Conferencia de Javier Rivas

Data: 
Viernes, Julio 14, 2017 - 13:00
Imaxe: 

O venres 14 de xullo ás 13 h na Sala de conferencias do ILG, Javier Rivas, da Universidade de Colorado, Boulder, ofreceu unha conferencia titulada "A construción [deíctico locativo – clítico acusativo – verbo intransitivo] do galego (alí a estaba, aí os veñen): unha análise baseada no uso".

O obxecto de estudo desta presentación é a construción do galego [deíctico locativo – clítico acusativo – verbo intransitivo], na cal o verbo e mais o clítico concordan en número e persoa: aí a está / aí as están (Álvarez 2015). A análise dos datos que desta construción proporciona o CORGA (Corpus de Referencia do Galego Actual) indica que a súa aparición está asociada á presenza de deícticos locativos, lexemas verbais, tempos gramaticais e xéneros textuais moi concretos, o cal suxire que a construción emerxe dun patrón de uso interaccional en que os falantes/narradores cambian dun “modo de fala desprazado” a un “modo de fala inmediato” (Chafe 1994) para expresar unha situación contraria ás expectativas (Heine, Claudi & Hünnimeyer 1991, Traugott 1998). A dita construción tamén se explota nas narracións para conferir unha idea de inmediatez aos eventos desprazados. Ademais, a análise baseada no uso que se proporciona neste traballo revela unha familia de construcións, algunhas máis esquemáticas, outras máis específicas; algunhas máis consolidadas, outras máis innovadoras, que emerxen da repetición de patróns de uso locais con valores comunicativos e interaccionais semellantes.