A man de Santiña

Autor:

Ramón Cabanillas

Soporte:
Libro

Editor:
Imprenta do balneario de Mondariz

Observacións

Esta peza teatral de asunto cómico-amoroso que se desenvolve nun pazo foi a primeira montaxe do Conservatorio Nazonal do Arte Galego (1919) que impulsaban as Irmandades da Fala. Aínda que o manuscrito data de 1918, a súa publicación en formato libro non chegou antes do ano 1921.

Como indica Laura Tato Fontaíña (2016: 17), o “máis importante da obra era que rompía coa tradición ruralista e presentaba en escena a persoas das clases sociais máis altas falando galego”. Esta fenda a favor do nacionalismo literario (González-Millán 1994) acontecía nun momento da historia no que a comunidade nacional galega non contaba nin cunha política da lingua nin cunha institucionalización do discurso literario, xusto os dous desafíos que buscaban atallar as Irmandades. As pautas de actuación para suplir o primeiro deles gardaban relación coa desvinculación do idioma das clases populares e do ámbito rural. En relación ao segundo obstáculo, alén do xurdimento do Conservatorio, tamén se intentara poñer en marcha unha editorial nacional ―Editorial Prensa Gallega S. A. era a que estaba proxectada (Tato Fontaíña 2003: 196)―.

Fontes:

González-Millán, Xoán. (1994): “Do nacionalismo literario a unha literatura nacional. Hipóteses de traballo para un estudio institucional da literatura galega”, Anuario de estudios literarios galegos 3, 67-81.

Tato Fontaíña, Laura (2003): “A emerxencia do discurso narrativo: das coleccións de novela curta ao romance”, en Maria do Amparo Tavares Maleval / Francisco Salinas Portugal (dirs. congr.), Estudos galego-brasileiros. Rio de Janeiro: H. P. Comunicação Editora, 196.

Tato Fontaíña, Laura (2016): “Novo teatro para un tempo novo”, en Tato Fontaíña (ed.), O teatro nas Irmandades da Fala. A Coruña: Real Academia Galega, 15-17.

Referencia

Cabanillas, Ramón (1921): A man de Santiña. Mondariz-Balneario: Imprenta do balneario de Mondariz.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para analizar a navegación no nosa web. Máis información na POLÍTICA DE COOKIES

Aceptar