Decreto
45/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da
Consellería de Sanidade.
A
conformación dun sistema sanitario que obteña resultados satisfactorios, a
través dos profesionais sanitarios, para a cidadanía de Galicia e cunha
organización sanitaria eficaz, equitativa e eficiente, marca a nova estratexia
adoptada pola Consellería de Sanidade. Este posicionamento está impregnado duns
valores que deben ser tidos en conta en todos os niveis e procesos do Sistema
Sanitario Galego.
De xeito tal que, para considerar unha actuación como
axustada a estes parámetros, ten que obter os resultados desexados, pero ademais
respectando os valores ou criterios aquí fixados:
-Obter resultados
positivos no ámbito da saúde das galegas e dos galegos, así como nos dereitos
recoñecidos na lexislación sanitaria, na humanización da medicina, tanto en
niveis obxectivos como de satisfacción percibida.
-O sistema sanitario
galego promoverá e potenciará o seu carácter público.
-O sistema sanitario
galego ten que actuar con eficiencia en todos os seus niveis orgánicos e
asistenciais para garantir a sustentibilidade financeira do
sistema.
-Todos os obxectivos e resultados da organización deberán estar
baseados na participación real e continua de profesionais, cidadáns e, en xeral,
de toda a sociedade galega.
Cómpre, polo tanto, facer as necesarias
modificacións na estrutura da Consellería de Sanidade, co fin de desenvolver o
papel que lle corresponde como autoridade sanitaria e como órgano responsable da
dirección do sistema sanitario de Galicia.
Á Consellería de Sanidade
correspóndelle fixar os obxectivos de mellora da saúde, garantir o dereito ás
prestacións sanitarias de cobertura pública, delimitar os dispositivos e medios
de titularidade pública ou adscritos ao sistema, segundo as necesidades de saúde
da poboación, dirixir a rede galega de atención sanitaria e realizar as
actuacións de autoridade sanitaria. En definitiva, desenvolver un modelo
organizativo que se axuste paulatina e progresivamente cara á consecución dos
obxectivos estratéxicos establecidos nas directrices de Política Sanitaria de
Galicia acordadas polo Consello da Xunta de Galicia do vinte e e sete de outubro
do dous mil cinco.
Estas funcións desenvolveranse de acordo cos
principios establecidos no precitado acordo e na dirección axeitada cara á
redacción da nova Lei de saúde de Galicia, que supere a actual Lei de
orde
nación sanitaria de Galicia (Losga), con especial énfase na
orientación cara aos cidadáns e á participación social, na concepción integral
da saúde, na universalidade do dereito ás prestacións de cobertura pública, na
promoción da equidade no acceso aos servizos e ás prestacións sanitarios e no
equilibrio territorial, cunha atención de calidade personalizada e humanizada,
tanto na vertente clínica e organizativa coma na atención aos
cidadáns.
No modelo organizativo, e polo tanto na estrutura, sepáranse a
planificación, o financiamento e a avaliación da xestión, que lle corresponden á
consellería, respecto da execución, que lle corresponde ao Sergas. Este
organismo, ao que se lle encomenda con carácter xeral a dobre función de compra
e provisión de servizos sanitarios, está adscrito á Consellería de Sanidade, que
exerce sobre el as funcións de dirección, vixilancia e tutela.
Polo
tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da
Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por
proposta da conselleira de Sanidade, cos informes previos da Consellería de
Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e da Consellería de Economía e
Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do
día vinte e tres de febreiro de dous mil seis,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-A
Consellería de Sanidade.
1. A Consellería de Sanidade é o órgano da
Administración autonómica responsable da superior dirección e control do
desenvolvemento das funcións e competencias que lle corresponden á Xunta de
Galicia en materia de sanidade, de acordo co establecido nos artigos 27.23º,
28.8º e 33 do Estatuto de autonomía de Galicia e que lle foron asignadas polo
Decreto 28/1980, do 15 de outubro, polo artigo 21 da Lei 7/2003, do 9 de
decembro, de ordenación sanitaria de Galicia e pola Lei 5/1999, do 21 de maio,
de ordenación farmacéutica.
2. Así mesmo, correspóndelle o exercicio das
competencias que para situacións sanitarias urxentes ou de necesidade se
recollen na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia
de saúde pública.
Capítulo I
Servizos centrais
Artigo
2º.-Estrutura.
1. A Consellería de Sanidade, para o cumprimento das súas
funcións, contará coa seguinte estrutura nos seus servizos centrais:
a) A
conselleira ou conselleiro.
b) A Secretaría Xeral.
c) A Dirección Xeral de
Saúde Pública.
d) A Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación
Sanitaria.
e) Órganos asesores, consultivos e de coordinación.
2. O
Servizo Galego de Saúde, organismo autónomo de carácter administrativo creado
pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, de creación do Servizo Galego de Saúde,
(derrogada, agás os seus artigos 1 e 2, que se manteñen vixentes, pola Lei
7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia) estará adscrito á
Consellería de Sanidade.
Artigo 3º.-A conselleira ou conselleiro.
A
conselleira ou conselleiro de Sanidade é a superior autoridade da consellería e
con tal carácter desempeña e exerce as competencias que lle confiren a Lei
1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada
pola Lei 11/1988, do 20 de outubro; a Lei 7/2003, do 9 de decembro, de
ordenación sanitaria de Galicia; e a Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre
drogas, en relación co Decreto 254/1997, do 10 de setembro e a Lei 5/1999, do 21
de maio, de ordenación farmacéutica.
Artigo 4º.-A Secretaría Xeral.
1.
A Secretaría Xeral exercerá as funcións e competencias establecidas no Decreto
119/1982, do 5 de outubro, en relación con todas as unidades e servizos
dependentes da Consellería de Sanidade e a inspección dos servizos, centros e
organismos dependentes ou adscritos á consellería, sen prexuízo das funcións que
se lles atribúan a outros órganos dos diferentes departamentos da Xunta de
Galicia.
Correspóndelle tamén:
1. Con respecto aos sistemas e
tecnoloxías de información, e baixo a perspectiva de artellar un proxecto único
para a Consellería de Sanidade e para o Sergas, correspóndelle o deseño da
estrutura básica do sistema de información do sistema sanitario de Galicia, a
normalización, o mantemento e a explotación dos sistemas e tecnoloxías de
información e a definición, coordinación e supervisión dos plans de información
e sistemas da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, sen prexuízo
das funcións atribuídas a outros órganos dos diferentes departamentos da Xunta
de Galicia. A Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade poderá definir e
articular as comisións técnicas necesarias para o desenvolvemento das funcións
desta unidade.
2. A inspección dos servizos sanitarios que se exercerá
sobre todos os centros, servizos, establecementos e prestacións sanitarias e
farmacéuticas de titularidade pública ou privada da Comunidade Autónoma de
Galicia. Os efectivos que desenvolvan esta función dependerán orgánica e
funcionalmente da Secretaría Xeral, sen prexuízo do sinalado no artigo 27 deste
decreto.
3. A ordenación e o exercicio das potestades disciplinarias dos
recursos humanos da consellería, sen prexuízo das competencias atribuídas ao
conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
4. A
iniciación, de oficio ou por proposta do organismo autónomo Sergas, dos
procedementos sancionadores a establecementos farmacéuticos, así como as
funcións que lle atribúen as normas reguladoras das oficinas de farmacia; dos
servizos de farmacia e depósitos de medicamentos nas estruturas de atención
primaria; das boticas anexas e dos establecementos de fabricación, distribución
e de venda de produtos sanitarios.
5. A elaboración e redacción do
proxecto de orzamento da consellería, o establecemento de bases e directrices da
xestión económica, e a ordenación dos investimentos, instalacións, equipamentos
e outros gastos e pagamentos da consellería.
6. A elaboración, redacción,
seguimento e avaliación dos plans anuais e cuadrienais de traballo establecidos
no ámbito da sanidade galega.
7. As funcións de coordinación, apoio e
documentación nas relacións que, en materia sanitaria, mantén a consellería con
outras administracións públicas e o Consello Interterritorial do Sistema
Nacional da Saúde.
8. Ademais das competencias que lle atribúa a
normativa en vigor e o exercicio daqueloutras funcións que lle sexan singular ou
especificamente encomendadas ou delegadas pola conselleira ou conselleiro de
Sanidade.
Artigo 5º.-A Secretaría Xeral, para o exercicio das súas
funcións, contará coa seguinte estrutura:
a) A Vicesecretaría
Xeral.
b) A Subdirección Xeral de Réxime Administrativo.
c) A Subdirección
Xeral de Información e de Servizos Tecnolóxicos.
d) A Subdirección Xeral de
Inspección de Servizos Sanitarios.
Artigo 6º.-Dependendo organicamente da
Secretaría Xeral, con nivel orgánico de Subdirección Xeral, existirán as
seguintes unidades:
1. Intervención Delegada.
2. Asesoría
Xurídica, que se rexerá polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo
que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de
Galicia.
Artigo 7º.-A Vicesecretaría Xeral.
1. Á Vicesecretaría Xeral,
con nivel orgánico de Subdirección Xeral, correspóndelle, como órgano de apoio
ao secretario xeral, o exercicio das seguintes funcións:
a) O apoio
administrativo e de xestión no seguimento e coordinación dos obxectivos e
accións das distintas unidades da consellería. A harmonización da organización e
funcionamento dos servizos administrativos da consellería e do Servizo Galego de
Saúde.
b) Prestarlle asistencia técnica, xurídica e administrativa ao
secretario xeral en todos os asuntos que este lle encomende.
c) A
elaboración de estudos e propostas nas materias de estrutura, organización,
deseño de procedementos administrativos, tanto nos servizos centrais como
periféricos da consellería e demais entidades adscritas.
d) Substituír o
secretario xeral da consellería nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante
deste.
2. Contará, a nivel orgánico de servizo, coas seguintes
unidades:
2.1. Servizo de Xestión Económico-Orzamentaria e de Recursos
Humanos.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A formulación da
proposta do anteproxecto de orzamento da consellería, e a súa xestión económica,
orzamentaria e patrimonial.
b) A formulación de propostas de
investimentos relativos a instalacións, equipamentos e o seu
mantemento.
c) A tramitación dos expedientes de gasto e os pagamentos da
consellería.
d) A elaboración de propostas e informes en materia de recursos
humanos e relacións de postos de traballo, e o mantemento e actualización do
rexistro de persoal.
2.2. Servizo de Documentación, Publicacións e
Estudos.
1. É a unidade á que lle corresponde a emisión de informes e
estudos, así como a organización, o mantemento e a divulgación do fondo
documental da consellería e do Servizo Galego de Saúde e a coordinación e
tramitación de publicacións no ámbito de competencias da Consellería de Sanidade
e dos seus órganos dependentes.
En particular, correspóndenlle as
seguintes funcións:
a) A organización, o mantemento e a divulgación do fondo
documental da consellería e do Sergas e a coordinación e tramitación de
publicacións no ámbito de competencias da Consellería de Sanidade e do Servizo
Galego de Saúde.
b) A xestión da rede de bibliotecas biomédicas.
c) A
adquisición centralizada dos recursos documentais dos servizos centrais da
Consellería e do Sergas.
d) A elaboración do plan editorial da
consellería e do Sergas.
e) A elaboración da memoria anual da consellería e
do Sergas.
f) A normalización e a supervisión das memorias dos centros e
servizos sanitarios.
g) A realización das enquisas de calidade
percibida.
Artigo 8º.-A Subdirección Xeral de Réxime Administrativo.
1. É
a unidade encargada do asesoramento técnico -administrativo -xurídico da
consellería e do Sergas e da coordinación dos servizos de carácter xeral, do
réxime interior, dos rexistros e arquivos xerais.
2. Contará, a nivel
orgánico de servizo, coas seguintes unidades:
2.1. Servizo Técnico
Xurídico.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A revisión técnica e a
tramitación dos proxectos de disposicións de carácter xeral da consellería e do
Sergas.
b) A tramitación e rexistro de instrucións e ordes de servizo da
consellería e do Sergas.
c) O estudo, preparación e tramitación dos
expedientes da consellería, do Sergas e demais centros ou entidades dependentes
dela, que teñan que levarse á Comisión de Secretarios Xerais e ao Consello da
Xunta de Galicia, así como o traslado dos seus acordos.
d) O estudo, a
tramitación e a formulación, se é o caso, de propostas de resolución de recursos
ou reclamacións interpostos contra os actos e resolucións emanados dos distintos
órganos da consellería ou do Sergas.
e) A tramitación e a coordinación
das resolucións dos expedientes de reclamación de responsabilidade patrimonial,
sen prexuízo das funcións encomendadas a outras unidades.
f) Actuacións
de coordinación co seguro de responsabilidade patrimonial derivada de asistencia
sanitaria, sen prexuízo das funcións encomendadas a outras unidades.
g) O
estudo e a tramitación das resolucións relativas á apertura, traslado,
transmisión, modificación ou peche das oficinas de farmacia e boticas
anexas.
h) O estudo e a tramitación de convenios de colaboración nos que
interveña a Consellería de Sanidade ou o Servizo Galego de Saúde.
i) A
coordinación en materia de políticas de prevención de riscos laborais, no ámbito
do persoal da Consellería de Sanidade.
j) A emisión de informes relativos
ás propostas de resolución dos expedientes disciplinarios do persoal facultativo
estatutario.
k) As propostas de resolución que sexan competencia do
secretario xeral e da conselleira ou conselleiro de Sanidade, derivadas das
infraccións en materia de autorización de centros, servizos e establecementos
sanitarios, e de establecementos de produtos sanitarios.
l) Preparar
compilacións das disposicións vixentes que lle afecten á consellería ou ao
Sergas, e propoñer refundicións e revisións dos textos legais.
m) En
xeral, a elaboración de estudos xurídicos, resolucións, informes e demais
asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados pola
Secretaría Xeral.
2.2. Servizo de Réxime Interior.
Correspóndenlle as
seguintes funcións:
a) As relativas á xestión do réxime interior da
consellería, o rexistro e os arquivos xerais. A xestión dos libros de rexistro e
as restantes funcións no relativo ás fundacións de interese galego sobre as que
a consellería exerza o protectorado.
b) A coordinación da publicación no
Diario Oficial de Galicia e demais diarios ou boletíns oficiais das disposicións
ou actos ditados polos órganos da consellería e do Sergas.
c) A proposta
de iniciación e tramitación da resolución, se é o caso, dos expedientes
disciplinarios do persoal con destino na consellería e no Sergas, con excepción
do persoal facultativo estatutario.
d) A xestión do parque móbil da
Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.
e) A xestión da
subministración de material de oficina e imprenta, e consumibles informáticos,
para as distintas unidades da consellería e do Servizo Galego de
Saúde.
Artigo 9º.-A Subdirección Xeral de Información e de Servizos
Tecnolóxicos.
1. É a unidade que elaborará propostas e emitirá informes sobre
planificación, estratexia, deseño, adquisición, implantación, normalización,
mantemento e calidade dos sistemas e das tecnoloxías de información da
consellería de Sanidade.
2. Elaborará propostas acerca dos mecanismos
precisos para a adecuada dispoñibilidade da información no sistema sanitario,
tanto no ámbito asistencial coma de xestión, sen prexuízo das competencias
atribuídas a outros órganos dos diferentes departamentos da Xunta de
Galicia.
3. Será a unidade de referencia para os sistemas e tecnoloxías
da información e telecomunicacións no ámbito dos centros do sistema sanitario de
Galicia dependentes do Sergas e da Consellería de
Sanidade.
Corresponderalle ademais:
a) Nas diversas áreas funcionais
da Consellería de Sanidade e os órganos dependentes as funcións de elaboración
de propostas relativas a normativa e procedementos técnicos para a integración
da información relacionada coas correspondentes actividades e unidades, así como
a xestión dos proxectos de tecnoloxías da información, o seu mantemento e
evolución.
b) Propor os procedementos de implantación e soporte
relacionados coas tecnoloxías e sistemas de información da Consellería de
Sanidade e dos órganos dependentes, as políticas e tecnoloxías en materia de
sistemas, comunicacións, redes e seguridade informática, a estruturación dos
contidos e dos procedementos de xestión da infraestrutura da intranet e da
extranet da consellería e do Sergas, a xestión de dominios e correo corporativo
e a definición da metodoloxía e procedementos de auditoría informática das áreas
sanitarias.
c) Establecer os mecanismos para garantir o acceso e a
autentificación dos usuarios dos sistemas de información, mediante certificación
electrónica ou outras medidas de índole técnica que garantan o dito
acceso.
d) Establecer medidas de seguridade, de acordo coa normativa
vixente, dos ficheiros automatizados que conteñan datos de carácter persoal e
terá capacidade de auditoría no ámbito da protección de datos de carácter
persoal.
4. As unidades responsables dos sistemas e tecnoloxías da
información adscritas aos distintos centros dependentes da Consellería de
Sanidade e do Sergas compartirán a responsabilidade común de colaborar na
definición, despregamento e xestión dos servizos de sistemas e tecnoloxías da
información, baixo a dirección da Secretaría Xeral da Consellería de
Sanidade.
5.
Contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:
5.1. Servizo
de Análise e Normalización da Información.
Correspóndenlle as seguintes
funcións:
a) A análise das necesidades de información e de
desenvolvemento e evolución dos sistemas de información.
b) A
normalización de conceptos e da estrutura lóxica dos sistemas de
información.
c) O establecemento de procedementos e normativas que
garantan a homoxeneidade da información manexada.
d) O deseño de
estratexias que faciliten a integración e a accesibilidade dos sistemas de
información.
5.2. Servizo de Promoción e Calidade da
Información.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) Auditoría de
información e revisión permanente da calidade dos sistemas de información e da
súa explotación.
b)
Elaboración das normativas e procedementos oportunos para mellorar a calidade e
a homoxeneidade da información.
c) A definición dos niveis de acceso aos
datos e dos procedementos de autorización dos permisos.
d) O
desenvolvemento na comunidade autónoma das estatísticas sanitarias que se lle
encomenden, e a colaboración co Ministerio de Sanidade e Consumo na realización
das estatísticas nacionais de establecementos con réxime de internado.
e)
O establecemento dos procedementos de traballo que garantan a dispoñibilidade da
información a través das diferentes canles de difusión, incluídos os contidos da
web e da intranet do Sergas e da Consellería de Sanidade.
5.3. Servizo de
Codificación.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A proposta de
sistemas de codificación para a súa utilización na Consellería de Sanidade e do
Sergas.
b) A normalización dos sistemas de codificación utilizados na
Consellería de Sanidade e no Sergas.
c) A xestión da calidade dos
conxuntos mínimos básicos de datos.
d) A coordinación técnica das unidades e
comisións de codificación.
5.4. Servizo de Xestión de Proxectos
de Sistemas de Información.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a)
Xestión dos proxectos de sistemas e tecnoloxías da información, e coordinación
dos grupos de traballo.
b) Selección ou deseño e desenvolvemento de
sistemas de información que satisfagan os requirimentos dos diferentes ámbitos
funcionais.
c) Xestión e coordinación das implantacións e arranque dos
diferentes proxectos, e programación e deseño da formación aos usuarios
finais.
d) Soporte funcional e técnico de segundo nivel aos sistemas
implantados.
e) Elaborar as propostas necesarias para a formación sobre os
sistemas de información.
f) Elaboración da normativa e procedementos que
promovan a integración e homoxeneización dos sistemas.
g) Desenvolver as
áreas de traballo de: sistemas de información clínico -asistenciais, sistemas de
información de xestión económica e de recursos humanos e os sistemas de
información de programas especiais (no ámbito funcional do aseguramento, a
planificación e a saúde pública).
5.5. Servizo de Soporte e
Implantación.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) Definir e
establecer as normas, estándares e procedementos en actividades de soporte e
implantación de aplicacións e sistemas informáticos e asegurar o seu cumprimento
para acadar a obtención
da súa calidade e a satisfacción dos usuarios,
impulsando os procesos de certificación en normas de aseguranza da
calidade.
b) Definir a metodoloxía e procedementos de auditoría
informática nas áreas sanitarias.
c) Xestionar e supervisar a actividade
de soporte de aplicacións e sistemas informáticos nos seus distintos niveis de
especialización.
d) Organizar, planificar e supervisar os procesos de
implantación de tecnoloxías da información e coordinar as unidades
implicadas.
5.6. Servizo de Infraestruturas e Arquitecturas
Tecnolóxicas.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) Homoxeneizar a
plataforma tecnolóxica dos centros dependentes do Sergas e da
consellería.
b) A evolución técnica da infraestrutura hardware e software
de base.
c) Instalación, mantemento e soporte da infraestrutura de sistemas e
comunicacións.
d) Xestión da rede corporativa de voz e datos.
e)
Definición das metodoloxías, normativas e estándares tecnolóxicos que o conxunto
da organización ten que seguir.
f) Definición da arquitectura técnica
para todos os desenvolvementos que se realicen no Sergas e na Consellería de
Sanidade.
g) Realización de auditorías para velar polo cumprimento dos
estándares e metodoloxías corporativas.
h) Análise e definición de novas
liñas tecnolóxicas que hai que implantar na organización.
i) Desenvolver
as áreas de traballo de: arquitecturas tecnolóxicas, sistemas e comunicacións.
Así, corresponderalle:
1. A elaboración de propostas de: planificación
tecnolóxica en sistemas de información, actualización das metodoloxías,
normativas e estándares tecnolóxicos que vai seguir o conxunto da organización e
para a realización de auditorías para avaliar a súa aplicación.
2. A
xestión do ciclo de vida de adquisición e desenvolvemento da tecnoloxía dos
sistemas de información e a revisión do seu correcto cumprimento, propoñendo a
arquitectura para cada un dos proxectos de desenvolvemento ou de adquisición de
aplicacións informáticas.
3. A avaliación de ferramentas software
corporativas e a aplicación da tecnoloxía da información en materia de firma
electrónica.
4. A proposta das políticas corporativas e a xestión da
evolución da plataforma tecnolóxica en materia de hardware e software de
base.
5. A xestión da operatividade das plataformas técnicas do Centro de
Procesos de Datos da Consellería de Sanidade, habilitando o mantemento
preventivo e correctivo e o establecemento das políticas de seguridade física,
lóxica, de dispoñibilidade e de backup dos sistemas informáticos.
6.
Elaborar os procedementos de xestión da infraestrutura e contidos das
publicacións da intranet e da extranet da consellería e do Sergas, así como a
xestión de dominios e correo corporativo.
7. A xestión das redes de
comunicacións da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e a
configuración, instalación e xestión do equipamento de comunicacións nas redes
de área local e corporativa.
8. A proposta das políticas corporativas e a
xestión da evolución da plataforma tecnolóxica en materia de
comunicacións.
Artigo 10º.-A Subdirección Xeral de Inspección de Servizos
Sanitarios.
1. É a unidade á que lle corresponde a realización da inspección
de todo o sistema sanitario galego, de acordo coas necesidades das autoridades
sanitarias da consellería.
2. A Inspección de Servizos Sanitarios
exercerase sobre todos os centros, servizos, establecementos e prestacións
sanitarias e farmacéuticas de titularidade pública ou privada da Comunidade
Autónoma de Galicia.
3. Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A
elaboración do anteproxecto do Plan Anual de Inspección, o seu seguimento e
avaliación.
b) Elaboración e actualización dos protocolos de actuación da
inspección.
c) A programación, supervisión, control e coordinación das
actividades da Inspección de Servizos Sanitarios da Consellería de
Sanidade.
d) Coordinar as actuacións de inspección da xestión da garantía
dos dereitos e deberes dos usuarios e pacientes.
e) Coordinar as
actuacións de inspección da xestión das prestacións de asistencia sanitaria e da
súa calidade.
f) Coordinar as actuacións de inspección da xestión en
materia da prestación farmacéutica.
g) Coordinación, control e avaliación
da instrución dos procedementos de responsabilidade patrimonial.
h)
Coordinación da prestación da asistencia médico-farmacéutica dos servizos de
prevención de riscos laborais das empresas.
i) Coordinación, control e
avaliación das actuacións de inspección no relativo a centros, servizos e
establecementos sanitarios públicos e privados que desempeñen a súa actividade
no ámbito da comunidade autónoma.
j) Coordinación, control e avaliación
das actividades encomendadas á Inspección de Servizos Sanitarios pola
lexislación vixente en materia de accidentes de traballo, enfermidades
profesionais, incapacidade temporal, empresas colaboradoras coa Seguridade
Social, mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, caixas de
urxencia e servizos de prevención de riscos laborais das empresas.
k)
Control, avaliación e proposta da acreditación de centros, establecementos e
servizos sanitarios e sociosanitarios na Comunidade Autónoma de
Galicia.
l) Realizar nos centros as auditorías do programa de garantía de
calidade en materia de protección radiolóxica.
m) Emitir informe, se é o
caso, sobre as propostas de resolución dos procedementos disciplinarios de
persoal sanitario.
n) Coordinar a inspección e control sanitario da
incapacidade temporal, e dos seus sistemas de información.
o) A análise e
tramitación das queixas e reclamacións dos usuarios sobre centros e prestacións
sanitarias, no relativo á función inspectora.
p) Aplicación,
coordinación, seguimento e control do convenio subscrito pola Consellería de
Sanidade co Instituto Nacional da Seguridade Social en materia de incapacidade
temporal.
q) Coordinación do equipo auditor da Comunidade Autónoma de
Galicia na realización de auditorías docentes de acreditación -MIR a hospitais e
unidades docentes doutras comunidades autónomas, dentro do programa de
colaboración co Ministerio de Sanidade e Consumo.
r) Coordinación e
representación da comunidade autónoma nas auditorías docentes que enmarcadas no
mesmo programa realizan na nosa comunidade autónoma equipos auditores doutras
comunidades autónomas, nomeados polo Ministerio de Sanidade e Consumo, e informe
á Secretaría Xeral dos resultados.
s) Coordinar as funcións de apoio que
desenvolva a Inspección Central no ámbito da Comunidade Autónoma de
Galicia.
t) Colaboración nos programas de formación continuada dirixidos
ao persoal de inspección.
u) Inspección da xestión de listas de
espera.
v) Colaboración coa Secretaría Xeral na elaboración dos criterios de
acreditación de centros, servizos e establecementos sanitarios.
w)
Elaboración de informes e peritaxes extraordinarios a petición da autoridade
competente.
4. Contará, co nivel orgánico de servizo, coas seguintes
unidades:
4.1. Servizo de Xestión Administrativa.
Correspóndenlle as
seguintes funcións:
a) A xestión, coordinación e seguimento da adecuación
normativa das actuacións administrativas da inspección.
b) A elaboración
das propostas de iniciación e de resolución dos expedientes disciplinarios do
persoal facultativo estatutario, así como as propostas de resolución dos
recursos contra as resolucións dos ditos procedementos.
c) Elaboración
das propostas de iniciación e resolución dos procedementos sancionadores a
establecementos farmacéuticos.
d) A realización de estudos, proxectos e
informes da Inspección de Servizos Sanitarios.
4.2. Servizo de Rexistro
de Autorización de Actividades e Centros Sanitarios.
Correspóndenlle as
seguintes funcións:
a) Elaborar as propostas de resolución das autorizacións
relativas a centros, servizos e establecementos sanitarios da comunidade
autónoma.
b) O rexistro de centros, servizos e establecementos sanitarios
da comunidade autónoma.
c) O seguimento e a avaliación da publicidade dos
servizos sanitarios.
4.3. Servizo de Reclamacións, Calidade, Auditorías e
Acreditación Sanitaria.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a)
Valoración e control das queixas e reclamacións no relativo a funcións
inspectoras.
b) Coordinar as actuacións en materia da garantía dos
dereitos e deberes dos usuarios e pacientes.
c) Valoración e proposta da
acreditación de centros, establecementos e servizos sanitarios na Comunidade
Autónoma de Galicia.
d) Realizar nos centros as auditorías do programa de
garantía de calidade en materia de protección radiolóxica.
e)
Colaboración na programación e realización dos cursos de formación continuada
dirixidos ao persoal de inspección.
Artigo 11º.-A Dirección Xeral de
Saúde Pública.
1. A Dirección Xeral de Saúde Pública é o órgano encargado da
promoción e protección colectiva da saúde da poboación galega.
2. A súa
misión é mellorar a saúde da poboación galega desde unha perspectiva
comunitaria, e para isto, identifica perigos para a saúde, os problemas de
saúde, e as poboacións máis susceptibles; avalía os riscos asociados aos perigos
e aos problemas de
saúde identificados; vixía (monitoriza) os perigos, os
riscos e os problemas de saúde que afectan á poboación galega, e, de acordo coas
políticas de saúde do Goberno, propón, planifica e, se é o caso, desenvolve
programas e actuacións para controlar os riscos de enfermar ou morrer
prematuramente.
3. Correspóndenlle á Dirección Xeral de Saúde Pública, no
marco da actuación sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, as funcións
dirixidas a:
a) Avaliar o estado de saúde da poboación galega e
identificar os seus principais factores determinantes.
b) Vixiar e
analizar os indicadores de morbilidade e mortalidade, e a coordinación dos
diferentes rexistros da competencia da dirección xeral.
c) Identificar
factores determinantes da saúde dos cidadáns galegos.
d) Diminuír o impacto
dos factores de risco para a saúde.
e) Aumentar o impacto dos factores
protectores da saúde.
f) Desenvolver e xestionar os programas de promoción e
protección colectiva da saúde na Comunidade Autónoma de Galicia.
g)
Desenvolver e xestionar os programas poboacionais de prevención individualizada
de problemas de saúde con especial repercusión na Comunidade Autónoma de
Galicia.
h) Desenvolver as actividades como autoridade competente en
materia de saúde pública.
i) Ofertar servizos de saúde pública na procura
da mellora do estado de saúde da poboación.
j) Mellora da calidade da
xestión dos servizos de saúde pública.
k) Controlar e coordinar a Rede de
Laboratorios de Saúde Pública.
l) Exercer a potestade sancionadora, nos
termos previstos na lexislación vixente.
m) Emitir o informe vinculante
ao que fai referencia a Lei 5/1995, de regulación das augas minerais, termais,
de manancial e dos establecementos sanitarios.
4. A Dirección Xeral de
Saúde Pública contará, para o cumprimento das ditas competencias, coa seguinte
estrutura:
a) A Subdirección Xeral de Programas de Control de Riscos
Ambientais para a Saúde.
b) A Subdirección Xeral de Epidemioloxía e
Sistemas de Información.
c) A Subdirección Xeral de Programas de Fomento de
Estilos de Vida Saudables.
d) A Subdirección Xeral de Organización,
Avaliación e Calidade.
Artigo 12º.-A Subdirección Xeral de Programas de
Control de Riscos Ambientais para a Saúde.
1. Correspóndenlle á dita
subdirección xeral a aplicación e execución das directrices da dirección xeral
en materia de planificación, e a coordinación dos programas que actúen sobre os
factores ambientais determinantes da saúde da cidadanía galega.
2. Cando
os plans e programas incidan na rede asistencial do Servizo Galego de Saúde, a
auditoría levarase a cabo en coordinación coa Inspección Sanitaria, de acordo
cos principios do Decreto 126/1992, do 19 de maio, sobre ordenación de funcións
da Inspección de Servizos Sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia e coas
funcións previstas neste decreto.
3. Para o cumprimento das súas funcións
contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:
3.1.
Servizo de Seguridade Alimentaria.
Correspóndenlle as seguintes
funcións:
a) A planificación, a programación e a xestión e difusión de
información das actividades de protección da saúde da comunidade galega, fronte
aos riscos asociados ao consumo de alimentos.
b) A coordinación e o
seguimento das actuacións no marco da Rede de Alerta Alimentaria.
3.2.
Servizo de Sanidade Ambiental.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A
planificación, a programación, a xestión e a difusión da información das
actividades de protección da saúde da comunidade galega, fronte aos riscos
asociados aos ambientes específicos.
b) A proposta do informe vinculante
ao que fai referencia a Lei 5/1995, de regulación das augas minerais, termais,
de manancial e dos establecementos sanitarios.
Artigo 13º.-A Subdirección
Xeral de Epidemioloxía e Sistemas de Información.
1. Correspóndelle á dita
subdirección xeral a aplicación e a execución do Plan de Saúde, en materia de
identificación de problemas de saúde, de avaliación de riscos dos problemas e
perigos identificados, e dos programas ou procesos existentes para o seu
control, así como a coordinación de iniciativas no ámbito dos sistemas de
información de saúde pública.
2. Para o cumprimento das súas funcións
contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:
2.1.
Servizo de Epidemioloxía.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A
xestión dos sistemas de información de saúde pública.
b) A xestión da Rede
galega de Vixilancia en Saúde Pública.
c) A xestión e o control de abrochos
epidémicos, alertas e crises sanitarias, mediante a coordinación e o seguimento
do Sistema de Alerta Epidemiolóxica de Galicia.
d) A análise integral da
información de saúde pública e a avaliación do estado de saúde da comunidade
autónoma.
e) A difusión da información xerada nos sistemas de información
de saúde pública.
f) O asesoramento e a promoción da formación en materia
de método epidemiolóxico.
g) A coordinación dos sistemas de información
de saúde pública con outras administracións ou entidades con funcións na
materia.
2.2. Servizo de Control de Enfermidades
Transmisibles.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A elaboración e a
coordinación da execución do Plan de Prevención e Control das Enfermidades
Transmisibles.
b) A actualización e a coordinación da execución da
Estratexia de Prevención e Control da Infección polo VIH/SIDA en
Galicia.
c) A planificación, a coordinación e a xestión das actividades
do Programa Galego de Vacinacións, e a difusión da información sobre o
programa.
d) A planificación, a coordinación e a xestión das
actividades do Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose, e a
difusión da información sobre o programa.
e) En xeral, a planificación, a
programación e a xestión das actividades de prevención e control das
enfermidades transmisibles e a difusión da información relacionada con
elas.
Artigo 14º.-A Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos
de Vida Saudables.
1. Correspóndenlle á dita subdirección xeral, a
aplicación e a execución do Plan de Saúde, baixo as directrices da dirección
xeral en materia de fomento de estilos de vida saudable, e a coordinación das
actividades de promoción e educación para a saúde, así como a planificación,
programación e xestión das actividades dos programas de cribaxe poboacional de
determinados problemas de saúde individual.
2. Para o cumprimento das
súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes
unidades:
2.1. Servizo de Estilos de Vida Saudables e Educación para a
Saúde.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A planificación, a
programación e a xestión das actividades dos programas de promoción de
estilos
de vida saudable, e a difusión da información sobre os ditos
programas.
b) En xeral, a planificación, a programación e a xestión das
actividades de prevención e control das enfermidades non transmisibles, e a
difusión da información sobre elas.
2.2. Servizo de Programas
Poboacionais de Cribado.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A
planificación, a programación e a xestión das actividades dos programas
poboacionais de cribado, e a difusión da información sobre estes.
b) O
estudo e deseño de propostas sobre novos programas de cribado
poboacional.
Artigo 15º.-A Subdirección Xeral de Organización, Avaliación e
Calidade.
1. Correspóndelle á dita subdirección xeral o seguimento na
dirección xeral do Plan de Saúde de Galicia, a coordinación e dirección dos
procesos estratéxicos e de soporte comúns a toda a dirección xeral, así como a
avaliación e o control de calidade.
2. Para o cumprimento das súas
funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes
unidades.
2.1. Servizo de Planificación Estratéxica e
Avaliación.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A coordinación dos
procesos de planificación estratéxica, dos plans de acción e dos plans anuais de
xestión.
b) A coordinación da comunicación externa sobre os sistemas de
xestión de actividades, programas e proxectos de saúde pública, que incidan na
xestión e mellora da imaxe corporativa, sen prexuízo da competencia da
Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade.
c) A coordinación e xestión
de alianzas, convenios, e acordos con provedores e partes interesadas.
d)
A coordinación da xestión, o seguimento e o control dos sistemas de xestión da
calidade e dos plans de acción para a mellora organizativa que determine a
dirección xeral.
e) O deseño e a coordinación dos sistemas de información
para o seguimento e control organizativo.
2.2. Servizo de Coordinación e
Control de Xestión.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A
coordinación da xestión económica e orzamentaria.
b) A coordinación e apoio
no deseño dos programas de formación para o persoal da dirección xeral, e outros
aspectos da xestión de persoal, sen prexuízo das competencias doutras unidades
da consellería.
c) A coordinación e xestión das actividades de deseño e
produción das publicacións oficiais de saúde pública.
d) A coordinación e
a xestión dos sistemas loxísticos de aprovisionamento da dirección
xeral.
e) A coordinación e a xestión dos sistemas de comunicación interna
da dirección xeral.
2.3. Servizo de Inspección e Laboratorios de Saúde
Pública.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A implantación da
política de calidade establecida pola dirección xeral para os servizos de
inspección de saúde pública, así como proporcionar os medios necesarios para a
consecución dos obxectivos de calidade definidos.
b) A xestión, a
coordinación e a auditoría dos sistemas de aseguranza da calidade na actividade
inspectora de saúde pública.
c) A xestión, a coordinación e a auditoría
dos sistemas de aseguranza da calidade nos laboratorios de saúde
pública.
d) O deseño e a promoción dos programas de formación para o
persoal dos servizos de inspección e dos laboratorios de saúde
pública.
e) A tramitación dos procedementos administrativos derivados da
actividade inspectora de saúde pública e das propostas de resolución dos
expedientes sancionadores competencia da dirección xeral. (Nos que a dirección
xeral é competente).
f) As actuacións relacionadas coa coordinación e a
xestión das taxas xeradas polas actividades de saúde pública.
g) Calquera
outra actuación que lle encomende a dirección xeral en materia de coordinación
dos servizos de inspección e dos laboratorios de saúde pública.
Artigo
16º.-Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria.
1. A
Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria é o órgano encargado
da planificación e ordenación sanitaria, aseguranza, tarxeta sanitaria e
acreditación persoal, desenvolvemento de sistemas de avaliación de tecnoloxías e
programas sanitarios, docencia e investigación.
2. A súa misión é
desenvolver as políticas de saúde, establecendo a planificación estratéxica do
sistema sanitario e coordinando as actuacións relacionadas co Plan de Saúde de
Galicia, así como a ordenación técnica e profesional e a avaliación do sistema
sanitario.
3. Correspóndenlle á Dirección Xeral de Aseguramento e
Planificación Sanitaria, no marco da actuación sanitaria da Comunidade Autónoma
de Galicia, as funcións dirixidas a:
a) Desenvolver as actuacións
administrativas relacionadas coa ordenación técnica e a catalogación de
servizos, centros e establecementos sanitarios, tanto públicos como
privados.
b) Con respecto á aseguranza única e pública, correspóndelle a
garantía dos dereitos dos cidadáns definidos no título VIII da Losga, o
seguimento da equidade nas listas de espera e o establecemento de tempos de
garantía, a definición das prestacións do Sistema Sanitario Público Galego, o
establecemento dos criterios xerais para asegurar a equidade no acceso ás
prestacións e servizos sanitarios; garantir uns niveis de calidade homoxéneos
nas prestacións da Rede Galega de Atención Sanitaria, a autorización da
incorporación de novos procedementos, técnicas e outros medios sanitarios na
Rede Galega de Atención Sanitaria e a formulación da metodoloxía e criterios
xerais de compra de servizos.
c) Correspóndelle a fixación dos criterios
cara á autorización e acreditación de centros, servizos e establecementos
sanitarios e sociosanitarios, a avaliación de tecnoloxías sanitarias e de novas
fórmulas organizativas, o soporte metodolóxico para a elaboración de guías de
práctica clínica e de estándares clínicos, así como a protección radiolóxica.
Así mesmo, correspóndelle a ordenación e avaliación das actividades de formación
e investigación en materia sanitaria, a promoción da formación continuada dos
profesionais sanitarios e o exercicio das relacións institucionais de carácter
sanitario cos órganos da Administración central do Estado e demais
administracións públicas.
d) A determinación dos criterios xerais de
planificación sanitaria e sociosanitaria.
e) A elaboración, difusión,
coordinación, seguimento, vixilancia e avaliación do cumprimento do Plan de
Saúde.
f) A determinación dos plans, programas, directrices e criterios
de actuación a que deben someterse os centros, servizos e establecementos
incluídos na Rede Galega de Atención Sanitaria.
g) Desenvolver a
actividade de ordenación técnica e profesional que corresponda á Administración
sanitaria respecto á prestación de servizos polas entidades de seguro libre,
mutuas, entidades colaboradoras, servizos de prevención de riscos laborais e
outros centros sanitarios.
h) O establecemento dos criterios xerais e a
coordinación dos plans e actuacións en calidade da consellería e dos organismos
adscritos ou dependentes.
i) A planificación e o desenvolvemento da
formación sanitaria especializada.
j) A planificación, programación e
avaliación dos programas de docencia e investigación.
k) Á Dirección
Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria correspóndelle a planificación
do mapa farmacéutico de Galicia, en colaboración e coordinación coa Subdirección
Xeral de Farmacia e Produtos Sanitarios.
l) Tamén lle corresponde a
elaboración dos criterios xerais da autorización e acreditación de centros,
servizos e establecementos sanitarios. Ditará resolución ao respecto, logo do
informe previo da Inspección de Servizos Sanitarios da Secretaría
Xeral.
m) O recoñecemento e a acreditación de formacións profesionais no
ámbito sanitario, no marco das competencias atribuídas á comunidade
autónoma.
4. A Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria
contará, para o cumprimento das ditas competencias, coa seguinte
estrutura:
a) A Subdirección Xeral de Planificación Sanitaria.
b)
A Subdirección Xeral de Aseguramento.
c) A Subdirección Xeral de Docencia e
Investigación Sanitaria.
Artigo 17º.-A Subdirección Xeral de Planificación
Sanitaria.
1. Correspóndelle a esta subdirección a aplicación e a execución
das directrices da dirección xeral en materia de planificación e ordenación
sanitaria.
2. Cando os plans e programas incidan na rede asistencial do
Servizo Galego de Saúde, as actuacións levaranse a cabo en coordinación coa
Inspección de Servizos Sanitarios de acordo coas funcións previstas no artigo 4
deste decreto e cos principios do Decreto 126/1992, do 14 de maio, sobre
ordenación de funcións da Inspección de Servizos Sanitarios da Comunidade
Autónoma de Galicia.
3. Para o cumprimento das súas funcións contará, con
nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:
3.1. Servizo de
Planificación Sanitaria.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A
elaboración da proposta do Plan de Saúde e das accións prioritarias derivadas
del, o seu seguimento, vixilancia e avaliación do cumprimento e dos
resultados.
b) A análise das necesidades sanitarias da poboación, a
elaboración de indicadores sanitarios necesarios para o desenvolvemento das
funcións de planificación.
c) A proposta da metodoloxía e alcance dos
programas estratéxicos e operativos.
d) A proposta de planificación e
desenvolvemento do programa sobre prácticas e ensinanzas sanitarias
especializadas.
e) A elaboración e proposta dos criterios xerais de
planificación sanitaria e sociosanitaria.
f) O establecemento de
criterios xerais de planificación.
3.2. Servizo de Ordenación
Sanitaria.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A elaboración da
proposta de ordenación territorial sanitaria.
b) A emisión de informe das
solicitudes de autorización previa, de creación ou modificación de centros,
servizos e establecementos sanitarios.
c) A formulación da proposta de
planificación e actualización do mapa farmacéutico de Galicia.
d) A
elaboración das propostas de autorización de novas oficinas de farmacia de
acordo cos criterios de planificación que se establezan.
e) A realización
de informes sobre as propostas de autorización relativas á creación, apertura,
modificación, traslado, cerramento e transmisión das oficinas de farmacia e
boticas anexas.
f) A realización do informe previo dos expedientes de
autorización dos establecementos de fabricación á medida, de venda con
adaptación individualizada, de distribución ou venda de produtos
sanitarios.
Artigo 18º.-A Subdirección Xeral de Aseguramento.
1.
Correspóndelle a esta subdirección a aplicación e a execución das directrices da
dirección xeral en materia de aseguranza e garantía dos dereitos dos cidadáns
referidos no título VIII da Losga.
2. Cando os plans e programas incidan
na rede asistencial do Servizo Galego de Saúde, as actuacións levaranse a cabo
en coordinación coa Inspección de Servizos Sanitarios de acordo coas funcións
previstas no artigo cuarto deste decreto e cos principios do Decreto 126/1992,
do 14 de maio, sobre ordenación de funcións da Inspección de Servizos Sanitarios
da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Para o cumprimento das súas
funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes
unidades:
3.1. Servizo de Aseguramento.
Correspóndenlle as seguintes
funcións:
a) As propostas de aseguramento sanitario.
b) A elaboración das
propostas de ordenación das prestacións sanitarias e sociosanitarias.
c)
As propostas de incorporación das prestacións sanitarias non financiadas polo
Sistema Nacional de Saúde.
d) A aseguranza dos dereitos dos cidadáns, así
como o seguimento do seu cumprimento.
e) As propostas dos criterios
xerais para asegurar a equidade no acceso ás prestacións e aos servizos
sanitarios.
f) A supervisión da equidade no funcionamento da lista de
espera e da aplicación dos tempos de garantía, co obxecto de garantir os
dereitos individuais dos pacientes.
g) A proposta de niveis de calidade
de referencia para todos os dispositivos e prestacións da Rede Galega Sanitaria
de Utilización Pública.
h) A xestión do procedemento de incorporación de
novos procedementos, técnicas e outros medios sanitarios na Rede Galega de
Atención Sanitaria de Utilización Pública.
i) A elaboración da proposta
de metodoloxía e de criterios xerais de compra de servizos cos centros da Rede
Galega de Atención Sanitaria de Utilización Pública.
j) A proposta de
criterios xerais e de coordinación de actuacións sobre calidade, así como do
cadro de mando de calidade asistencial.
k) A análise das queixas e
reclamacións sobre as prestacións sanitarias, no relativo á aseguranza dos
dereitos dos cidadáns.
3.2. Servizo de Tarxeta Sanitaria e Acreditación
Persoal.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A elaboración dos
procedementos para garantir a acreditación do dereito á asistencia sanitaria dos
cidadáns residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) A xestión do
Sistema de Información Poboacional do Servizo Galego de Saúde, para
identificación única de todos os usuarios do sistema, e desenvolvemento de novas
funcionalidades que faciliten a interacción dinámica do cidadán coa
Administración sanitaria a través das novas canles de comunicación.
c) O
deseño e a xestión dos documentos que acreditan o dereito á asistencia sanitaria
pública como medio de acceso aos diferentes servizos sanitarios autentificando
tanto a cidadáns como a profesionais sanitarios.
d) A proposta de
estratexias para a integración de datos necesarios para a planificación de
servizos e o establecemento de medidas de coordinación para o mantemento do
sistema de recursos vinculado á tarxeta sanitaria.
3.3. Servizo de
Protección Radiolóxica.
Sen prexuízo das competencias atribuídas á protección
civil e a outros órganos dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia,
correspóndenlle as seguintes funcións:
a) Establecer un sistema de
validación e seguimento que permita determinar se o programa de garantía de
calidade en radioterapia, medicina nuclear ou radiodiagnóstico se adecua aos
obxectivos previstos, cumpre coas disposicións regulamentarias que lle sexan de
aplicación e estea implantado de forma efectiva, para os efectos da súa
certificación.
b) Seguimento e vixilancia de cada un dos criterios de
calidade establecidos en radioterapia, medicina nuclear ou radiodiagnóstico e,
máis especificamente, no programa de garantía de calidade. No caso de ser
preciso, promover a realización de auditorías nos centros e propoñer medidas
correctoras do equipamento, dos procedementos ou as actuacións inspectoras que
correspondan.
c) Promover a mellora da calidade, eficiencia e
efectividade do acto radiolóxico médico, así como evitar exposicións inadecuadas
ou excesivas ás radiacións ionizantes, mediante disposicións tales como asesoría
no ámbito da garantía de calidade ou a formación do persoal implicado, relativa
á protección do paciente e aos programas de control e garantía de
calidade.
d) Elaborar os criterios mínimos que garantan a seguridade,
eficacia e eficiencia dos equipamentos das instalacións radiolóxicas, sen
prexuízo das competencias do Consello de Seguridade Nuclear e outros organismos
con autoridade na materia.
e) Elaborar o inventario de equipos
radiolóxicos das instalacións de radiodiagnóstico, radioterapia e de medicina
nuclear, e colaborar co Ministerio de Sanidade e Consumo na realización do Censo
Nacional de Instalacións Radioactivas de Uso Médico.
f) Realizar estudos
necesarios para que a Consellería de Sanidade lle propoña ao Ministerio de
Sanidade e Consumo a actualización dos criterios de ordenación que, en relación
coa protección radiolóxica, se aplicarán na autorización previa para a creación,
ampliación e modificación de centros ou establecementos sanitarios.
3.4.
Servizo de Desenvolvemento de Sistemas e Avaliación de
Tecnoloxías.
Correspóndelle as seguintes funcións:
a) A proposta dos
criterios de planificación e das directrices de carácter xeral e o seguimento
con respecto á Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias.
b) A
identificación e o estudo das tecnoloxías sanitarias emerxentes.
c) A
coordinación e realización de informes técnicos e estudos de avaliación sobre
tecnoloxías sanitarias, así como dos sistemas organizativos en que se desenvolve
a atención sanitaria, de acordo cos criterios de seguridade, eficacia,
efectividade e eficiencia, e tendo en conta a súa valoración ética, clínica,
económica e social.
d) O deseño de novas organizacións para a aplicación
de alta tecnoloxía, así como as propostas de criterios de seguimento e
avaliación das súas actividades.
e) Coordinar o deseño, elaboración e
difusión de guías de práctica clínica e de recomendacións na
aplicación
das tecnoloxías sanitarias, propoñer sistemas de información dirixidos a obter
os datos necesarios para a avaliación de tecnoloxías.
f) A promoción da
investigación científica dirixida a mellorar a metodoloxía necesaria no ámbito
da avaliación de tecnoloxías sanitarias.
g) Emitir informes dos plans
e as propostas de novos recursos tecnolóxicos e de novos procedementos, técnicas
e outros medios sanitarios, cando así se lle solicite.
Artigo 19º.-A
Subdirección Xeral de Docencia e Investigación Sanitaria.
1. Correspóndelle a
esta subdirección a promoción, ordenación e coordinación e avaliación dos plans
e programas de investigación e docencia baixo as directrices da dirección xeral
en materia de:
a) Planificación, promoción e avaliación das accións de
formación sustentadas nas necesidades do sistema sanitario da comunidade
autónoma.
b) A elaboración de propostas e do seguimento dos programas de
docencia e de investigación.
c) A planificación, promoción e avaliación
das accións de investigación en relación cos problemas e necesidades de saúde da
poboación da comunidade autónoma.
d) A coordinación das actividades
docentes que se realicen nos centros, incluída a formación
especializada.
e) A coordinación e fomento da investigación no sistema
sanitario.
f) A coordinación, control e avaliación das fundacións de
investigación do sistema sanitario.
g) Recibir, analizar e materializar a
proposta do Plan Anual de Formación do Persoal do organismo autónomo Sergas, así
como o informe do Plan de Formación do Persoal non Sanitario.
h) Para o
desenvolvemento das súas funcións contará co apoio da Fundación Escola Galega de
Administración Sanitaria (Fegas) e das fundacións para a investigación de cada
área sanitaria.
i) Elaborará a proposta dos criterios de planificación,
as directrices de carácter xeral e o seguimento con respecto ás actividades de
investigación e de docencia desenvolvidas pola Fegas. Materializaranse mediante
a subscrición dos oportunos convenios entre a Consellería de Sanidade e os
organismos dependentes e a Fegas.
2. Correspóndelle a esta subdirección o
apoio técnico ás secretarías técnicas do Sistema Acreditador de Formación
Continuada dos profesionais sanitarios da Comunidade Autónoma de
Galicia.
3. Para o cumprimento das súas funcións contará, con nivel
orgánico de servizo, coas seguintes unidades:
3.1. Servizo de
Docencia.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) O desenvolvemento das
funcións de docencia da Subdirección Xeral de Docencia e Investigación
Sanitaria.
b) O apoio técnico administrativo ao Sistema Acreditador da
Formación Continuada.
3.2. Servizo de Investigación
Sanitaria.
Correspóndenlle a seguinte función:
-O desenvolvemento das
función de investigación sanitaria da Subdirección Xeral de Docencia e
Investigación Sanitaria.
Artigo 20º.-O Consello Galego de Saúde.
O
Consello Galego de Saúde é o principal órgano colexiado de participación
comunitaria no sistema sanitario de Galicia ao que lle corresponde o
asesoramento á Consellería de Sanidade na formulación da política sanitaria e no
control da súa execución. Sen prexuízo do seu desenvolvemento regulamentario, a
súa composición e funcións son os establecidos polos artigos 121 e 122 da
Losga.
Artigo 21º.-O Consello Asesor do Sistema Sanitario de
Galicia.
O Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia é o órgano
superior de consulta e asesoramento da Consellería de Sanidade. Sen prexuízo do
seu desenvolvemento regulamentario, a súa composición e funcións son os
establecidos polo artigo 129 da Losga.
Artigo 22º.-Outros órganos
colexiados.
Así mesmo, están adscritos á Consellería de Sanidade, coa
composición e funcións que sinalan as súas normas de creación, os seguintes
órganos:
-A comisión de coordinación entre consellerías en materia de
drogodependencias.
-A comisión de coordinación entre administracións públicas
en materia de drogodependencias.
-A comisión de coordinación entre
administración con organizacións non gobernamentais, en materia de
drogodependencias.
-A comisión galega de autorización de laboratorios de
ensaios de produtos alimenticios relacionados co consumo humano.
Artigo
23º.-Os órganos de coordinación da Consellería de Sanidade.
a) O Consello de
Dirección da Consellería de Sanidade.
1. Estará integrado polos seguintes
membros:
a) A conselleira ou conselleiro de Sanidade, que será o seu
presidente.
b) O secretario xeral da Consellería de Sanidade, que será o seu
vicepresidente e coordinador.
c) O secretario xeral do Sergas.
d) Os
directores xerais da Consellería de Sanidade e os directores de división do
Sergas.
e) Os delegados provinciais da Consellería de Sanidade.
f) Os
directores provinciais do Sergas e os xerentes das áreas sanitarias, se é o
caso.
g) O xefe do gabinete da consellería.
2. Actuará como secretario
do Consello de Dirección, con voz pero sen voto, un funcionario da Consellería
de Sanidade nomeado pola conselleira ou conselleiro de Sanidade.
3. O
Consello de Dirección funcionará sempre en pleno e reunirase, como regra xeral,
unha vez ao mes e sempre que sexa convocado pola súa presidencia.
4.
Poderán asistir ás sesións do consello, con voz pero sen voto, os asesores
técnicos ou as persoas representantes de organismos e outras entidades, cando a
presidencia o considere oportuno.
5. Serán funcións do Consello de
Dirección:
a) Definir os posicionamentos e orientacións de carácter
estratéxico da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.
b)
Definir as políticas de financiamento e orzamentos da Consellería de Sanidade e
do Servizo Galego de Saúde.
c) Definir as políticas de recursos humanos
da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.
d) Definir os
proxectos de carácter estratéxico da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego
de Saúde.
e) Definir o cadro de mando da alta dirección da Consellería de
Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.
f) Elaborar todos aqueles
informes, en materia da súa competencia, que lle sexan solicitados pola
presidencia do Consello de Dirección.
b) O Comité Executivo da
Consellería de Sanidade.
1. Estará integrado polos seguintes membros:
a) A
conselleira ou conselleiro de Sanidade, que será o seu presidente.
b) O
secretario xeral da Consellería de Sanidade, que será o seu vicepresidente e
coordinador.
c) O secretario xeral do Sergas.
d) Os directores xerais
da Consellería de Sanidade.
e) O xefe do gabinete da consellería.
2.
Actuará como secretario do Comité Executivo, con voz pero sen voto, un
funcionario da Consellería
de Sanidade nomeado polo conselleiro ou
conselleira de Sanidade.
3. O Comité Executivo funcionará sempre en pleno e
reunirase, como regra xeral, unha vez á semana e sempre que sexa convocado pola
súa presidencia.
4. Poderán asistir ás sesións do comité, con voz pero
sen voto, os asesores técnicos ou as persoas representantes de organismos e
outras entidades, cando a presidencia o considere oportuno.
5. Serán
funcións do Comité Executivo:
a) Efectuar o seguimento e acordar
reorientacións, se é o caso, en: orientacións políticas e estratéxicas da
consellería, políticas de investimentos e recursos humanos, políticas de
financiamento e orzamentos.
b) Efectuar o seguimento e acordar
reorientacións, se é o caso, dos proxectos axeitados ás estratexias
definidas.
c) Efectuar o seguimento e acordar reorientacións, se é o
caso, dos programas e procesos que hai que desenvolver.
d) Efectuar o
seguimento e acordar reorientacións, se é o caso, do cadro de mando sobre os
resultados obtidos.
e) A resolución de incidencias no seu
ámbito.
Capítulo II
Órganos periféricos e territorializados
Artigo
24º.-As delegacións provinciais.
1. Para o exercicio das súas competencias, a
Consellería de Sanidade organízase en catro delegacións provinciais, que
desenvolven as súas funcións no ámbito territorial correspondente a cada unha
das provincias da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Á fronte de cada
delegación provincial existirá un delegado ou delegada da que dependerán os
servizos, unidades e centros da consellería que radiquen no ámbito territorial
da súa competencia. Os delegados dependerán orgánica e funcionalmente da
conselleira ou conselleiro, sen prexuízo das directrices que, na orde funcional,
poidan emanar do secretario xeral e dos directores xerais da
consellería.
3. Nos seus respectivos ámbitos territoriais,
correspóndelles aos delegados provinciais o exercicio das seguintes
competencias:
a) Exercer a representación oficial da consellería ante as
autoridades, organismos e entidades.
b) Dirixir a xestión dos servizos da
delegación e exercer a supervisión e seguimento das súas actividades, asumindo a
plena representatividade deles.
c) Desempeñar a xefatura superior de
persoal respecto dos servizos provinciais da consellería.
d) O exercicio
da potestade disciplinaria do persoal dos servizos provinciais da consellería
nos termos previstos na normativa reguladora.
e) Elaborar a proposta
de dotacións orzamentarias da delegación que hai que incluír no anteproxecto de
orzamentos da consellería.
f) A coordinación, execución e control dos
plans e programas de actuación da consellería, tanto no ámbito da planificación
e ordenación sanitaria, como de farmacia e saúde pública.
g) Incoar e
tramitar os expedientes sancionadores a centros, servizos e establecementos
sanitarios e aqueloutros derivados da comisión de infraccións administrativas no
ámbito das súas competencias, e a resolución daqueles que lle atribúa a
normativa vixente, así como acordar a suspensión temporal do exercicio de
actividades, a incautación ou a inmobilización de produtos, a intervención de
medios e outras de carácter cautelar, no ámbito da Losga, da normativa de
ordenación farmacéutica e das normas sectoriais que resulten de
aplicación.
h) A recepción, tramitación e resolución, se é o caso, de
cantas denuncias, queixas e reclamacións se produzan no seu ámbito
competencial.
i) As funcións legalmente encomendadas en materia de
xestión das oficinas de farmacia, dos servizos de farmacia e depósitos de
medicamentos nas estruturas de atención primaria; das boticas anexas; dos
centros, servizos e establecementos sanitarios e dos establecementos de
fabricación, venda e distribución dos produtos sanitarios.
j) As funcións
establecidas no Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, no Decreto 87/1990, do 15 de
febreiro, e no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, así como calquera outra
función ou atribución que a lexislación vixente lles confira ou lles sexan
delegadas pola conselleira ou conselleiro.
k) As funcións que lle outorga
o Decreto 97/1998, polo que se regula a publicidade sanitaria na Comunidade
Autónoma de Galicia.
4. As delegacións provinciais da consellería de
Sanidade estarán integradas polas seguintes unidades administrativas:
-A
Secretaría.
-Servizo de Aseguramento, Planificación e Ordenación
Sanitaria.
-Servizo de Promoción da Saúde.
-Servizo de Protección da
Saúde.
-Servizo de Laboratorio de Saúde Pública.
Artigo 25º.-A Secretaría
da delegación.
A Secretaría, con nivel orgánico de servizo, é o órgano de
xestión e coordinación dos servizos administrativos e de persoal da delegación,
ao que lle corresponde o exercicio das seguintes funcións:
a) A
asistencia técnica e administrativa ao delegado ou delegada.
b) A
coordinación administrativa do funcionamento dos servizos dependentes da
delegación provincial.
c) A xestión do persoal que preste servizos na
delegación.
d) Información previa e instrución de expedientes disciplinarios
do persoal dos servizos provinciais da consellería nos termos previstos na
normativa vixente.
e) As cuestións de réxime interior, información e
atención ao cidadán, rexistro xeral, publicacións, documentación administrativa,
arquivo e inventario.
f) A vixilancia e supervisión da organización e
funcionamento dos servizos administrativos da consellería.
g) A
iniciación e seguimento dos expedientes sancionadores en materia de sanidade
ambiental e seguridade alimentaria, sen prexuízo das funcións atribuídas a
outros órganos da Xunta de Galicia.
h) A xestión económica da
delegación.
i) A administración, control e xustificación dos créditos
orzamentarios asignados á delegación.
j) A habilitación dos medios
materiais e de persoal da delegación.
k) A tramitación de queixas e
reclamacións dos usuarios do sistema sanitario público presentadas na
delegación.
l) Substituír o delegado ou delegada provincial nos casos de
enfermidade, ausencia ou vacante deste.
m) Calquera outro asunto que non
sexa función específica dos demais servizos da delegación.
Artigo
26º.-Servizo de Aseguramento, Planificación e Ordenación
Sanitaria.
Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:
a) A
elaboración de indicadores, realización de estudos e demais accións necesarias
para o proceso de planificación sanitaria.
b) A realización de propostas
para o catálogo de procedementos.
c) A análise das queixas e reclamacións
sobre as prestacións sanitarias, no relativo á aseguranza dos dereitos dos
cidadáns.
d) A tramitación e informe dos expedientes de autorización
previa, de creación e modificación dos centros, servizos e establecementos
sanitarios, e de fabricación, distribución e venda de produtos sanitarios de
conformidade co disposto na súa normativa reguladora.
e) A tramitación e
o informe dos expedientes de autorización e funcionamento respecto dos centros,
servizos e establecementos sanitarios de conformidade co disposto na súa
normativa reguladora.
f) Tramitación e proposta de resolución dos
expedientes de apertura, traslado, modificación, peche e transmisión de oficinas
de farmacia e boticas anexas.
g) Tramitar as iniciativas de creación de
servizos de farmacia e depósitos de medicamentos.
h) A xestión da Unidade
Provincial de Tarxeta Sanitaria.
i) Levar a cabo as accións oportunas para
verificar as medidas adoptadas pola Subdirección Xeral de Farmacia e Produtos
Sanitarios como consecuencia das alertas sobre riscos relacionados cos
medicamentos ou produtos sanitarios nos centros, establecementos e servizos
sanitarios do seu ámbito de actuación.
j) A tramitación de expedientes e
proposta de recoñecemento de interese sanitario para actos de carácter
científico.
k) Aquelas que lle encomende o delegado provincial.
Artigo
27º.-Servizo de Promoción da Saúde.
Correspóndenlle o exercicio das seguintes
funcións:
a) A organización da execución dos programas de saúde pública e de
vixilancia epidemiolóxica elaborados pola Dirección Xeral de Saúde
Pública.
b) A coordinación e emisión de informes e avaliación dos
programas e actividades encomendados.
c) Calquera outra función que lle
sexa encomendada en materia de promoción da saúde, de programas e de vixilancia
de saúde pública.
d) O control previo do gasto derivado da execución dos
programas de saúde pública que se lle encomenden, acorde cos créditos que se lle
atribúan.
e) Aquelas que lle encomende o delegado provincial.
Artigo
28º.-Servizo de Protección da Saúde.
Correspóndelle o exercicio das seguintes
funcións:
a) A execución das disposicións ditadas en materia de protección da
saúde.
b) A organización da execución dos programas de protección da saúde
elaborados pola Dirección Xeral de Saúde Pública.
c) O seguimento dos
cursos e programas de formación e información en materia de protección da
saúde.
d) A coordinación e supervisión das inspeccións en materia de
sanidade ambiental e seguridade alimentaria e en calquera outra materia
relacionada coa protección da saúde na Comunidade Autónoma de Galicia.
e)
A proposta de resolución dos expedientes sancionadores en materia de sanidade
ambiental e seguridade alimentaria e en calquera outra materia relacionada coa
protección da saúde na Comunidade Autónoma de Galicia.
f) A coordinación
e a emisión de informes de avaliación dos programas e actividades
encomendados.
g) O control e a supervisión das actividades que realice o
persoal adscrito ao desenvolvemento de cada unha das actividades relacionadas
coa sanidade ambiental e coa seguridade alimentaria e en calquera outra materia
relacionada coa protección da saúde na Comunidade Autónoma de Galicia.
h)
Calquera outra función que lle sexa encomendada en materia de sanidade ambiental
e seguridade alimentaria e en calquera outra materia relacionada coa protección
da saúde na Comunidade Autónoma de Galicia.
i) A tramitación dos
expedientes administrativos de centros, establecementos ou servizos non
sanitarios relacionados coa protección da saúde.
j) O control previo do
gasto derivado da execución dos programas de saúde pública que se lle
encomenden, acorde cos créditos que se lle atribúan.
k) Aquelas que lle
encomende o delegado provincial.
Artigo 29º.-Servizo de Laboratorio de Saúde
Pública.
Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:
a) A xestión e
a coordinación das actividades realizadas polo laboratorio de saúde pública da
delegación.
b) A execución das análises que se lle encomenden en materia
de saúde pública.
c) O deseño e a implantación dos programas de calidade no
laboratorio.
d) O control e a supervisión das actividades que realice o
persoal adscrito ao laboratorio.
e) O control previo do gasto derivado da
execución dos programas de saúde pública que se lle encomenden, acorde cos
crédito se lle atribúan.
f) Calquera outra actuación que se lle encomende
por razón da idoneidade dos seus recursos.
Artigo 30º.-Servizo de
Inspección Sanitaria.
1. Ao Servizo de Inspección Sanitaria, con dependencia
orgánica única da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e funcional das
secretarías xerais da Consellería de Sanidade e do Sergas, de conformidade co
respectivo ámbito de competencia, correspóndenlle as seguintes
funcións:
a) Desenvolvemento do Plan Anual de Inspección, no seu
ámbito territorial.
b) As actuacións de inspección da xestión da garantía dos
dereitos e deberes dos usuarios e pacientes do sistema sanitario público galego,
en especial no referente aos principios de equidade e calidade da
asistencia.
c) Analizar e, se é o caso, emitir informe sobre as queixas e
reclamacións dos usuarios sobre centros e prestacións sanitarias, no relativo á
función inspectora, así como a inspección, a avaliación e o control da
actividade levada a cabo por outros órga
nos da Administración sanitaria
en materia de queixas e reclamacións.
d) Inspección da xestión dos centros,
servizos e establecementos tanto públicos como privados, e da asistencia
sanitaria prestada por eles, no ámbito das súas competencias.
e)
Inspección dos centros, servizos e establecementos concertados e con
autorización de uso, no referente ao cumprimento de requisitos e condicións do
concerto, a súa organización e funcionamento, así como no relativo aos seus
servizos e á atención e prestacións sanitarias.
f) Inspección da xestión
e dos dispositivos de coordinación de urxencias e emerxencias na Comunidade
Autónoma de Galicia, así como das prestacións sanitarias complementarias:
transporte sanitario, ortopróteses, terapias respiratorias e prestacións
dietoterápicas.
g) Realización das actividades inspectoras e a
elaboración das propostas dos procedementos de autorización de funcionamento de
centros, servizos e establecementos sanitarios.
h) Levar a cabo as
auditorías da acreditación dos centros, servizos e establecementos
sanitarios.
i) Inspección da xestión da prestación farmacéutica respecto
ao control dos establecementos, centros e servizos públicos, privados e
concertados nos cales se lle preste atención farmacéutica á poboación.
j)
A inspección da prestación farmacéutica e das receitas oficiais do Sistema
Nacional de Saúde facturadas polos colexios farmacéuticos en execución do
concerto para a prestación farmacéutica.
k) A inspección e o control da
fabricación, distribución e venda de medicamentos e produtos sanitarios, as
funcións de inspección derivadas da cooperación coa Axencia Española dos
Medicamentos e Produtos Sanitarios.
l) A inspección dos sistemas de
farmacovixilancia e dos estudos posteriores á autorización.
m) A
inspección e o control dos medios de promoción utilizados na publicidade do
medicamento.
n) Realizar nos centros as auditorías de garantía de
calidade en protección radiolóxica.
o) Inspección, avaliación e control
da asistencia sanitaria prestada polas empresas colaboradoras e polas mutuas de
accidentes de traballo e enfermidades profesionais, e das súas instalacións e
servizos, no ámbito das súas competencias.
p) Inspección, avaliación e
control sanitario da incapacidade temporal.
q) Colaboración coas entidades
xestoras en materia de saúde laboral e participación no equipo de valoración de
incapacidades, de acordo coa normativa vixente na materia.
r) Inspección,
avaliación e informe en relación cos aspectos sanitarios dos servizos de
prevención de riscos laborais, así como para o control da prestación da
asistencia sanitaria médico-farmacéutica deles.
s) Instrucións do
procedemento e elaboración dos informes técnico-sanitarios nos expedientes de
responsabilidade patrimonial da Administración sanitaria, así como a
realización, se é o caso, de actividades de consultoría e asesoramento en
relación con procedementos de reclamación, xurisdicional ou administrativa,
contra a Administración sanitaria.
t) Propostas de iniciación, instrución
e propostas de resolución dos procedementos disciplinarios do persoal
facultativo estatutario.
u) As informacións previas aos procedementos
disciplinarios do persoal facultativo estatutario.
v) Instrución e
proposta de resolucións dos procedementos sancionadores a establecementos
farmacéuticos.
w) Inspección e informe das actividades de investigación,
en especial as referidas aos ensaios clínicos.
x) Inspección e informe da
docencia nos centros sanitarios, no relativo á docencia pregraduada, posgraduada
e de formación continuada.
y) A realización dos informes preceptivos ao
amparo do estipulado no Real decreto 772/1997, do 30 de maio, (e Real decreto
1598/2004, do 2 de xullo, que o modifica no seu artigo 15.2º b).
z)
Colaborar coas autoridades responsables de tráfico na elaboración dos informes
de cara a determinar as adaptacións ou restricións que os condutores con
deficiencia física teñan que utilizar para a condución de vehículos.
aa)
A supervisión da realización, no ámbito territorial, das enquisas de calidade
percibida realizadas pola Secretaría Xeral.
2. Os citados servizos
despréganse de xeito territorializado. Non obstante, o ámbito de desempeño das
funcións citadas será o da totalidade do territorio de Galicia, agás no que se
refire á xestión de prestacións que será o vinculado á área
sanitaria.
Disposición adicional
Para o exercicio das funcións de
supervisión e inspección en materia de riscos relacionados cos medicamentos ou
produtos sanitarios, sanidade ambiental e seguridade alimentaria e nas materias
relacionadas coa protección e promoción da saúde na Comunidade Autónoma de
Galicia, o persoal da consellería ao que se lle encomenden estes labores terá a
condición de axente da autoridade sanitaria para os efectos do artigo 137 da Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común e, logo da acreditación da súa identidade,
estará autorizado para realizar as actuacións establecidas no artigo 88 da
Losga.
Disposicións transitorias
Primeira.-Mentres non se creen na
Secretaría Xeral as unidades precisas para o desenvolvemento das funcións que
lle corresponden en materia económica, orzamentaria e de persoal, as ditas
funcións serán exercidas, coa superior dirección da Secretaría Xeral,
respectivamente polas correspondentes unidades das Divisións des Económicos e de
Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Servizo Galego de
Saúde.
Segunda.-Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se
establece neste decreto, se modifique a denominación das distintas unidades
administrativas existentes con anterioridade, se cree ou suprima algunha das
devanditas unidades, autorízase a conselleira ou conselleiro de Sanidade, por
proposta do secretario xeral, para adscribir o persoal afectado polo cambio de
estrutura a postos do mesmo ou inferior nivel, seguindo o disposto no artigo
62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia e na Lei
9/1997, do 12 de maio, de órganos de representación, determinación das
condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións
públicas. Todo iso sen prexuízo das competencias que poida ter atribuídas nesta
materia a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e/ou
daquelas outras funcións que se lles atribúan a outros órganos dos diferentes
departamentos da Xunta de Galicia.
Nos casos de supresión das
subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade, as unidades e
postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo continuarán
subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que
se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica
establecida no presente decreto. As unidades e postos de traballo encadrados nos
órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución da conselleira
ou conselleiro, a proposta da secretaría xeral, aos órganos regulados no
presente decreto, en función das atribucións que estes teñan
asignados.
Terceira.-A Consellería de Sanidade, de conformidade co
disposto no artigo 15.5º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de
Galicia, elaborará a proposta de relación de postos de traballo resultantes da
aplicación deste decreto, efectuando a súa tramitación de acordo coa normativa
vixente.
Cuarta.-Cando como consecuencia da estrutura orgánica que se
establece neste decreto algunha das unidades administrativas existentes cambie a
súa adscrición do Servizo Galego de Saúde á Consellería de Sanidade ou
viceversa, ou dentro da mesma sección cambie de servizo, poderán continuar coa
xestión dos créditos orzamentarios que teñan encomendados independentemente do
orzamento de gastos onde se sitúen estes.
Disposición
derrogatoria
Queda derrogado o Decreto 13, do tres de febreiro do 2005, que
establece a estrutura orgánica da Con
sellería de Sanidade, así como
cantas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste
decreto.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase a conselleira ou
conselleiro de Sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o
desenvolvemento deste decreto.
Segunda.-Este decreto entrará en vigor o
día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago
de Compostela, vinte e tres de febreiro de dous mil seis.
Emilio Pérez
Touriño
Presidente
María José Rubio Vidal
Conselleira de Sanidade