Investigadores do ILG publican nun monográfico da revista Dialectología as súas achegas respecto do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica

Data: 
luns, Marzo 11, 2013 - 17:15
Imaxe: 

Investigadores do Instituto da Lingua Galega da USC publican no último número especial da revista Dialectología catro achegas respecto do tema central deste volume monográfico correspondente ao ano 2012 que se dedica ao Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI). O ALPI é un proxecto de investigación lingüística sobre as variedades románicas peninsulares dirixido durante a primeira metade do século XX por Tomás Navarro e no que participaron investigadores das diferentes áreas lingüística peninsulares.

As contribucións dos investigadores da USC abordan distintos aspectos do estudo da variación xeolingüística a partir dos materiais do ALPI: variación léxica (Rosa Mouzo e Marta Negro), a variación diatópica e diacrónica do galego no século XX (David Rodríguez) e a utilidade dos materiais do ALPI para o estudo do cambio lingüístico nas variedades románicas peninsulares (Xulio Sousa).

Na actualidade o Centro de Humanidades y Ciencias Sociales do CSIC coordina un proxecto internacional de investigación que ten como finalidade a edición electrónica de todos os materiais do proxecto ALPI. Neste proxecto colabora un equipo de investigadores do Instituto da Lingua galega da USC dirixido polo profesor Xulio Sousa.