Este é o artigo que seleccionaches, agardamos que sexa do teu interese        

version para
Autora: Lodeiro, Isabel Título: Feminismo versus pacifismo. Tres guineas de Virginia Woolf

                       

Feminismo versus pacifismo. Sobre Tres guineas de Virginia Woolf

Isabel Lodeiro

Para Inés

Quero traer a colación o libro Tres guineas de Virginia Woolf, non sen antes confesar que cheguei a esta obra excepcional, merced a un libro que caeu nas miñas mans de casualidade, Pensamento pacifista e onde atopei algunhas referencias a este libro do que vou a falar, o que me levou a lelo avidamente pois nel vin algunhas das respostas que eu estaba a buscar cando se instauraba en min o inverno ferrolán.
O presente libro, publicado no ano 1938, en vésperas pois da segunda Guerra Mundial, xorde para dar resposta a unha pregunta que lle fai un home culto e amigo de Virginia sobre como poden as mulleres evitala guerra, para o cal o libro encomezará dando resposta a esta pregunta e situándonos en que Virginia Woolf vai falar dende a voz que ela representa, é dicir, a de filla dun pai con educación.
Asimesmo a primeira parte do libro é un discurso que se constrúe sobre a ficción de contestar a tres cartas, que son: a primeira delas a de este home culto do que falabamos máis arriba; a dunha tesoureira dun colexio universitario feminino; e a de outra tesoureira dunha asociación que apoia a inserción das mulleres no mundo do traballo. Para contestar a estas tres cartas Virginia válese de fontes coma a historia, a biografía e o periódico.
Así pois, e en primeiro termo, Virginia encomeza o libro concedéndolle a primeira das tres guineas que vai asignar no libro ó home culto, a cambio de que as fillas de pais con educación poidan estudar igual que o facían os seus irmáns, e para quen se dedicaban por eses anos tódolos fondos quedando así as mulleres relegadas ás tarefas domésticas ou ben tendo como outro destino o matrimonio, que as anulaba como persoas, pois pasaban a depender dun home. En definitiva, o que reclama Virginia Woolf ó seu amigo é que as mulleres poidan acceder a unha educación para conquerir un traballo coa fin de non estar totalmente xustapostas ós dictamens do home. Nesta primeira parte do libro Virginia analiza a influencia que tiveron ó longo da historia as mulleres fillas de pais con educación e recórdanos a importancia que tivo no ano 1919 o feito de que se lles recoñecese ás mulleres o acceso ás profesións, pois, con este dereito conseguiron unha maior influencia, xa que cos cartos que gañaban podían criticar e non ter que mostrarse aquiescentes de continuo.
Agora ben, como prosegue Virginia, con esta influencia non é dabondo, pois aínda hai diferenzas sustanciables entre os homes e as mulleres, coma que os homes posúen por dereito propio todo o capital e non a través do matrimonio como lle acontece ás mulleres, e é por iso que Virginia Woolf reclama como punto moi importante para as mulleres que ela representa a educación, para así poder evitala guerra, xa que con esta educación poderían acadar maior influencia nos homes.
Prosegue o libro concedéndolle a segunda das guineas a tesoureira do colexio universitario feminino e así recibir a educación universitaria, mais Virginia non fai concesións en balde e a condición que pon é que se constrúa un colexio diferente onde ensinalas artes da humana relación, a arte de comprendela vida, a da fala, etc. En definitiva, o que se pretende con este colexio universitario é combinalas artes e non segregar e especializar porque a historia demóstranos que a educación dos vellos colexios non promove o respecto á liberdade nin o rexeitamento á guerra, senón xusto o contrario fomentado, por exemplo, a competitividade.
En canto á segunda parte do libro, Virginia remóntanos de novo ós feitos da biografía, que como dixemos é un recurso que utiliza ó longo de todo o libro, e o que conclúe é que as profesións provocan un carácter combativo, de competitividade, é entón que Virginia pregúntase que sentido ten exercelas profesións deste xeito, é dicir, que imos acadar con isto. A resposta parece clara, o que imos acadar é igualarnos ós homes, e, para que isto non sexa así Virginia concede a terceira das guineas á tesoureira da asociación que apoia a inserción das mulleres no mundo do traballo, a cambio de que sexa para axudar ás mulleres a ingresar nas profesións, sempre e cando non se impida que outro ser humano, calquera que sexa a súa condición e sempre que estea capacitado para facelo, exerza esta profesión, e dicir, non impedirllo, senón que se faga todo o posible para axudarlle.
Mais, Virginia vai máis aló do feito de conquerir unha profesión para así gañar cartos, porque chega a preguntarse se os cartos son unha posesión desexable e, conclúe que hai que atopar un termo medio, pois igual que a extrema riqueza non é desexable, tampouco o é a extrema pobreza. O argumento que esgrime Virginia Woolf é que de pouco nos vai servir gañar os mesmos cartos ca os homes se con iso temos que aceptar todo o que conleva e así non imos poder levar unha vida plena, en harmonía e, tendo por conseguinte pouco tempo para os fillos, as amizades, as viaxes, a arte. O que propón Virginia é gañar os suficientes cartos, pero a cambio que nos neguemos a apartarnos da pobreza, a castidade, a burla e a liberdade con respecto a liberdades irreais e, defínenos estes termos dos que eu por non estenderme, vou falar do da liberdade, do que di que debemos despoxarnos do orgullo da nacionalidade, do relixioso, do de universidade, de escola, de familia, de sexo, para así conquerila.
Finalmente, na terceira parte do libro, da que adianto que a min paréceme a máis interesante, Virginia vainos a propor unhas medidas como de «Desobediencia civil» que a min lémbrame a Thoreau, outro gran pensador pacifista, pola crítica que este lles fai ós gobernos, ás leis e á educación. Nesta parte, Virginia volta á carta do seu amigo na que lle pide que firme o seu manifesto para evitala guerra e comprometerse a proxectala cultura e a liberdade intelectual. Para iso, a nosa autora encomeza por analizar o que significa a cultura hoxe en día e como esta pode estar adulterada pola notoriedade e a publicidade e, é por isto que Virginia pídelle ó seu interlocutor que renuncie a dar conferencias, que non apareza en tribunas públicas, que non acepte medallas nin honores, nin títulos para así preservar en estado puro a cultura e a liberdade intelectual.
Pero, Virginia non se queda aquí e, vai moito máis aló no seu pensamento e o que propón é crear unha nova sociedade que ela denomina a «Sociedade das Estrañas», e, esta sociedade tería coma primeiro deber o de non loitar con armas e, en caso de guerra negarse a traballar en fábricas de municións e a coidalos feridos, tamén demándalles ás mulleres ter unha actitude de indiferenza, por exemplo, ante a palabra patria pois, coma se pregunta Virginia Woolf, que nos deu ás mulleres a patria ó longo da historia se sempre nos tratou coma escravas e denegounos a educación e o compartir as posesións da patria e, isto é tanto así que ela conclúe que na súa condición de muller non ten patria e que a súa patria en todo caso é o mundo enteiro.
Mais desta indiferenza seguiranse algúns actos, coma o de non participar en manifestacións patrióticas, non dar a aprobación a forma algunha de loubanzas nacionais, non asistir ás exhibicións militares, etc.
Tamén propón Virginia para esta Sociedade das Estrañas que se comprometan a gañarse a vida para ter unha independencia, pero, como non podía ser doutro xeito, aínda hai mais, e así, a nosa autora demanda do Estado que lle pague un soldo a aquelas mulleres que teñan coma profesión o matrimonio e a maternidade, que cobren un verdadeiro soldo para lograr acadar que os seus maridos teñan que traballar menos e deste xeito o traballo quedaría equitativamente distribuído e, finalmente, o home tería unha opción para a liberdade, para transformarse nun home enteiro.
As estrañas tamén obrigaranse a adquirir un coñecemento total das profesións e a denunciar os casos de tiranía ou abuso das súas profesións, comprometeranse asimesmo a abandonar toda competencia, negaranse a exercer profesións contrarias á liberdade, en concreto, a de fabricar ou mellorar inxenios bélicos, tamén rexeitarán cargos ou honores que limiten a liberdade, investigarán as actividades de tódalas institucións públicas coma a da Igrexa e as universidades.
Esta Sociedade das Estrañas ten a finalidade última de velar pola igualdade, a liberdade, e a paz, pero, coa diferenza de que pretende alcanzalas por outros medios, como son o dun sexo diferente, unhas tradicións diferentes, unha educación e valores diferentes que se puxeron á nosa disposición.

Antes de rematar este artigo, quixera facer unha serie de reflexións e de preguntas a nós mesmas.
En primeiro lugar, quero chamar a atención sobre a actualidade plena que ten este libro, malia estar escrito no ano 1938, o cal concédelle un valor enorme a este texto, pois non é perecedoiro, senón que nos tempos que corren cobra máis valor se cabe lamentablemente, en plena campaña neste país tivemos que soportar programas electorais que non aseguraban unha renda básica ás amas de casa coma propuña Virginia. Por outra banda, pregúntome tamén se coñecedes algunha universidade na que non se fomente a competitividade coma propuña Virginia. Estaremos aínda a tempo de construírmos esa «Sociedade das Estrañas»? A que estamos dedicando as nosas enerxías e cartos as mulleres ou máis ben, que intereses estamos a defender con eses actos cotiáns? Cantas mulleres coñecedes que se deixan condecorar e falan en público? A que obedecen todos eses premios que se nos conceden? Por que cada vez hai máis mulleres que traballan para as Forzas Armadas e nos estaleiros? Finalmente, pregúntome se seremos quen de conquerir un novo mundo tendo presente este libro e sabendo que non vivimos nun mundo en paz na súa acepción máis pura.
Leamos a Virginia e traballemos a partir do que nós di, é a miña mensaxe de esperanza.

 

 

'