Periodo temporal:
O obxectivo deste proxecto é poñer en valor o humorismo gráfico galego e recoñecer o seu papel político en diferentes momentos da historia de Galicia.
A primeira achega que propoñemos atinxe a Can sen Dono (1983-1991), a pioneira das revistas humorísticas publicadas en galego logo da ditadura franquista. Dirixida por Pepe Carreiro e editada por Antón Mascato, a publicación ofrece unha visión da transición que racha co discurso oficialista e conciliador que rodea este período histórico, ao comentar de xeito acedo, irónico e crítico cuestións relativas á sociedade galega da época. Ademais, esta revista xuntou nos seus números colaboradores tan destacados como Xaquín Marín, Siro, Xosé Lois, Quesada, Kukas, Gogue e Chichi Campos, entre moitos outros, conseguindo que o humorismo gráfico tivese unha presenza habitual na prensa galega.
Can sen Dono intégrase no que Félix Caballero Wangüemert considera a segunda idade dourada do humor gráfico en Galicia (1982-2000). A primeira comprende os anos 1909 e 1936, e humoristas como Castelao, Maside, Cebreiro e Torres. Esta segunda idade dourada facilitouna que no ano 1978 a primeira constitución democrática tras a ditadura franquista grarantise o dereito á información e á liberdade de expresión abolindo a Lei de Prensa do 1966 (Caballero Wangüemert 205). A partires desa data sucedéronse unha serie de fitos que foron a semente para a aparición e desenvolvemento da publicación: a celebración do I Seminario do Galego do Humor (1982), no Laboratorio do Castro (Sada), seguido polos Encontros de Humoristas Galegos (1984-1988), celebrados no contexto do Festival de Poesía do Condado; O Manifesto en defensa do humor (1983), elaborado por Siro López e Xaquín Marín xunto cunha exposición itinerante cuxo obxectivo era dignificar o exercicio do humor e reivindicalo como uns dos trazos da identidade galega; ou a fundación do Museo do Humor de Fene (1984), agora coñecido como Museo do Humor Xaquín Marín, na honra do seu fundador e primeiro director ata a súa xubilación no 2008 (Caballero Wangüemert 205).
Agora que se acaban de cumprir os corenta anos do seu nacemento, este proxecto pretende homenaxear a súa pegada cunha conversa entre os seus responsables, Pepe Carreiro e Antón Mascato, na que reflexionan sobre as orixes da revista, os colaboradores, cuestións técnicas da edición, a relación entre humor e política, e o legado que deixaron. Esta conversa acompañarase da dixitalización de todos os números da publicación para que novas xeracións de lectores poidan achegarse a ela.
Caballero Wangüemert, Félix (2012): O humor en cadriños: convesas con Siro, Xaquín Marín, Xosé Lois, Gogue e Pepe Carreiro. Pontevedra: Morgante.
Caballero Wangüemert, Félix (2015): “La segundad edad de oro del humor gráfico gallego”, en Revista Internacional de Historia de la Comunicación, 4-1, 198-219.
“Can sen Dono: a revista de humor en galego que disparaba contra todos en dignificou a profesión” en Praza Pública, 24 de xaneiro de 2024. https://praza.gal/cultura/can-sen-dono-a-revista-de-humor-en-galego-que-disparaba-contra-todos-e-dignificou-a-profesion
Hermida, Xermán: “Ladridos que fixeron historia”, en Cultura Galega, 5 de outubro de 2023. https://culturagalega.gal/noticia.php?id=35506
Mascato, Antón: “40 anos do Can sen Dono”, en Nós Diario, 1 de setembro de 2023. https://www.nosdiario.gal/articulo/reportaxes/corenta-anos-do-can-dono/20230901214301176912.html
Pascual Carballo, Alberto (2009): Humor gráfico galego da transición ao século XXI. Vigo: Ir Indo.
Laura Lesta García