40º aniversario da fundación do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela

Data: 
luns, Marzo 21, 2011 - 01:00

Nesta primavera de 2011 conmemoramos o 40º aniversario da fundación do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. O ILG naceu como centro de investigación dedicado ó estudo e promoción da lingua de Galicia na Universidade de Santiago de Compostela ó se iniciar a década dos 70, o que o converte no centro destas características máis antigo do sistema universitario galego.Na segunda metade dos anos sesenta comezaran a abrirse fiestras para a lingua galega despois de anos de escuridade e prohibición en ámbitos de transcendencia para o idioma galego. Non foron alleas a este cambio as mobilizacións estudantís de 1968 que convulsionaron a universidade compostelá e repercutiron en Galicia enteira, pois nelas a lingua galega tivo unha presenza significativa e moi simbólica. A semente desta mudanza fórana deitando e agarimando os galeguistas que non desmaiaron durante moito tempo e souberon manter abertos camiños de luz para o futuro.En 1970 apróbase a Lei Xeral de Educación, que prevé a introdución do galego, do catalán e do éuscaro como linguas de estudo no ensino; doutra banda, os Estatutos Provisorios da USC contemplaban a creación de institutos de investigación supradepartamentais. Daquela, Constantino García, catedrático de Filoloxía Románica, soubo tecer todos estes fíos coa súa recoñecida mestría, maior se temos en conta que nin o marco académico nin o político eran favorables, para materializar o proxecto de creación dun instituto dedicado ó estudo do galego.O 14 de maio de 1971 preséntase en rolda de prensa, presidida polo reitor, o Gallego 1, o primeiro método para aprender galego. O acto serviu tamén para dar a coñecer publicamente a creación do Instituto da Lingua Galega, que figuraba como realizador do libro. O borrador inicial de Gallego 1 elaborárano Antón Santamarina, Xosé Luís Couceiro e Guillermo Rojo, axudados por Carme Ríos Panisse, Inés Leis e Luísa Fernanda Pensado. Máis tarde tamén se integraría ó grupo de traballo Ramón Lorenzo. Eles, comandados por Constantino García, foron o verdadeiro xermolo do Instituto que agora cumpre 40 anos.Na semana anterior á presentación do libro, arroupando o proxecto, celebrárase un ciclo de conferencias sobre cuestións de filoloxía galega e portuguesa. Neste encontro participaron os recoñecidos investigadores Joseph M. Piel, Luis F. Lindley Cintra, Manuel Rodrigues Lapa e José L. Pensado (Dámaso Alonso, tamén implicado, finalmente non puido asistir).O día 26 de xullo de 1971 constitúese o Padroado do Instituto da Lingua Galega e apróbanse os seus primeiros estatutos. Asistiron á sesión constituínte, celebrada no Salón Reitoral baixo a presidencia do Reitor, os representantes da Universidade de Santiago de Compostela e os das fundacións e institucións culturais de maior peso, tamén no plano simbólico, do galeguismo. Formaron parte do primeiro padroado:

  • Don Manuel García Garrido, Reitor da Universidade de Santiago. Presidente.
  • Don Constantino García González, Catedrático de Filoloxía Románica.
  • Don Manuel Díaz y Díaz, Catedrático de Filoloxía Latina e Director do Secretariado de Publicacións da USC.
  • Don Ramón Otero Túñez, Decano da Facultade de Filosofía e Letras.
  • Don Ricardo Carballo Calero, representante do Centro de Estudios Fingoi e profesor de lingua e literatura galegas da USC.
  • Don Xosé Fernando Filgueira Valverde, representante do Instituto Padre Sarmiento.
  • Don Marino Dónega Rozas, representante da Real Academia Galega.
  • Don Xerardo Fernández Albor, representante da Fundación Penzol.
  • Don Xoaquín Arias Díaz de Rábago, representante da Fundación “Pedro Barrié, Conde de Fenosa”.

Na mesma sesión constituínte quedou nomeado formalmente o primeiro consello de dirección do ILG: director, don Constantino García; subdirector, don Manuel Díaz; secretario, don Ricardo Carballo Calero.Os alicerces estaban postos. Logo virían as Lecturas Galegas 1, a revista Verba. Anuario galego de filoloxía, a grande empresa do Atlas Lingüístico Galego, as Bases e as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, e un longo ronsel de proxectos e publicacións, moitos deles decisivos, que nos foron traendo ata esta conmemoración.