Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A persoa eficaz sabe xestiona-las súas capacidades dedicándolle a cada obxectivo o tempo e os recursos necesarios, conseguindo o que se pretende
Hai unha serie de atributos persoais que ninguén desdeñaría: boa imaxe física, intelixencia, saúde, optimismo, autoestima, cultura, habilidade nas relacións sociais, éxito no traballo... pero esquécesenos algo: ser eficaces, é dicir, consegui-lo que nos propoñemos sen recorrer a esforzos ou medios distintos ou superiores ós previstos. Entendemos por eficacia a capacidade de alcanzar obxectivos, sempre que estes sexan razoables e resulten coherentes coa nosa maneira de ser e do contexto en que nos movemos. ¿Cantas veces pensamos que merecemos ter un mellor traballo, unhas relacións persoais máis fértiles e satisfactorias ou unha vida emocional máis intensa ou equilibrada? Pois iso é a eficacia, a capacidade de consegui-lo que está ó noso alcance. A nosa vida ten máis sentido se se articula seguindo as coordenadas do noso propio proxecto, no que se contemplan non só as metas, senón tamén os recursos con que contamos e as ameazas e oportunidades que van entorpecer ou facilita-lo proceso. A habilidade de quen quere medrar e ser eficaz parte da identificación dos obstáculos que hai que afrontar e dos recursos que se poden xestionar. Soa ós rigores propios dun esquema laboral, pero previsión, cálculo e esforzo tórnanse imprescindibles na tarefa de dota-la nosa vida de eficacia.
Eficacia e autoestima son inseparables, xa que desenvolve-la autoestima non é outra cousa que aplica-la convicción de que somos competentes para vivir. Falamos dunha competencia que non se pode basear en sensacións e autoconvencementos senón na realidade e no esforzo e constancia que require alcanza-los obxectivos. A persoa eficaz sabe xestiona-las súas capacidades dedicándolle a cada tarefa ou obxectivo o tempo e os recursos necesarios, conseguindo o que se pretende. O beneficio non só consistirá na consecución do obxectivo, senón tamén no reforzo que recibimos ó asentar e potencia-la confianza en nós mesmos. Esa base de confianza persoal xera unha seguridade imprescindible para a autorrealización. Desenvolvérmonos desde esa confianza supón que sexamos conscientes e responsables dos nosos actos. A conciencia ten que ser unha luz permanente na nosa vida, pero estará guiada tanto pola nosa intelixencia "intelectual" coma pola intelixencia emocional.
Non podemos falar de eficacia se non somos conscientes do que queremos conseguir, de qué medios imos empregar, das circunstancias en que operamos, e se non sabemos anticipa-las dificultades coas que nos podemos atopar. Teremos que ser conscientes do noso momento emocional, dos nosos recursos e do apoio exterior co que contamos. A intelixencia "intelectual" permitiranos discernir entre o xeito de pensar racional e o distorsionado. Os pensamentos distorsionados ocultan, ignoran ou disfrazan a realidade e farán estériles os nosos esforzos para acada-lo que nos propoñemos. Son pensamentos distorsionados os filtrantes (tómanse os detalles negativos e magnifícanse), os polarizados (por maniqueos -branco ou negro-, impiden ve-los matices), as xeneralizacións (tírase unha conclusión xeral dun simple incidente), as visións catastróficas (agárdase o desastre), as personalizacións (todo o que a xente fai ou di é en relación a nós), as interpretacións e sobreentendidos (cremos saber qué senten e queren os demais e por qué se comportan do xeito que o fan), a culpabilidade (os demais son os responsables do noso sufrimento, ou ó revés, culpámonos dos problemas alleos), as "deberías" (manexamos normas ríxidas sobre cómo deberían actua-los demais e mesmo nós mesmos), o razoamento emocional (o que sentimos ten que ser verdadeiro automaticamente), o ter sempre razón (o noso obxectivo principal é térmo-la razón fronte ós demais), a falacia da recompensa (esperamos "cobrar" algún día o noso sacrificio e abnegación. O resentimento pode ser daniño cando se comproba que a recompensa non chega).
Implica a atención e manexo adecuados das nosas emocións e sentimentos. Tan importante como facer unha análise racional da realidade, é ser conscientes do noso momento persoal e dos recursos emocionais que podemos despregar para acada-lo obxectivo que nos propuxemos.
Cómpre que paremos e que nos decatemos de cáles son os sentimentos que emerxen en nós en relación con ese obxectivo ou coa circunstancia emocional na que nos atopamos, e denominalos polo seu nome aínda que sexan de carraxe, vergoña ou envexa. E recoñecer que forman parte da nosa vida e que o terrible non é sentilos senón quedármonos enquistados neles, paralizados e sen capacidade de reacción. Ser intelixentes emocionalmente esixe asumir eses sentimentos e facernos responsables deles, calculando en qué medida poden interferir nas nosas respostas; nalgúns casos, bloquearán a fluidez da nosa acción e reducirán a nosa eficacia.
Tan imprescindible como ser intelixentes é utilizar ben as nosas habilidades sociais ou de comunicación, que comprenden escoitar de maneira aberta (existen opinións diferentes ás miñas), empática (sei colocarme no lugar da outra persoa e así comprendo mellor o que fai, di ou sente), incondicional (non utilizo etiquetas nin xuízos de valor cara ó meu interlocutor) e respectuosa.
Obter logros e ser eficaces require, amais dunha correcta análise da realidade, amais de ter en conta quén somos e en qué momento persoal nos atopamos, unha boa dose de esforzo cotián e constante que respecte ese ritmo que establecemos por se-lo que mellor se adapta ás nosas posibilidades reais.
En CONSUMER EROSKI tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI