Teoría do nacionalismo galego

Autor:

Vicente Risco

Soporte:
Libro

Editor:
La Región

Observacións

Este texto que consolida a concepción histórico-organicista do nacionalismo galego é tamén o que instaura a Risco como o líder teórico do galeguismo ―polo menos até o tempo da república española, cando comeza a reformular o seu discurso político (vid. DLG 2000: 457)―. Un adianto do contido no libro pode encontrarse no artigo d’A nosa terra “Teoría do nazonalismo galego” (1918).

A formulación dunha Galiza que polo bioloxicismo é xa nación ―existe con independencia das accións ou da vontade do pobo― supón que sexa tamén naturalmente allea ás estruturas políticas externas ―estas si cambiantes―. Así, o ourensán propón o galego como un nacionalismo defensivo fronte ao agresivo de Castela, o “estado absorbente”. Ademais, Vicente Risco suxire nesta obra que a importancia para a configuración da nación galega recae tanto nos conceptos de Terra e Raza ―xuntos xerarían o Volkgeist ou espírito do pobo, aparellado sempre á idea da etnicidade― como na elite cultural galega, a obrigada a espertar a conciencia nacional dos galegos para lle facer fronte ás ameazas foráneas e contribuír á cultura universal―nótese o mesianismo implícito neste pensar―.

Fontes:

DLG = Vilavedra, Dolores (coord.) (2000): Diccionario da literatura galega, vol. III. Vigo: Galaxia, 457-458.

Vilavedra, Dolores (1999): Historia da literatura galega. Vigo: Galaxia, 176.

Referencia

Risco, Vicente (1920): Teoría do nacionalismo galego. Ourense: La Región.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para analizar a navegación no nosa web. Máis información na POLÍTICA DE COOKIES

Aceptar