Actividades

PLAN PROXECTA ANO 2018/2019

Ata o 26 de outubro está aberto o prazo para que os centros escolares soliciten a súa participación nos programas integrantes do Plan Proxecta no ano lectivo 2018/2019. Pódese facer a solicitude a través da aplicación: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/26049.

Investigadores do proxecto europeo Patrimonio léxico da Gallaecia participaron no LUSOCONF de Bragança

Do 19 ao 20 de outubro tivo lugar no Instituto Politécnico de Bragança o I Encontro Internacional de Língua Portuguesa e Relações Lusófonas (LUSOCONF2018), no que as investigadoras do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela Marta Negro Romero e Rosario Álvarez presentaron, xunto a Sónia Valente Rodrigues (CLUP), Joana Gomes (CEL – UTAD) e José Barbosa Machado (CEL – UTAD), a comunicación Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional. Uma proposta de trabalho para as aulas.

Os membros galegos e portugueses do proxecto Patrimonio léxico da Gallaecia, integrado no macroproxecto europeo GEOARPAD, falaron sobre o programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, acción do Plan Proxecta da Xunta de Galicia posta en marcha polo ILG o ano lectivo pasado en cinco centros de ensino galegos, que este ano terá continuidade e incorporará ademais centros portugueses.

Reunión en Rebordosa (Porto) cos docentes e o alumnado participante no programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, promovido polo Instituto da Lingua Galega

A investigadora Marta Negro Romero mantivo un encontro o día 17 de outubro na Escola Básica e Secundária de Rebordosa (Porto) cos docentes e o alumnado participante no programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, desenvolto dentro do Plan Proxecta, e integrado no proxecto coordinado desde o ILG Patrimonio léxico da Gallaecia. Este intégrase á súa vez no macroproxecto europeo GEOARPAD, que ten como finalidade fundamental o coñecemento e valorización do patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. Nesta reunión estará tamén presente a investigadora do Centro de Linguística da Universidade do Porto Sónia Valente Rodrigues.

O programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional púxose en marcha o ano lectivo pasado en cinco centros de ensino de Galicia e este ano proseguirá con novas incorporacións. Agora, ademais, quérese abrir a experiencia a centros do norte de Portugal. No blog do programa, que pretende promover a documentación e análise do léxico patrimonial entre o alumnado de secundaria, poden consultarse os materiais de traballo e algúns dos primeiros resultados obtidos.

Acción de formación: Aprendizagens Essenciais de Português nos ensinos Básico e Secundário

A investigadora do ILG Marta Negro Romero participou como conferenciante convidada na acción de formación Aprendizagens Essenciais de Português nos ensinos Básico e Secundário os días 24 de febreiro e 10 de marzo na Faculdade de Letras da Universidade do Porto. Nestas dúas sesións, promovidas pola Associação de Professores de Português, presentou o programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional: potencialidades pedagógico-didáticas para o ensino de português.