Nesta sección iranse incorporando os materiais elaborados polos centros durante a súa participación no programa, así como algunhas das gravacións e imaxes obtidas durante a realización das entrevistas. O léxico recollido polo alumnado pasará a integrar a base de datos do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, onde irá identificado co nome do centro correspondente.

ano lectivo 2024/2025
IES A basella (vilanova de arousa)

O alumnado recolleu léxico relacionado co mar e co viño e a vendima. O resultado do traballo realizado ao longo do ano lectivo pódese consultar na páxina web Da túa boquiña, unha fala, onde se pode descargar o glosario co léxico recollido.

IES A illa de arousa (A illa de arousa)

Este centro traballou arredor do léxico do mar e, como parte do proxecto, realizou unha visita á Confraría de Pescadores e montou a exposición Marexadas no auditorio da Illa. O alumnado traballou na materia de Expresión Artística con fotografías antigas da súa zona relacionadas co mar e transformounas mediante o uso da técnica artística do collage.

ano lectivo 2023/2024
CIFP portovello (ourense)

Na primeira fase do proxecto o alumnado puido coñecer e valorar o Centro de Interpretación do Xogo Popular e Tradicional, creado polo propio CIFP. Tras investigar sobre os xogos tradicionais e o léxico relacionado, puxeron en marcha as PortOlimpíadas. Despois de seleccionar os xogos populares para competir en tres fases eliminatorias, informouse a toda a comunidade educativa sobre o desenvolvemento das olimpíadas e organizáronse competicións no patio por equipos.

cpi castro baxoi (miño)

O alumnado entrou en contacto co mundo dos muíños e o seu funcionamento grazas, principalmente, ao que lle contaron os seus avós e avoas. Ao final do ano lectivo, en colaboración co Departamento de Educación Física, realizaron unha andaina pola senda dos muíños da fraga do Xarío en Miño, con construcións do século XVII.

   

cpR plurilingüe guillelme brown (o pereiro de aguiar)

Este centro adentrouse no mundo dos oficios tradicionais de Portugal e da provincia de Ourense, documentando as prácticas, técnicas e o vocabulario específico utilizado en diversos labores artesanais. O alumnado realizou unha serie de visitas a artesáns e profesionais de varios oficios tradicionais, o que lle permitiu rexistrar o léxico empregado no seu traballo diario. Entre estas visitas destacaron as realizadas á alfarería de Niñodaguia e a un taller dun zapateiro en Vilanova dos Infantes. O produto final foi un libro en que recompilaron toda a información recollida.

ies pedregal de irimia (meira)

Este centro traballou sobre a sega e a malla para o que entrou en contacto con persoas coñecedoras do proceso de recolección e tratamento dos cereais de xeito tradicional, como tres membros da directiva da Asociación de Amigos da Malla (Meira), que lles deron unha charla, ou as persoas usuarias do Centro de Atención a Maiores. Tamén viron un documental sobre os segadores galegos en Castela. Ademais da recolla léxica, recompilaron refráns e cantigas e elaboraron un artigo para a revista do centro e carteis propagandísticos das tarefas da sega e a malla.

 

ies fernando blanco (cee)

Neste centro levaron a cabo o proxecto Festilingua, encamiñado á realización dun percorrido polas principais celebracións da contorna do IES Fernando Blanco que se desenvolveron ao longo do curso académico. Por exemplo, celebraron o Festilingua do Magosto, momento en que alumnado tivo a oportunidade de investigar e coñecer diferentes xeitos de celebrar o magosto ou de chamarlle ás castañas.

ies plurilingüe fontem albei (A fonsagrada)

Neste centro elaboraron un caderno de recolla de léxico que depositaron en varios puntos da vila da Fonsagrada para que as persoas que o desexasen, sobre todo as de máis idade, puidesen achegar as súas palabras e tamén crearon un formulario de recollida en liña. Para fomentar a cesión de palabras por parte da veciñanza, elaboraron diversos vídeos nas redes sociais baixo o cancelo #NaFonsagradadicimosasí. Co léxico recollido crearon pasatempos, que distribuíron en formato libro ou mantel de mesa polos bares e restaurantes da vila, e diversos xogos de mesa. Tamén foron difundindo as palabras rexistradas nas stories do Instagram baixo o título “A palabra do día“. Por último, realizaron unha visita ao Instituto da Lingua Galega en que puideron falar co lexicógrafo fonsagradino Antón Santamarina.

Todo este traballo, que levaba por título A memoria das palabras, foi recoñecido co Primeiro premio de innovación educativa en dinamización lingüística na convocatoria 2023/2024 da Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Pódese ler a descrición deste proxecto nun artigo da autoría de Noemi Basanta, coordinadora do traballo, no n.º 87 da revista EDUGA.

ano lectivo 2022/2023
CPI plurilingüe dr. lópez suárez (o saviñao)

O alumnado deste centro decidiu traballar sobre a vendima por ser unha tradición de grande arraigamento na Ribeira Sacra e por elaborarse viño na maioría das casas dos e das estudantes, o que lles permitiu entrevistar os seu familiares. Ademais, recolleron léxico entre a xente que acudía á feira que ten lugar ao pé do CPI dúas veces ao mes. Por último, aproveitaron unha saída fotográfica do Departamento de Música e Plástica para recoller léxico nos lugares máis afastados do Concello en que non rexistraran información.

cpi poeta uxío novoneyra (folgoso do courel)

O alumnado traballou sobre a apicultura, xa que no Courel hai unha importante tradición apícola. De feito, un veciño da zona, experto apicultor e carpinteiro, encargouse de explicarlles no centro o funcionamento dunha colmea. Ademais da recolla de léxico sobre o tema, os e as estudantes elaboraron a súa propia colmea en colaboración do Departamento de Tecnoloxía.

ies plurilingüe fontem albei (A fonsagrada)

Neste centro elaboraron cadernos que foron repartidos por distintos puntos da Fonsagrada para recoller as palabras da xente do Concello. Para fomentar a cesión de palabras por parte da veciñanza, crearon diversos vídeos nas redes sociais baixo o cancelo #NaFonsagradadicimosasí. Ademais, participaron no II concurso do programa #DígochoEu cun guión en que reivindicaban a variedade dialectal da Fonsagrada, co que conseguiron o 2.º premio entre os centros de ensino secundario de todo Galicia. Tamén visitaron o Instituto da Lingua Galega, onde puideron falar co lexicógrafo fonsagradino Antón Santamarina.

O léxico rexistrado, que foi divulgado a través de códigos QR pola vila, pode consultarse nesta ligazón.

 

ano lectivo 2021/2022
IES As Barxas (moaña) e IES María Soliño (cangas)

Estes dous centros traballaron conxuntamente arredor dos oficios tradicionais do Morrazo. As actividades que realizaron ao longo do curso (infografía sobre os peixes, mariscos e crustáceos, entrevista a unha poxadora do peixe, escolla das dez palabras máis bonitas do proxecto…) poden consultarse no seu blog.

IES Plurilingüe Fontexería (muros)

O alumnado recolleu léxico relacionado co mar e realizou unha serie de actividades que lle permitiu coñecer mellor a súa contorna: visitas á lonxa, ao Muíño das Mareas, a diversas conserveiras, charla sobre embarcacións tradicionais etc.

IES de Vilalonga (sanxenxo)

Este centro traballou sobre o léxico do mar e a vendima. Algunhas das gravacións realizadas durante as entrevistas foron subidas á plataforma da Radio na biblio e ao blog A beira das palabras.

ano lectivo 2020/2021
IES Lagoa de Antela (xinzo de limia)

Neste centro traballaron sobre os xogos tradicionais, para o que realizaron un labor de busca de información antes de poñelos en práctica no propio centro. Ademais, o alumnado de 4.º da ESO encargouse de presentarlle a dinámica dos distintos xogos ao alumnado dos cursos inferiores.

IES Marqués de Sargadelos

O alumnado recolleu léxico relacionado cos oficios tradicionais e coñeceu o traballo desenvolto por algúns artesáns e artesás dedicados á cestería, á cerámica e á elaboración de zocos.

ano lectivo 2019/2020
IES de Ponte Caldelas (ponte caldelas)

Neste centro elaboraron a páxina web Patromoni… ando, onde se recolle o traballo que realizaron arredor do patrimonio material e inmaterial desde distintas áreas. Na sección Léxico Recollido pódense consultar todas as palabras rexistradas polo alumnado.

Este proxecto levou o primeiro premio de Innovación Educativa do organismo Escola Viva.

CPI Plurilingüe de Vedra (vedra)

O alumnado de Vedra traballou sobre o léxico da madeira e a carpintería, que puideron coñecer da man dalgúns carpinteiros que lle falaron sobre o seu oficio nun obradoiro realizado no centro e en visitas aos seus lugares de traballo. Ademais, o léxico foi incorporado á aplicación Bótame un capio, desenvolta no anterior ano lectivo.

IES Universidade Laboral (culleredo)

Na Universidade Laboral elaboraron un mapa de palabras e un dicionario con todas as formas relacionadas co mar, o pan, a costura e os xogos recollidas polo alumnado, procedente de distintos concellos de Galicia.

ano lectivo 2018/2019
IES GREGORIO FERNáNDEZ (sarria)

O alumnado deste centro traballou arredor das plantas medicinais, das medidas e do traballo e as relacións laborais. No seu blog A lingua é vida encontraredes un glosario bilingüe galego-francés de plantas medicinais, así como fotografías das plantas coas que traballaron e varias gravacións, ademais das enquisas empregadas.

CPI Plurilingüe de vedra (vedra)

Neste centro crearon unha aplicación que leva por nome Bótame un capio, onde van introducindo vocabulario propio da zona, en moitos casos descoñecido polo alumnado, para que este non se perda e posibilitar a súa consulta.

Noticia na prensa: https://www.elcorreogallego.es/area-de-compostela/ecg/botame-un-capio-nova-app-recuperar-lexico-da-ulla/idEdicion-2019-06-16/idNoticia-1188936

ies francisco daviña rey (monforte de lemos)

O alumnado participante recolleu ao longo do curso o léxico relacionado co pan, xunto a refráns, cantigas e diversas cuestións etnográficas arredor desta temática. Podedes consultar todo o que andaron a facer no seu blog O forno da fala.

IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA (BAIO, ZAS)

Neste centro traballaron o léxico relacionado con distintos campos semánticos (xogos e xoguetes tradicionais, o pan, os embutidos…). No seu blog podemos encontrar este vídeo realizado polo alumnado do ciclo de Imaxe e Son.

escola básica e secundária de rebordosa (paredes – portugal)

O alumnado do 10º ano do Curso Profissional de Técnico de Turismo rexistrou ao longo do ano o léxico relacionado co traballo manual da madeira, o que lles permitiu coñecer unha arte tradicional de grande importancia no patrimonio de Rebordosa. A posta en valor do patrimonio e a súa relación co turismo foi tamén unha dimensión traballada no proxecto. Durante a realización das entrevistas, as rapazas e rapaces tiveron a oportunidade de coñecer diversas ferramentas usadas no traballo da madeira e decidiron dalas a coñecer na exposición À maneira do artesão. O día da inauguración, á que acudiu unha parte das e dos informantes, o alumnado explicou o seu traballo, exerceu de guía da mostra e distribuíu unha actividade lúdica entre as persoas asistentes.

     

ANO LECTIVO 2017/2018
IES Antón Alonso Ríos (Tomiño)

Na revista do centro podemos ler unha pequena reportaxe sobre a súa participación neste programa e o seguinte vídeo ofrécenos un resumo en imaxes das visitas e actividades organizadas arredor do noso léxico patrimonial.

IES de carral (Carral)

No blog da aula de lingua podemos encontrar algúns dos traballos realizados polo alumnado de 3º da ESO arredor do pan, como as infografías que mostramos a seguir.

CIFP Manuel antonio (vigo)

Os docentes elaboraron un Prezi para explicarlle ao alumnado participante o proxecto e como se debe proceder na realización das entrevistas. Unha vez realizadas estas e tratado o material recollido, o alumnado elaborou dous dicionarios de pequeno formato:

IES Mendiño (redondela)

Na páxina do centro atopamos materiais de diverso tipo, recollidos ou elaborados durante a participación no programa, relacionados co mar : léxico, audios e vídeos, fotografías etc.

Tipos de aparellos: bicheiro
Imaxe cedida por familiares do alumnado
IES A Pinguela (Monforte de lemos)

O alumnado deste centro sacou fotografías e gravou diversos vídeos e audios relacionados cos distintos campos semánticos propostos no programa. No vindeiro ano lectivo pretenden elaborar un documental con todo este material.

Fuso
Sarillo