
|
|
| Escrito por Manoel Santos | |
| Sbado, 14 de Xaneiro do 2006 | |
|
[ Publicado en Galicia Hoxe ] Cada vez que o Reino (e non falo do medievo) profunda un chisco na Carta Magna esa do 78 que, pola decisión dalgúns interesados e a aquiescencia de millóns de temerosos votantes do mal menor, rexe o seu destino, móntase gorda. Monarquía só para homes, café para todos (ata para quen non o pediu), nacionalidades sen nación… Velaí que agora decatámonos que levabamos no barco desta crispada democracia parlamentaria un perigoso "alien", un oitavo pasaxeiro. Porque o abraiante das declaracións do xeneral Mena –delegado do Rei na Pascua Militar–non foi o que dixo, xa que ninguén cre que os militares teñan nin capacidade nin vontade para se erguer contra decisións políticas, senón o que citou. O "alien" da Constitución, o artigo 8 ese que fala das Forzas Armadas como defensoras da integridade territorial de España –malia que a xente decida unha outra cousa– atribúelles un papel de árbitro moi pouco democrático, pero real. De feito, o único que fixo Mena foi ler, con evidente mala intención, un artigo que está aí, e se non gusta, como outras moitas cousas da Carta Magna, pois revócase, derógase, cámbiase ou o que sexa, que xa está ben de falar da Constitución como se foran mandamentos gravados en pedra. Que ata a pedra se pode pulir. Para canteiros nós! Outra cousa é servirse do oitavo pasaxeiro para exercer presión sobre as negociacións políticas, o que é condeábel eticamente, pero pouco máis. Mais do caso Mena o que a min me interesa e facer debate e sacar conclusións. Por unha banda está o do necesario, case urxente xa, troco desa Constitución que tanto alporiza ás clases política e mediática, e pola outra está o do exército, que hogano vale máis ca nada para crispar. E se abolisemos as Forzas Armadas? E se Paco Vázquez quedara sen eses desfiles cos que tanto goza? Imaxinade canto máis habería para investir en educación, en saúde ou en axuda se non convertéramos os cartos en pólvora, sobre todo sabendo que os gastos militares nos últimos anos, especialmente dende o 11-S, están a se achegar de novo aos niveis acadados na Guerra Fría. Os gobernos mundiais gastan cada ano máis dun billón de dólares en armas, mentres que só achegan 79.000 millóns á axuda internacional. Vaia, que fan un indecente investimento en guerras cando a realidade é que a única guerra necesaria no mundo é contra a pobreza. No estado español, o progresista goberno ZP presentou uns orzamentos para 2006 que incrementan o gasto militar por riba do 6%. Pescudando polo miúdo hai aberracións como o do presuposto para investigación militar (desenvolvemento de novo armamento e mesmo cartos de I+D desviados a Industria para isto) que medra un 26,5%, ou o dos salarios dos militares, un 18,6%, moi por riba do IPC, do que nos medra a nómina aos que non contamos para o artigo 8. E hai cousas aínda peores, como o dos fondos destinados á acción humanitaria. No bienio 2003-2004 o 50% foron parar a Defensa porque, disque, o exército realiza accións de axuda humanitaria en moitos lugares. Porén, a axuda que máis precisa o mundo non é a humanitaria –malia que de seguro a faría mellor e máis barata un corpo civil de paz con profesionais ben formados– senón a axuda ao desenvolvemento, e para isto os de uniforme non valen, pois o seu negocio é o da destrución. Hoxe, as meirandes ameazas para o planeta veñen de fontes non militares, da fame, do cambio climático, das pandemias… ao cabo da globalización, e a integridade territorial dos Estados (razón de ser dos exércitos) está garantida por outros medios, como os económicos, se é que a dita integridade ten sentido por riba das persoas. Redirixir as actividades dos militares cara a outras funcións atranca o posíbel xurdir de institucións civís democráticas (nas que non habería problemas de recrutamento), que son as que as deberían facer, e non só descargar esa responsabilidade en ONG e soldados. No mundo hai máis de 20 países sen exército (abolidos ou desmobilizados) como Costa Rica, Andorra, Samoa, Maldivas, Panamá ou Haití, e os seus habitantes non os botan en falta. Por exemplo, Costa Rica, que aboliu o exército en 1948, conta hoxe coa poboación máis pacifista do mundo, milita no antimilitarismo, e malia que a defensa da nación corresponde á forza pública (policía), están a avanzar cara ó que eles chaman a abolición perpetua, para que a dita defensa non resida nunca máis nas armas, senón nos mecanismos de resolución pacífica da comunidade internacional. Así de ben lles foi sen militares. • |
| < Ant. | Seg. > |
|---|








