O 1 de outubro de 1991, mediante un acordo administrativo entre o Ministerio do Interior e a Xunta de Galicia, adscribiuse unha unidade do Corpo Nacional de Policía á Comunidade Autónoma e ó servicio da Xunta de Galicia. Esta conta na actualidade con 398 axentes, distribuídos por todo o territorio, coa súa xefatura na cidade de Santiago de Compostela e sedes provinciais na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e a local de Vigo. Para o ano 2004 tense previsto que esta unidade acade os 500 axentes.
O modelo policial galego, así chamado pola súa peculiaridade de adscrición a Galicia, organizouse segundo o previsto no Estatuto de Autonomía e na Lei 2/1986 de forzas e corpos de seguridade, xa que, podendo dispor de policía propia, optou por incorporar unha unidade do Corpo Nacional de Policía, dependente organicamente do Ministerio do Interior e funcionalmente da Xunta de Galicia.
A pesar do seu bo funcionamento durante estes 13 anos, detéctanse certas disfuncións en canto á dependencia orgánica, polo que se fai necesario avanzar neste sentido no convenio co Ministerio do Interior, para acadar mediante un modelo de colaboración, fronte ós de substitución, un corpo de policía da Xunta de Galicia.
A unidade de policía adscrita á Xunta de Galicia realiza funcións en seguridade integral, intervención e protección de autoridades, investigación de delictos contra a liberdade sexual, relacións familiares, malos tratos, protección do patrimonio histórico, incendios forestais e, en xeral, abarca a inspección das actividades sometidas á ordenación ou disciplina da comunidade autónoma.

A seguridade integral consiste en vixia-las sedes do Goberno da Xunta de Galicia e do Parlamento; en coordinación cos corpos de seguridade do Estado, encárgase da seguridade perimetral do resto dos edificios institucionais da comunidade. Planifica e executa tamén a protección de altas personalidades da Xunta de Galicia e outros altos cargos invitados pola Administración autonómica.
Como grupos operativos especiais de intervención actúan os equipos policiais de apoio ó Servicio de Inspección e Vixilancia Pesqueira, efectuando intervencións contra o furtivismo, marisqueo e pesca ilegal. Outro equipo de resposta policial realiza tarefas de protección das instalacións oficiais da Xunta de Galicia no caso de conflictos sociais, políticos e laborais, ademais da prestación de seguridade en actos oficiais ás autoridades da Administración autonómica.
Na investigación especializada, á parte da actuación de todo o relacionado co ambiente, incrementáronse os grupos de investigación permanente de incendios forestais, que desenvolven as súas funcións durante todo o ano e teñen como misión primordial a investigación das orixes e causas que producen os incendios forestais e a posta á disposición da autoridade xudicial dos presuntos autores deles, colaborando cos demais operadores policiais nesta materia mediante os órganos de coordinación.
Tamén se levan a cabo accións para protexe-lo patrimonio artístico, monumental e arqueolóxico de Galicia. Outro aspecto fundamental é o labor que se realiza no ámbito da violencia intrafamiliar e menores, no que grupos especializados atenden os casos de violencia de que son obxecto as víctimas no ámbito familiar, xunto con outro tipo de delictos como son: delictos contra a liberdade sexual e contra os dereitos e deberes familiares.
Por mor do Ano Xubilar compostelán 2004, a unidade de policía adscrita desenvolverá un programa especial para vixiar e patrullar polos distintos camiños que seguen os peregrinos, coa finalidade de lles presta-lo apoio e a seguridade que poidan necesitar; dentro deste prevese a seguridade e a protección de autoridades, cidadáns e peregrinos que acudan a actos e celebracións importantes que se realicen con este motivo.