Como facer unha busca no SensoGal
As buscas de exemplos de traducións no Corpus SensoGal pódense facer por palabras, por lemas ou por conceptos. En todos os casos, a consulta pódese facer procurando nunha única lingua ou en varias linguas á vez.
O resultado da busca contén as unidades de tradución (isto é, as frases equivalentes) nas que aparece o termo ou o concepto buscado. Estas frases equivalentes aparecen no resultado tanto na súa forma escrita orixinal, coma na súa versión analizada con anotacións gramaticais e semánticas. Na presentación dos resultados, o símbolo [↓] serve para despregar as anotacións de todas as palabras na versión analizada, e o símbolo [↑] para agochar as anotacións de novo. Inicialmente, as únicas palabras coas anotacións visíbeis son as apuntadas concretamente pola busca. As anotacións pódense despregar tamén unha a unha calcando nas palabras destacadas en azul.
A visualización dos resultados pódese consultar en horizontal (de xeito predefinido) ou en vertical. Pódese alternar entre estes dous modos de visualización usando os controis que aparecen arriba á dereita da columna dos resultados ([] ou []).
Sobre cada unidade de tradución do resultado, aparece o seu número de ordenación na listaxe, un código de texto enlazado coa súa referencia bibliográfica, e o número da unidade de tradución do exemplo no texto do corpus. Ao seu carón, os resultados da consulta do Corpus audio-textual LITTERA literario inglés-español ofrecen controis para escoitar o son correspondente á lectura da unidade de tradución en inglés no audiolibro.
Seleccionando a opción "Estender contexto" do menú de busca, os resultados poden incluír tamén a frase anterior e a frase posterior das frases localizadas.
Para facilitar a interpretación dos resultados da consulta, pódese limitar o número de unidades de tradución incluídos nos resultados, seleccionando "20", "50", "100" ou "Todos" na opción "Número de resultados" do menú de busca. Cómpre ter en conta que, para evitar problemas técnicos, a aplicación en liña nunca devolverá máis de 500 resultados da consulta.
Finalmente, nas consultas do Corpus audio-textual LITTERA, pódese limitar o conxunto das obras exploradas especificando a variante americana ou británica do inglés utilizado nos audiotextos mediante a opción "Variedade oral do inglés" do menú de busca.
Busca por palabra
A busca por palabra procura nos textos do corpus a forma ortográfica exacta escrita na cela de consulta. Para buscar por palabra, debe desmarcarse a opción "Procurar lema" do formulario de consulta.
Se a procura por palabra se fai nunha soa lingua, a aplicación devolverá as frases que conteñan esa palabra nos textos do corpus nesa lingua, acompañadas das frases correspondentes nos textos na outra ou outras linguas da tradución. Neste caso, a palabra buscada aparecerá salientada en amarelo nas frases da lingua pola que se fixo a consulta. Igualmente, aparecerán en amarelo as palabras das frases das traducións cunha etiqueta semántica coincidente coa da palabra atopada na lingua buscada. Mediante este resalte duplo, indícase a localización no texto da palabra buscada e mais as súas probábeis equivalencias léxicas interlingüísticas nas outras linguas da tradución.
Se a procura se fai buscando palabras en varias linguas á vez, a aplicación devolverá as frases equivalentes do corpus que conteñan esas palabras nas linguas correspondentes da busca. Neste caso, as palabras buscadas aparecerán salientadas en amarelo nas frases en cadansúa lingua. Por tanto, neste tipo de consulta o resalte serve unicamente para chamar a atención sobre a localización no texto das palabras buscadas.
Tanto se a busca por palabra se fai nunha soa lingua, coma se se fai en varias linguas á vez, pódese restrinxir o ámbito da consulta especificando a categoría gramatical nome, verbo, adxectivo ou adverbio das palabras buscadas.
Buscas por lemas
A busca por lema procura nos textos do corpus as formas léxicas anotadas co lema indicado na cela de consulta. Para buscar por lema, debe marcarse a opción "Procurar lema" do formulario de consulta.
Se a procura por lema se fai nunha soa lingua, a aplicación devolverá as frases que conteñan palabras con ese lema nos textos do corpus nesa lingua, acompañadas das frases correspondentes nos textos na outra ou outras linguas da tradución. Neste caso, o lema buscado aparecerá salientado en amarelo nas frases da lingua pola que se fixo a consulta. Igualmente, aparecerán en amarelo os lemas das frases das traducións cunha etiqueta semántica coincidente co do lema atopado na lingua buscada. Mediante este resalte duplo, indícase a localización no texto do lema buscado e mais as súas probábeis equivalencias léxicas interlingüísticas nas outras linguas da tradución.
Os resultados da procura por lema nunha soa lingua inclúen unha cabeceira lexicográfica, co formato do Dicionario Galnet, coas equivalencias plurilingües do lema na combinación lingüística do corpus explorado.
Se a procura se fai buscando lemas en varias linguas á vez, a aplicación devolverá as frases equivalentes do corpus que conteñan eses lemas nas linguas correspondentes da busca. Neste caso, os lema buscados aparecerán salientados en amarelo nas frases en cadansúa lingua. Por tanto, neste tipo de consulta o resalte serve unicamente para chamar a atención sobre a localización no texto dos lemas buscados.
Tanto se a busca por lema se fai nunha soa lingua, coma se se fai en varias linguas á vez, pódese restrinxir o ámbito da consulta especificando a categoría gramatical nome, verbo, adxectivo ou adverbio dos lemas buscados.
Para facilitar a busca de lemas e palabras, o sistema amosa unha lista despregábel dos lemas dispoñibeis con texto preditivo durante a elaboración da consulta.
Buscas por conceptos
A busca por conceptos procura nos textos do corpus as formas léxicas anotadas co ILI (índice interlingüístico de WordNet 3.0) indicado na cela de consulta. Ao buscar por concepto, o sistema non ten en conta o que estea indicado nas celas de consulta por lema ou palabra, nin a opción marcada en "Procurar lema" do formulario de consulta.
O ILI de WordNet 3.0 para buscar un concepto no SensoGal ten que formularse no formato que aparece, por exemplo, nas entradas dos conceptos de Galnet, o WordNet do galego. Para buscar un concepto en Galnet, cómpre buscar na cela "Procurar variante" do seu formulario de consulta algún termo que exprese ese concepto en galego, portugués, catalán, vasco, español, inglés, alemán, latín, francés, italiano ou chinés, indicando a lingua pola que buscamos. Se Galnet contén algún concepto para o termo buscado, o sistema dará acceso a unha entrada coa información semántica asociada con el. O ILI aparecerá na parte superior da entrada, cun formato semellante a "ili-30-06743506-n", onde "ili-30-" é unha cadea fixa de caracteres, no canto de "06743506" pode haber calquera outro número de oito díxitos, e o "n" final pode ser "n", "v", "a" ou "r", segundo o concepto corresponda a un nome, verbo, adxectivo ou adverbio.
Por exemplo, o ILI usado nesta explicación (ili-30-06743506-n) é o ILI do concepto que se pode glosar como "solución a un problema", que se expresa en galego cos termos resposta, solución ou resultado; en inglés, cos termos answer, solution ou result; en éuscaro, con emaitza ou erantzun; e en chinés, con 答案 ou 解, como se pode ver na entrada para este concepto en Galnet. Procurando este ILI mediante a interface do SensoGal nos textos orixinais en inglés do Corpus SEMCOR inglés-galego, por exemplo, imos poder ver as distintas realizacións do concepto en lingua inglesa e as súas diversas traducións en lingua galega nos textos do corpus.
Se a procura por concepto se fai nunha soa lingua, a aplicación devolverá as frases que conteñan palabras co ILI especificado nos textos do corpus nesa lingua, acompañadas das frases correspondentes nos textos na outra ou outras linguas da tradución. Neste caso, o ILI aparecerá salientado en amarelo nas frases da lingua pola que se fixo a consulta. Igualmente, aparecerán en amarelo os ILI da tradución que coincidan co ILI buscado. Mediante este resalte duplo, indícase a localización no texto do concepto buscado e mais as súas probábeis equivalencias léxicas interlingüísticas nas outras linguas da tradución.
Os resultados da procura por concepto nunha soa lingua inclúen unha cabeceira lexicográfica, co formato do Dicionario Galnet, coas equivalencias plurilingües do concepto na combinación lingüística do corpus explorado.
Se a procura se fai buscando conceptos en varias linguas á vez, a aplicación devolverá as frases equivalentes do corpus que conteñan os ILI especificados nas linguas correspondentes da busca. Neste caso, os ILI buscados aparecerán salientados en amarelo nas frases en cadansúa lingua. Por tanto, neste tipo de consulta o resalte serve unicamente para chamar a atención sobre a localización no texto dos conceptos buscados en cada lingua.
Filtro de correspondencias semánticas
A listaxe dos resultados dunha consulta no Corpus SensoGal vai precedida do número de unidades de tradución que cumpren as condicións da busca e mais do número de unidades de tradución sen correspondencia a nivel semántico. No contexto desta aplicación de consulta, enténdese que unha unidade de tradución do resultado ten correspondencia semántica cando é posible identificar o ILI do termo buscado na frase equivalente da tradución.
O símbolo do funil [], que aparece arriba á dereita da columna dos resultados, permite filtrar os resultados nos que non se pode identificar un ILI coincidente coa palabra, lema ou concepto buscado nas linguas de destino. Trátase dun mecanismo deseñado para tentar maximizar o número de análises semánticas correctas do termo buscado na visualización dos resultados, a partir da hipótese de que a posibilidade de acerto na análise semántica automática será maior cando a análise identifique o mesmo concepto (o mesmo ILI) no orixinal e na tradución.
A interface de consulta do Corpus SensoGal permite alternar entre visualizar e non visualizar as unidades de tradución sen correspondencia a nivel semántico usando os controis que aparecen arriba á dereita da columna dos resultados ([] ou []).