| O monte quere pobo |
|
|
| Manuel Xesús Fontán Bouzas | |
| Venres, 18 Agosto 2006 | |
|
[Publicado en Vieiros] “A pregunta esencial da Galiza de hoxe non ten que ver cos recursos políticos e económicos. A nosa pregunta clave é se temos vontade política para facer todo o que nos é posible, ou se a Terra ten ese pobo que quere e necesita” Xosé Luís Barreiro Rivas: A terra quere pobo.As dimensións da catástrofe que estamos a padecer dificilmente poden ser comprendidas baixo a única explicación dunha neglixencia política de dúas décadas ou da incapacidade dos continxentes de extinción para someter os lumes. Que os miserables asasinos do noso patrimonio natural e persoal tiñan doado o logro dos seus fins é apreciación común en calquera das conversas embargadas, nestes días, pola carraxe e o sentimento de impotencia. O monte galego sufriu en gran parte da súa superficie unha acumulación progresiva e incontrolada de combustible durante os últimos anos, que supoñía un elevadísimo perigo de lumes. Mais desta volta, a intensidade do lume é tal que moitos montes limpos e ben xestionados son devorados tamén polas lapas. Nos arredores de Pontevedra arderon montes de arboredo limpo e cunha boa silvicultura, como as plantacións de castiñeiros de Marcón. Arden mesmo as serras da Terra de Montes, montes de mato baixo que están sometidos pola acción de bestas e vacas que pastan aquí. E volveron mesmo a arder montes como os de Xeve que xa foran queimados o ano pasado. O atavismo buscou unha alianza premeditada coas forzas escuras dunha climatoloxía que cada ano está a ser máis nefasta. Uns anos atrás a catástrofe incendiaria era explicada en base á insuficiencia de medios de diversa índole. Na actualidade contamos en Galiza con gran cantidade de medios materiais e humanos ao servizo da Administración e de empresas privadas que posúen notable experiencia na xestión dos nosos montes, e moitos deles contan xa dende hai anos con plans de ordenación aprobados pola Administración. A pesar destes avances de base, mantéñense, así e todo, latexantes multitude de conflitos, moitos deles xa clásicos, do noso medio forestal: o abandono e anarquía do monte e acumulación de combustible; o cultivo monoespecífico incontrolado de eucalipto e piñeiro e o carácter invasor do primeiro; os conflitos sobre a propiedade e xestión da terra comunal ou particular; os ataques do xabarín sobre os cultivos; os do lobo sobre o gando; a excesiva e non regulamentada presenza de gando en liberdade en moitas zonas e as súas incursións nos cultivos; o minifundio da propiedade particular no monte que a fai irrendible; os conflitos relacionados coa caza... Á hora de apelar ao “eu acuso” debemos ser polo tanto claros, ao sinalar ao poder político dominante na última década e media. Mais, restrinxir a crítica ao terreo da xestión sería, ao meu entender, moi limitado. As causas verdadeiras que propiciaron o colosal desastre debémolas buscar no terreo das ideas inspiradoras das súas políticas. Durante anos aos acólitos e eséxetas do Plan Forestal de Galicia enchéuselles a boca traspondo as virtudes do modelo forestal nórdico ao noso país. Iamos crear grandes plantacións extensivas de arboredo, iso si, no lugar de abetos e bidueiros, aquí os protagonistas escollidos foron eucaliptos e piñeiros. Na maior parte dos casos nin tan sequera se conseguiron uns obxectivos aceptables nos máis básicos coidados de limpeza e silvicultura do monte. A pregunta á que deberamos dar resposta é a seguinte: É sensato que un país minifundista como Galiza, cunha elevadísima dispersión de núcleos e densidade de poboación, queira inspirar o seu modelo forestal no dos países menos poboados e con poboación máis concentrada de Europa, como Finlandia ou Suecia? E ademais está o abismo da natureza, o do clima, o do crecemento vexetal e... consecuentemente o perigo de incendios. Non podemos postular un modelo forestal que teña éxito negando ter en consideración a realidade que condiciona o noso monte. O noso profesor de ordenación de montes na Escola de Lugo dicía nas súas clases maxistrais: “En el resto de España el monte está en el monte, en Galicia no, está en cualquier lugar”. Certamente, o feito da inserción das nosas aldeas no monte e a dispersión poboacional xeral son feitos estruturais e identitarios do noso país, forman parte historicamente do esqueleto da nosa paisaxe. Pero o que acontece en moitas zonas na actualidade é unha sinerxía catastrófica entre a proliferación de plantacións monoespecíficas, monte abandonado e o caos urbanístico. Durante décadas construíronse vivendas unifamiliares e naves industriais practicamente sen limitacións no terreo rústico e, nos últimos anos, as urbanizacións de chalés e vivendas apegadas, tomaron a dianteira nesta particular, destrutiva e temeraria conquista do noso monte. Dende a aprobación da nefasta Lei 9/2002 de ordenación urbanística, que lles prohibe a construción de vivendas aos propietarios particulares no terreo rústico común, ao tempo que impulsa a promoción de grandes urbanizacións nestas zonas, existe, ademais, un nada desprezable cabreo colectivo no rural galego que, sen dúbida, debera ser analizado en termos da súa incidencia incendiaria. No urbanístico como no forestal e globalmente na ordenación territorial, amosa o noso país o seu maior fracaso político colectivo. Fomos, ata o de agora, incapaces de crearmos modelos estables naquelas cuestións que son estratéxicas para un desenvolvemento eficiente e respectuoso co ambiente. Estes modelos deberan, necesariamente, fundamentarse na nosa realidade socioeconómica, natural, cultural e mesmo histórica, e conformarse en base á participación sincera e á complicidade dos diferentes sectores sociais e políticos. Hai quen, nestes momentos, se consola nun optimismo forzado dicindo que agora por fin van cambiar as cousas no tema do monte. Unha catástrofe coma esta o único que nos vai traer, con certeza, é máis abandono do monte, inseguridade e resignación. Por iso precisamente é necesario non crer que a adopción das medidas axeitadas vaian caer polo seu propio peso. Faise urxente pois, erguer un clamor colectivo que demande do Goberno da Xunta a colocación en primeira liña das prioridades políticas a cuestión forestal. Durante os últimos meses, o novo Goberno moveuse entre a elaboración dun discurso teoricista e ben coñecido sobre a necesidade de cambiar o rumbo das cousas e que prioriza a prevención, e entre a ambivalencia e lentitude patente na adopción de medidas efectivas consistentes. Non sendo obxecto de estas palabras analizar a política da nova Administración forestal galega, limitarémonos a dicir que vai ser precisa moita máis claridade de ideas, axilidade e determinación na política do monte se queremos enfrontar con mínimas garantías de éxito a lacra incendiaria. O problema dos incendios, dificilmente será solucionado con medidas puntuais a golpe de Decreto. Require un fondo debate social e político de anos, investimento de cartos non só no monte, tamén nas conciencias, en cambiar percepcións e en incrementar a valoración paisaxística económica e ambiental da sociedade sobre o monte, nomeadamente da poboación rural. Non pode ser entendible a catástrofe que padecemos se non é baixo a crúa realidade dun pobo que non lle ten apego ao monte. É preciso ademais o abandono da teoría das medidas máxicas da prevención -que non existen-, así como da teoría da atribución de todos os males do medio forestal ao despoboamento que disque fai que non se limpen os montes. É unha frivolidade equiparar os reducidos beneficios que produce sobre o monte a agroindustria, que fixa hoxe poboación ao medio rural, ao exército de escravos que no sistema agrario tradicional galego limpaba o monte pola necesidade imperiosa de obter combustible e nitróxeno fertilizante para os cultivos. Ou e que non observamos no mapa onde están das zonas máis afectadas polo lume? Precisamente onde vive máis xente. Podemos, en calquera caso, mirar cara a outros países e modelos dos que se poidan reportar experiencias valiosas. En Escocia, por exemplo, valóranse e deféndense os montes de toxo e breixo para pastos e como un enorme valor paisaxístico e turístico. Alí mesmo, no sur, regúlanse as repoboacións establecendo límites paisaxísticos e ambientais á súa extensión. Podemos fixarnos tamén nos bos exemplos da produción de madeira de calidade de gran diámetro de faias ou piñeiro radiata en Euskadi, de carballo en Francia, nos montes de piñeiros ordenados de Soria ou da serra de Madrid..., pero de todos os xeitos, o modelo que verdadeiramente será efectivo témolo que construír nós mesmos e require dunha necesaria catarse social e política. Este proceso debe levarnos a asumir colectivamente un modelo de monte galego como un valor propio do noso país, propio da súa identidade e polo tanto estable e non revisable constantemente en función das contixencias políticas. Que non volvamos deitarnos nunca máis en días sucesivos de lúas vermellas e erguernos sen ver o sol da vida!! *Manuel Xesús Fontán Bouzas Enxeñeiro de Montes. Ex-concelleiro no Concello de Pontevedra polo BNG. |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|








