Ir á páxina de inicio Ir á páxina da Xunta
CULTURA

CULTURA - A CULTURA GALEGA A TRAVÉS DAS NOVAS TECNOLOXÍAS

O desenvolvemento da sociedade da información e do coñecemento é un elemento fundamental para o progreso de Galicia, que lle permitirá alcanza-la converxencia coas comunidades autónomas máis avanzadas e cos países da Unión Europea.

A cultura galega na internet

A través do relanzamento do audiovisual e dos contidos multimedia, aproveitando a converxencia entre o audiovisual e a internet, a principal liña de actuación é a promoción dos contidos propios da cultura galega na internet, para xerar emprego na industria de alta tecnoloxía de contidos, aumenta-lo número de volumes dixitalizados e o número de visitantes ó ano.

A finalidade da actuación integral do proxecto Puntos de acceso público en bibliotecas é facilitar á cidadanía á cidadanía o acceso gratuíto á información dispoñible na internet dende bibliotecas públicas mediante terminais informáticos. Cada comunidade autónoma definirá os obxectivos e actuacións e colaborarán os ministerios de Educación, Cultura e Deporte e de Ciencia e Tecnoloxía e os concellos. As actuacións incluirán:

imaxe ampliable: Mapa de bibliotecas a integrar no programa de internet 2003-2005
Pode ampliar a imaxe premendo sobre ela
Esto abrirá unha nova xanela

Entre os fins deste proxecto está dota-las bibliotecas públicas galegas de infraestructura tecnolóxica, de conexión (acceso á internet) e de terminais con acceso á internet dispoñibles ó público, así como incorporalas a un sistema de xestión bibliotecario multimedia en rede, situado e administrado polo Centro Multimedia de Galicia para optimiza-los recursos físicos e humanos. Deste xeito crearase un catálogo colectivo e compartido alimentado on-line por cada unha das bibliotecas pertencentes á Rede de Bibliotecas de Galicia para contar cunha “Biblioteca de bibliotecas”, na que o usuario accederá a todo o patrimonio bibliográfico galego.

En 2003 dotouse de equipamento, servicios de dixitalización e catalogación co Centro Superior Bibliográfico e de conexión á internet a 87 bibliotecas locais. Preténdese estender este servicio á totalidade de bibliotecas públicas da Rede de Bibliotecas de Galicia, máis de 300, entre os anos 2004 (110 previstas) e 2005 (115 previstas).

Equipamento audiovisual e multimedia para actividades culturais

Por segundo ano consecutivo, para potencia-lo uso das tecnoloxías da información e a comunicación e poñelas á disposición das entidades que as utilizan para as súas actividades culturais e sociais, a Consellería de Cultura establece unha liña de axudas a entidades sen ánimo de lucro. As axudas aumentaron nun 53% (100. 000 euros) dado o éxito da convocatoria do ano anterior (en 2002 repartíronse 187.564 euros a oitenta e seis entidades).

Dende hai máis de dez anos estase axudando ós concellos na dotación de equipamento para a posta en marcha do servicio de radiodifusión municipal (no último ano concedéronse 90.000 euros a trinta e tres concellos). A convocatoria de 2003 presenta unha nova liña de axudas para que os concellos adquiran equipamento audiovisual e multimedia dirixido a realiza-lo seu plan de actividades socioculturais. O orzamento destinado a este fin ascende a 450.759 euros.

Divulgación e promoción

- Aulas multimedia

É necesario aplicar liñas de actuación para a promoción do uso da internet por parte da sociedade, programando eventos que permitan achega-la tecnoloxía á poboación e incentivando a renovación dos ordenadores persoais.

A través das trece Aulas Multimedia existentes en 2003 ofrécese ó cidadán unha ampla oferta cultural na que traballa o Centro Multimedia de Galicia. Esta oferta cultural inclúe teleformación, para acceder a cursos off-line a través da plataforma de teleensino, cursos on-line, xogos culturais en rede e un programa de formación innovador, onde se crearán obradoiros multimedia, zonas de ocio cultural, dispoñibilidade de acceso a portais de bibliotecas ou de patrimonio cultural, etc.

Formación en multimedia

Dende o ano 2000 lévanse a cabo cursos gratuítos de formación en novas tecnoloxías, emitidos dende o Centro Multimedia de Galicia á rede de aulas interconectadas entre si a través da Autoestrada Galega da Información. No programa de formación 2002-2003 houbo 6.019 persoas interesadas, das que 984 pasaron polas diferentes aulas multimedia nas que se realizaban os cursos.

Na súa cuarta edición, o novo Programa de formación está integrado por:

- Cursos on-line, sobre ferramentas de vídeo dixital, deseño gráfico e multimedia

- Obradoiros da internet e de creación de sitios web

- Xornadas técnicas sobre “Creación audiovisual” e “Animación 3D”

- Cursos off-line dentro da plataforma de teleformación

Xeración de contidos e posta en escena a través da exposición “Galicia Dixital”

imaxe ilustrativa

Dende a súa posta en marcha, en decembro de 2000, “Galiciadixital” supuxo un importante paso adiante nas mostras realizadas na comunidade. Entre as súas peculiaridades destaca o carácter de museo permanente e o feito de servir de plataforma de experimentación de novos sistemas e contidos audiovisuais realizados por empresas e institucións galegas, que despois se incorporarán á Cidade da Cultura. Dende a súa inauguración ata o 31 de xuño de 2003 recibiu 97.361 visitantes.

Un dos seus grandes alicientes é a continua renovación dos contidos das súas nove salas con achegas de empresas e universidades galegas, cun carácter dinámico de investigación e experimentación de novas tecnoloxías e audiovisual.