Publicación do libro Calen barbas, falen cartas

Data: 
Lunes, Julio 6, 2020 - 10:15
Imaxe: 

O Consello da Cultura Galega acaba de publicar un novo volume da colección Ensaio & Investigación, que leva por título Calen barbas, falen cartas. A escrita en galego na Idade Moderna e que coeditan os membros do ILG Rosario Álvarez e Ernesto González Seoane

O volume, que xunta as achegas presentadas no simposio homónimo organizado polo ILG no ano 2017, aspira a dar conta do estado actual do coñecemento acerca da produción escrita en lingua galega ao longo da Idade Moderna. É esta unha etapa na que se xeraron ou consolidaron boa parte dos trazos que singularizan o galego actual; porén, o escaso volume de textos conservados neste período dificulta enormemente a documentación e datación de moitos deses procesos. De aí a importancia que reviste a descuberta e recuperación de novos testemuños, a edición dos xa coñecidos con criterios sistemáticos e rigorosos e o desenvolvemento de ferramentas que permitan a análise e explotación dos datos.