Persoal investigador

O Instituto da Lingua Galega ofrece a posibilidade de acoller persoal investigador visitante interesado en desenvolver traballos de pescuda relacionados coas liñas e ámbitos de investigación propios do centro. O programa está aberto tanto a profesorado ou persoal investigador permanente de universidades e centros de investigación como a persoal investigador posdoutoral e en formación.

Solicitude

As persoas interesadas en participar deben remitir, debidamente cuberta, unha solicitude na que deberán facer constar os seus datos persoais e académicos, o tema de investigación e o obxecto específico da estadía. No caso do persoal investigador en formación, a solicitude deberá vir acompañada dunha carta de presentación da persoa que dirixe o traballo ou dunha carta de aceptación dun membro do ILG.

As solicitudes serán tomadas en consideración por orde de recepción e aprobadas en función da adecuación da investigación proxectada ás liñas de traballo do centro e da existencia de recursos dispoñibles para atendelas. Neste sentido, débese ter en conta que o Instituto permanecerá pechado durante a primeira semana de xaneiro e durante todo o mes de agosto.

Servizos e instalacións

O Instituto da Lingua Galega porá ao dispor das persoas solicitantes aceptadas unha mesa de traballo e proporcionaralles acceso aos seus fondos bibliográficos e demais recursos de investigación, así como á rede wi-fi da Universidade. Ao participar neste programa, o persoal investigador visitante comprométese a facer un uso responsable dos recursos e instalacións do centro e a respectar os seus horarios e normas de funcionamento.

Aloxamento

Por outra banda, a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC dispón dunha serie de cuartos individuais ou dobres e de apartamentos de diversos tamaños a disposición do profesorado e persoal investigador visitante (Servizo Universitario de Residencias). As táboas de prezos do servizo poden consultarse aquí.