O sector naval xera en Galicia 3.500 postos de traballo directos nos estaleiros, un milleiro deles nas factorías de pequeno e mediano tamaño, e 6.500 empregos indirectos nas industrias auxiliares do sector.
A industria naval española e, en particular, a galega, vén realizando dende 1984 un importante esforzo de axuste, principalmente, en relación cos custos propios, exteriorizando certas funcións e utilizando, cada vez máis, as industrias auxiliares. Tanto nestas industrias, que en xeral son pemes, como nas industrias tractoras, estase a incidir na mellora tecnolóxica, na construcción de buques máis sofisticados e complexos e na reducción de capacidade productiva para adaptar este sector ás demandas que establece un mercado fortemente internacionalizado e competitivo.
A industria auxiliar experimentou un importante crecemento, converténdose nun eixe fundamental do tecido económico, como subcontratista dunha gran parte da actividade de construcción do buque.
Sen embargo, a industria naval é unha das máis castigadas pola competencia dos países do Leste asiático, Corea fundamentalmente. Esta situación obriga a industria europea a rivalizar en termos de valor engadido en tecnoloxías, investindo no uso das novas tecnoloxías da información e a comunicación, novos métodos organizativos da producción e a súa xestión, novos métodos e procesos tanto de deseño como de producción.
Por iso, a Xunta de Galicia apostou pola formación e asinou convenios de colaboración coa Xerencia do sector naval, nos anos 1996-2001, que fixeron posible a realización dos Programas de Formación da Industria Auxiliar do Sector da Construcción Naval das zonas de Vigo e Ferrol.
Entre 1996 e 2001 realizáronse 1.517 cursos cun total de 13.660 alumnos. O custo total destes foi de máis de 12,6 millóns de euros, dos que o 12% (1,5 millóns de euros aproximadamente) foron financiados pola Xunta de Galicia. A coordinación e xestión dende o ano 2000 fixo que o Clúster do naval de Galicia (Aclunaga), como entidade que agrupa e coordina a estaleiros e empresas auxiliares da industria naval, potenciase as actividades do sector mediante a cooperación entre as diferentes empresas.
Aclunaga tenta supera-los obstáculos da industria naval e fomenta- la cultura marítima galega mediante a cooperación e o aproveitamento das sinerxías das diferentes empresas do sector e a través da formación, a calidade e a seguridade. Este é o primeiro clúster creado no sector naval español, formado por 124 empresas galegas, cunha facturación superior ós 750 millóns de euros, que dan emprego a m áis de 6.500 traballadores.

No subsector de grandes estaleiros, a empresa IZAR-Ferrol está autorizada a construír buques de guerra e a reparar toda clase de buques. Actualmente ten un programa de construcción das fragatas F-100 para a Armada Española e fragatas F- 310 para a Armada Norueguesa, que lle proporciona traballo ata o ano 2009, ó que hai que engadi-la próxima construcción do buque multipropósito “LL” de proxección estratéxica para a Armada Española. Polo tanto, a situación deste estaleiro é francamente boa.
Por outra parte, IZAR-Fene acadou nos últimos anos unha posición de referencia en calidade no mercado Offshore das solucións flotantes. Ademais de operar neste mercado, a empresa está autorizada a reparar buques mercantes e recentemente foille concedida polo Ministerio de Defensa a certificaci ón para realizar construccións militares.
O resto dos estaleiros galegos ten asegurada carga de traballo ata o ano 2004 coa construcción dun total de 115 barcos, por un valor de máis de 3.900 millóns de euros. Non obstante, isto non debe enmascara- las sombras que se albiscan no horizonte do ano 2004 para o conxunto do sector naval español e, polo tanto, do galego (que supón o 45% do total nacional de pequenos e medianos estaleiros privados con forte concentración na área de Vigo).