Ensaio histórico sobre a cultura galega

Autor:

Ramón Otero Pedrayo

Soporte:
Libro

Editor:
Galaxia

Observacións

Con este libro de Otero Pedrayo consúmase a primeira grande síntese interpretativa da histórica cultural de Galiza. Orixinalmente escrito en castelán (fora concibido para a súa inserción na colección “Biblioteca Básica de Estudios Gallegos” da Compañía Iberoamericana de Publicaciones de Madrid que dirixía Álvaro de las Casas), publicado nesta mesma lingua ―para “interesar ó público español nas cousas da nosa cultura galega”, diría o autor ourensán (DLG 2000: 164)― pola editorial Nós (1933), o Ensayo histórico sobre la cultura gallega é unha boa mostra do importante papel que o xénero ensaístico xogou no labor intelectual da Xeración Nós.

Este traballo que entronca co inquérito Morte e resurreición dun ano antes (1932) sobre as esencias da galeguidade non pretendía ser un ensaio político persoal máis que quedase incorporado ao macrotexto nacional diferencial do de Castela, senón que, conxugando elementos do universalismo, do europeísmo e do galeguismo ―a cultura galega como unha atlántica e occidental, afastada do “mudexarismo”, herdeira da cosmovisión celta e irmá de Portugal...―, “enfocaba o a cuestión como asunto de cultura” que “tiña como horizonte a cultura universal (...). A súa intención ía ser toparlle a Galicia a súa historia. Non investigar ou contar esa historia, que iso xa se viña facendo con mais ou menos éxito desde Murguía, senón descubrirlle o sentido galego e ensinarlle a converxencia cara o intre actual” (Carlos Baliñas apud DLG 2000:164).

A versión galega ―a que recollemos para esta base de datos― saíu do prelo da editorial viguesa Galaxia en 1982, dentro da colección “Biblioteca básica de cultura galega”.

Fontes:

DLG = Vilavedra, Dolores (coord.) (2000): Diccionario da literatura galega, vol. III. Vigo: Galaxia, 164-167.

Referencia

Otero Pedrayo, Ramón (1982) [1933]: Ensaio sobre a cultura galega. Vigo: Galaxia.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para analizar a navegación no nosa web. Máis información na POLÍTICA DE COOKIES

Aceptar