A ra, un dos xogos máis sosegados do catálogo lúdico galego. Xogar a calquera idade.
Xogando bólos ao canteiro. Algúns deportes tradicionais van reaparecendo, aos poucos, ao abeiro das festas patronais.
Os elementos necesarios para xogar os bólos á modalidade o canteiro. A bóla e os bólos quedaban durante a semana mergullados en lama para que non perdesen peso ata a partida do domingo seguinte.
A chave, deporte xenuinamente galego. Diferentes tipos de chaves doutras tantas zonas do país.
A mariola ou truco no patio dunha escola. O deseño pintado no chan é unha permanente invitación a xogar.
Polo San Martiño, trompo no camiño. A habelencia necesaria para ser quen de bailar o trompo comeza xa no momento de vestilo.
O tiratacos, unha das armas populares máis usadas. Habelencia para construíla, habelencia para usala... e concienciación pacifista para conxeniar valores só aparentemente contrapostos.
O ser humano –e mesmo os animais superiores, en xeral- precisan xogar. Todas as sociedades, incluso as máis primitivas, foron quen de crear as actividades lúdicas necesarias para dar satisfacción á necesidade de xogar de todos e cada un dos seus membros, desde o bebé acabado de nacer –pénsese, por exemplo, nos axóuxeres ou nos xogos iniciáticos cos que se interiorizan as partes do corpo- ata o avó, a avoa, de máis idade –amentemos a ra ou a petanca, só por citar dous dos xogos máis sosegados-. E os galegos, as galegas, tivemos necesidade tamén de crear –ou de adaptar, segundo o caso- os xogos necesarios para xogarmos. Así é que Galicia posúe hoxe, dentro da Península, un dos catálogos lúdicos máis ricos, tal vez só superado, en canto á cantidade e á vixencia dos seus xogos, polos do País Vasco e Navarra.
Clasificación das Comunidades Autónomas españolas polo número e vixencia dos seus xogos e deportes tradicionais. (Fonte: Moreno Palos, 1993, p. 18.)
Grupo 1. Nivel máximo.
Grupo 2. Nivel elevado.
Grupo 3. Nivel medio.
Grupo 4. Nivel escaso.
Ao igual que sucede con outras manifestacións da cultura popular e tradicional, os xogos populares teñen unha orixe imprecisa. É posible que algúns nacesen a partir do traballo, nomeadamente labrego –pensemos na carreira de burros ou no lanzamento de pedra- pero outros son difíciles de xustificar desde esta perspectiva, e cabe aventurarlles unha orixe na noite dos tempos nunha mestura de ritos máxicos e relixiosos –un dos casos máis evidentes é, sen dúbida, o da pita cega, como tamén o é o das agachadas-.
Fáltannos, sen dúbida, datos contrastados na maior parte dos casos, pero aos xogos populares non é difícil identificarlles o momento no que viron a luz facendo un mínimo exercicio de fantasía e coñecendo os xeitos de vida, o traballo e os costumes da sociedade concreta que lles serviu de berce. E, se na orixe de determinado xogo non se albisca nin un traballo adulto nin un trasfondo máxico, podemos aínda pensar en algo tan elemental como a casualidade. En efecto, os pelouros só precisan para ser xogados dunhas pequenas pedriñas que se atopan en calquera camiño no medio rural. As insignificantes pedras pasan a ser utilizadas nun momento dado para pasar o tempo, facéndoas voar e recolléndoas; o proceso complícase e cada vez son necesarias máis mostras de habilidade para, nunha posición difícil, coller o pelouro que voa, ou para realizar outra operación mentres o pelouro está no aire. As regras vanse facendo. O xogo dos pelouros ten nacido. O noso deporte nacional, a estornela ou billarda, que só precisa de dous paos minimamente labrados para ser xogado, puido ter nacido tamén así, por casualidade.
Dunha ou doutra maneira, o feito de que o catálogo lúdico popular galego chegase ata os nosos días só ten explicación desde a perspectiva dun profundo proceso de enculturación, por un lado, e desde a constatación dun proceso inconsciente de transmisión xeración a xeración ao longo dos tempos, por outro. Sexa como for, tamén, o catálogo lúdico tradicional transmite inconscientemente, formas de vida, medos, tabús, crenzas ou maneiras específicas de nos enfrontar ao medio. Doutra maneira, os xogos populares e tradicionais que conforman o noso catálogo lúdico específico están impregnados, sen que nos decatemos, da esencia do ser galego. Esta aseveración non entra en contradicción co feito de que existan moitos xogos galegos comúns a outras culturas próximas, e mesmo non tan próximas, pois formas de vida semellantes e un rico intercambio cultural teñen que ter producido similitudes tamén na cuestión lúdica.
Se os xogos portan, pois, trazos da identidade que nos define como pobo, deberemos ver se, xogando, estamos axudando a construír tamén esa identidade na que nos sentimos reflectidos. En efecto, o catálogo lúdico popular e tradicional foi creado polos galegos e polas galegas ao longo dos tempos para provocar a enculturación dos individuos –sobre todo dos máis novos, pero non só-, e ese catálogo contén xogos para todas e cada unha das idades da vida.
É feito contrastado, como dixemos, que fomos quen de transmitir xeración a xeración os xogos ao longo dos tempos. A cadea de transmisión dos xogos populares –e de todos os elementos da cultura popular en xeral- mantívose viva ata que, no caso de Galicia e de todo o Estado Español, a sociedade tradicional se viu ameazada nos seus riscos de identidade por un novo modelo de sociedade, producto do desenvolvementismo da década dos sesenta. Evolución social, emigración, urbanización, progreso, desenvolvemento, internacionalización/uniformización cultural... foron, son, en definitiva, axentes fortes que están provocando a paulatina desaparición dos xogos populares. Recuperar os xogos de sempre, sen embargo, non significa necesariamente correr en contra dos tempos. Non se trata de recuperar formas de vida que quedaron –e moitas veces, felizmente- atrás. Trátase, sen embargo, de lle devolver ao xogo todo o seu valor, de ofertarlles aos nenos e nenas dos nosos días –pero tamén aos adultos- opcións lúdicas nas que realmente quede contrastado que o xogo cumpre todas as súas funcións.
Un país que tente normalizarse –en toda a plenitude do termo- debe concibir tamén un plano global de reintegración dos xogos populares e tradicionais á cadea de producción cultural. Son moitos os axentes –goberno, Universidades, asociacións de base, institucións escolares...- que deben ter un papel reservado nese deseño global. Non obstante, e cinxíndonos ao ámbito da administración local, atrevémonos a sintetizar algunhas iniciativas de recuperación das manifestacións lúdicas populares e tradicionais que, non por elementais deben ser menos efectivas.
En primeiro termo, se ben contamos en Galicia con diferentes publicacións que foron recompilando –nun labor aínda incompleto- o noso catálogo lúdico, a estratexia máis elemental desde a perspectiva local é promover un sinxelo –pero, ao tempo, rigoroso- traballo de investigación que procure a recolleita dos xogos da zona. Nunha segunda fase, ese elenco desorganizado de xogos debe ser catalogado –por idades, polos materiais utilizados, polo lugar onde deban practicarse...- outorgándolle unha forma organizada que permita o seu emprego nas actividades de divulgación. O primeiro paso das iniciativas divulgadoras debe consistir, precisamente, na publicación por calquera medio dese catálogo construído colectivamente, de tal maneira que o resultado da investigación chegue, nun camiño de volta, ás casas, constituíndo este feito un mecanismo de retroalimentación, sen dúbida, de grande importancia. Esta triple estratexia de recompilación-catalogación-divulgación a penas debuxada ata aquí, pode ser realizada tamén –e así está ocorrendo en diferentes puntos do país- coa axuda das asociacións de base da contorna.
Posuír un catálogo de xogos non garante que eses xogos vaian ser practicados, entre outras razóns porque ás veces nin tan sequera existen espacios para poñelos en acción. É absolutamente necesario recuperar os espacios de xogo –espontáneo- nas diferentes cidades, vilas e aldeas de Galicia. É posible que en determinada praza non se poida disputar unha partida de marro na actualidade –como ocorría noutros tempos- porque permanece invadida polos automóbiles de día e de noite. Posiblemente o mesmo suceda nun antigo cruce de camiños rural –hoxe cruce de pistas asfaltadas cunha notable intensidade de tráfico-. Unha política que respecte as necesidades –en canto a medios- das prácticas lúdicas tradicionais pode ter resultados beneficiosos no proceso global de recuperación dos xogos populares e tradicionais que estamos esbozando.
Nos patios escolares, alí onde os concellos teñen algo que dicir ao respecto, deberán reservarse tamén, a carón das canchas dos deportes de masas, terreos para os xogos tradicionais. Pero aínda con máis vehemencia debemos suxerir a ineludible necesidade de que –aínda a carón dos polideportivos ao uso- se constrúan canchas de bólos, de chave, de porca... Curiosamente, e a pesar do seu escaso custo, trátase dunha iniciativa case inédita en Galicia, aínda que si plenamente desenvolvida noutras realidades culturais achegadas.
En Galicia, e en termos xerais, tampouco os parques de xogos infantís reservan espacios para algo tan simple como xogar ao trompo ou á queda. Unha cuestión –en absoluto gravosa desde o punto de vista económico- que resulta subsanable no medio rural, onde aínda se pode xogar en espacios libres, pero que é certamente significativa no medio vilego e urbano, onde non existen outros espacios de xogo que non sexan as pistas polideportivas e os parques infantís –inzados de sofisticados artefactos, case sempre chegados doutras latitudes-. As mesmas consideracións poden ser realizadas no que fai referencia a alamedas e espacios semellantes, xa que é frecuente observar como se deseñan circuítos de hooging, mentres se esquece algo tan elemental e simple como un sinxelo espacio libre onde poida ser practicada a chave.
Razóns de espacio impídennos afondar noutros ámbitos de actuación directamente relacionados cos poderes locais, como é o caso das ludotecas ou dos museos comarcais. Non debemos desaproveitar a ocasión, sen embargo, de lembrar que, ademais de poderen contratar enxeños inchables para as celebracións colectivas, os concellos galegos poden contratar tamén –seguramente cunha maior rendibilidade lúdica- empresas e asociacións que comezan a existir e que, a imitación dalgunhas iniciativas vascas semellantes, están en condicións de achegar a calquera lugar de Galicia un catálogo de xogos populares e tradicionais cos que organizar competicións e demostracións públicas para calquera idade.
Un traballo sobre a nosa realidade lúdica en relación coa administración local non pode ser pechado, tampouco, sen amentar a existencia dos deportes populares e tradicionais galegos, toda vez que os concellos do noso país, ademais de organizar as competicións de deportes de masas ao uso, poden e deben convocar tamén competicións cos deportes populares de maior vixencia na súa zona específica –a porca, a estornela, os bólos, o tiro de corda...-. Será só unha maneira máis –sinxela, efectiva, pouco custosa- de facer país.