Novo éxito de TecAndALi, rede liderada polo grupo do ILG

Data: 
Saturday, December 17, 2016 - 02:00

Unha convocatoria máis, e por terceira vez consecutiva, a rede Tecnoloxías e Análise de Datos Lingüísticos (TecAndALi), coordinada polo grupo do ILG, logrou financiamento na Convocatoria das Axudas para a Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas 2016. Esta rede está formada polos grupos Filoloxía e Lingüística Galega (FILG-USC); Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións (MODESTYA-USC); Grupo de Sistemas Intelixentes (GSI-USC); Gráficos por Computador e Enxeñaría de Datos (COGRADE-USC); Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM-UVigo); Gramática, Discurso e Sociedade (GRADES-UVigo) e Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega (TALG-UVigo).

De acordo coa valoración outorgada polo panel de avaliadores externos, TecAndALi sitúase na quinta posición entre o conxunto das redes financiadas no conxunto do sistema universitario galego e no primeiro lugar das correspondentes ás grandes áreas de Humanidades e Ciencias Sociais.

É de salientar tamén o éxito doutra rede na que o ILG colabora activamente, a rede de lexicografía RELEX, coordinada pola Universidade da Coruña, que figura no sétimo lugar.
 
Cómpre subliñar ademais que nesta convocatoria o proceso foi moi competitivo, xa que só obtiveron axudas 19 redes das 45 subvencionadas na convocatoria anterior.