Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional

O programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional procura achegar o alumnado dos centros participantes ó coñecemento da cultura local e tradicional, promovendo a recolleita dos seus contidos e das palabras que os nomea a partir do relato dos seus familiares e da veciñanza. A finalidade desta acción é promover a documentación e análise dun corpus de material léxico vinculado con actividades da cultura patrimonial, integrando habilidades, saberes e competencias adquiridos por diversas vías.

O programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional é unha acción do plan Proxecta, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Ese programa está integrado no proxecto GEOARPAD, enmarcado no programa operativo EP-INTERREG V A España-Portugal (POCTEP). Este proxecto transfronteirizo ten como finalidade fundamental o coñecemento e valorización do patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. 

Obxectivo xeral

Un obxectivo fundamental do programa é promover o uso da lingua galega e o interese polo patrimonio material e inmaterial entre o alumnado. Procúrase por iso a súa inmersión na cultura tradicional e a súa interacción e diálogo coa veciñanza na procura de léxico herdado sobre nomes e usos tradicionais, tanto materiais (alimentación, medicina, artesanía) como inmateriais (toponimia, fraseoloxía, refraneiro, literatura popular, crenzas).
Outro obxectivo é documentar os resultados da actividade coa incorporación de tecnoloxías da información e da comunicación vinculadas á linguaxe audiovisual e á xestión e dixitalización da información, no relativo á gravación e difusión de entrevistas con informantes.
Preténdese tamén implicar a distintos departamentos didácticos, xa que o alumnado poderá realizar traballos de investigación co léxico recollido relacionados co patrimonio antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico do contorno do centro.
En canto ás familias e aos veciños e veciñas, o seu labor é fundamental para axudar os rapaces e rapazas a redescubrir o léxico da súa contorna: non só respondendo as preguntas que lles fagan sobre o propio léxico, senón tamén facendo memoria sobre usos ou crenzas xa esquecidos pola sociedade. Tamén é importante a súa colaboración para que esta actividade sexa colectiva e contribúa á interacción do alumnado con persoas doutras xeracións (familia ou veciñanza) na procura de información.

obxectivos específicos

Para o alumnado

  • Promover o interese pola cultura tradicional.
  • Desenvolver hábitos de traballo colaborativo.
  • Aprender a recoñecer o coñecemento dos adultos sobre a cultura tradicional.
  • Impulsar a interacción coa contorna sociocultural.
  • Iniciarse na reflexión sobre o valor lingüístico do léxico tradicional.
  • Empregar as tecnoloxías da información para o tratamento de datos lingüísticos.

Para o profesorado

  • Introducir a investigación sobre a lingua e sobre a cultura tradicional na programación.
  • Fomentar o traballo colaborativo entre departamentos.
  • Compartir experiencias educativas con outros centros participantes no proxecto.
  • Promover a utilización de ferramentas TIC na investigación sobre humanidades.

Para a comunidade educativa

  • Avanzar na investigación sobre o coñecemento da cultura patrimonial.
  • Promover a relación coa sociedade, de xeito especial co contorno cultural e social
temporización

A temporización abarca todo o curso escolar. Fases do traballo:

1ª Fase:

  • Formación do programa.
  • Entrega do material didáctico por parte do persoal responsable do programa.

2ª Fase:

  • Traballo de campo do alumnado.
  • Desenvolvemento do proxecto de documentación.
  • Tratamento e análise da información recollida.
  • Incorporación dos materiais á páxina web do proxecto.

3ª Fase:

  • Entrega dos resultados por centro.
  • Divulgación dos materiais (páxinas web do centro, do proxecto, das institucións participantes, medios de comunicación etc.).
  • Avaliación dos resultados. Os centros participantes recibirán un manual de orientación con modelos que servirán como guía para unha primeira avaliación do traballo realizado. Poderán utilizarse tamén como guía os traballos realizados de maneira independente e fóra do programa por outros centros galegos.