Os apelidos buscados non deben ter acentos nin tiles diacríticos, xa que a información facilitada polo Instituto Nacional de Estatística carece destas marcas. Daquela, por exemplo, ó buscar CASAS obteranse tanto os resultados correspondentes a Casas coma a Cásas.
Para buscar apelidos compostos deben separarse as formas cun guión baixo (_) Por exemplo, o apelido Fernández Da Ponte debe buscarse escribindo: FERNANDEZ_DA_PONTE. Tamén deben buscarse con guión baixo os apelidos que comecen por preposición: DA_PONTE.
Nas buscas poden utilizarse como caracteres comodíns o asterisco (*) e a interrogación de peche (?). O asterisco equivale a un conxunto de carcteres ó inicio ou á fin dunha secuencia: ó escribir <PERE*> buscaranse os apelidos que comezan por PER- (PERE, PEREA, PEREDA, PEREZ, etc.). A interrogación de peche ten o valor dun só carácter: ó escribir <SANCHE?> buscaranse as palabras de sete letras que comecen por SANCHE- (SANCHEL, SANCHES e SANCHEZ).
Deberanse ter en consideración as distintas grafías que poida presentar o apelido. Polo tanto, hai que buscar tal e como constan exactamente no censo: as variantes castelanizadas, con ou sen <h>, con <b> ou con <v> constan como formas distintas (TEIXEIRO/TEIJEIRO, AIRA/AYRA, ERMIDA/HERMIDA, RIBEIRA /RIVEIRA...). Pero se o que interesa é ver xuntos os resultados de TEIXEIRO + TEIJEIRO + TEIGEIRO, haberá que procurar *TEI?EIRO; nese caso obteranse os datos correspondentes agrupados no mesmo mapa. Na parte baixa esquerda da pantalla aparecerá a relación dos "Apelidos coincidintes con TEI?EIRO".
Advertencia: lembre que para o correcto funcionamento desta páxina debe desactivar primeiramente no seu navegador o bloqueo de xanelas emerxentes para este sitio.
Na pantalla de inicio ofrécese a información básica sobre o proxecto e o equipo. Á dereita, un cadro no que se especifica:
ORIXE DOS DATOS
A información ofrecida procede do censo de poboación do ano 2001, realizado polo Instituto Nacional
de Estatística (Madrid).
NÚMERO TOTAL DE REXISTROS DA BASE
A base de datos contén o conxunto total de apelidos do censo de poboación de
Galicia de 2001. Dado que no Rexistro civil figuran dous apelidos, estes datos refírense á suma do primeiro apelido
máis o segundo, e non ó número total de portadores.
NÚMERO DE APELIDOS DISTINTOS DA BASE
É o número de apelidos con formas distintas que figuran no censo de poboación de 2001.
Unha vez introducido o apelido que se quere buscar, proporciónase a seguinte información:
NÚMERO DE OCORRENCIAS
É o conxunto de rexistros da base de datos coincidentes coa cadea buscada.
PORCENTAXE
Esta porcentaxe está calculada a partir do número de apelidos resultados da busca e do
número total de apelidos da base: p(%) = (Número de apelidos resultado da busca / Número total de
apelidos da base) x 100.
POSICIÓN
É a posición relativa que ocupa o apelido pola súa frecuencia respecto do número total
de apelidos distintos da base. Entre parénteses indícase o número de apelidos que ocupan esa mesma
posición. Por exemplo, para o apelido READIGOS a posición indicada é 1439[382], é dicir, ocupa a posición
1439 e comparte esa posición con 382 apelidos.
NÚMERO DE CONCELLOS
É o número de concellos en que se rexistra o apelido.
A seguir aparece unha táboa con información específica sobre a localización do apelido buscado. Esta información aparece , organizada por concellos.
CONCELLO
Relación dos concellos en que se rexistrou o apelido.
PROVINCIA
Provincia a que pertence o concello.
NÚMERO DE APELIDOS
É o número de rexistros coincidentes no concello co apelido buscado (recórdese que non
se corresponde co número de portadores).
PORCENTAXE
Porcentaxe sobre o número de apelidos do concello; p(%) = (Número de apelidos resultado da busca no
concello / Número total de apelidos do concello) x 100
Por defecto, os datos aparecen ordenados de maior a menor pola columna Porcentaxe. Pode cambiarse a ordenación premendo nas frechas que están nas cabeceiras das columnas (alfabética por concellos ou provincia ou por números absolutos).
No mapa ofrécese a representación cartográfica da distribución do apelido buscado. Esta información cuantitativa preséntase sobre o mapa dos 315 concellos de Galicia. O mapa completo dá conta da densidade da distribución dos apelidos mediante unha escala de cores graduadas. Esta escala conta cun máximo de seis clases e vai desde o branco (non existe ningún rexistro coincidente nese concello) ata o granate (concellos en que se dá unha maior porcentaxe de rexistros). No cadro da lenda indícase a que porcentaxe lle corresponde cada cor. O método empregado para a clasificación dos datos é o denominado Natural Breaks. Este método de clasificación está baseado no algoritmo de Jenks, que minimiza a variación entre cada clase e permite apreciar as agrupacións naturais inherentes ós datos.
Na caixa do mapa encóntranse dúas ferramentas que permiten mover a imaxe, facer ampliacións ou reducións e engadir capas (provincias e comarcas). Se se clica enriba de cada concello, ofrécese o seu nome e a información dos datos numéricos correspondentes. O mapa e o cadro de datos resultado das buscas poden gardarse ou imprimirse como arquivos en formato PDF.
6 users on-line
© 2024 Instituto da Lingua Galega - USC
ISSN 2659-8205