Patrimonio léxico da Gallaecia

Data: 
Friday, July 20, 2018 - 15:45
Imaxe: 

Un grupo de investigadores do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela participaron o día 20 de xullo na Universidade do Porto nun encontro do proxecto transfronteirizo Patrimonio léxico da Gallaecia, integrado á súa vez no macroproxecto europeo GEOARPAD, que ten como finalidade fundamental o coñecemento e valorización do patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. Nesta reunión estiveron presentes investigadores do Centro de Linguística da Universidade do Porto e do Centro de Estudos em Letras da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, institucións parceiras do proxecto coordinado desde o ILG.

O proxecto Patrimonio léxico da Gallaecia nace do interese por estudar a variación lingüística no territorio antigamente identificado como Gallaecia, que se considera espazo constitutivo do dominio lingüístico galego-portugués. O propósito principal é documentar e analizar a variación léxica nesta área nos campos léxicos asociados coa cultura patrimonial.

Este encontro serviu para mostrar algúns dos avances realizados polos distintos equipos ao longo deste ano, así como para concretar a organización das actividades futuras. O equipo galego presentou unha nova aplicación de uso interno que permite vincular as distintas palabras existentes para un concepto tanto en galego como en portugués e o programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, desenvolvido dentro do Plan Proxecta da Xunta de Galicia. No blog do programa, que pretende promover a documentación e análise do léxico patrimonial entre o alumnado de secundaria, poden consultarse os materiais de traballo e os resultados obtidos.