Este vocabulario bilingüe galego-castelán da linguaxe xurídico-administrativa é resultado da investigación sobre lingüística de corpus do galego que se desenvolve no Seminario de Lingüística Informática (SLI) da Universidade de Vigo (http://webs.uvigo.es/sli/), actualmente centrada na construción e procesamento do Corpus CLUVI (Corpus Lingüístico da Universidade de Vigo) .
O Corpus CLUVI é un corpus textual aberto de rexistros especializados de lingua galega contemporánea. No seu estado actual de desenvolvemento, os textos da sección principal do CLUVI pertencen a cinco rexistros especializados (dos ámbitos xurídico-administrativo, xornalístico, informático, literario e de divulgación científica) e a cinco combinacións lingüísticas en relación ao galego (monolingüe galego, tradución galego-castelán, tradución francés-galego, tradución inglés-galego e tradución inglés-galego-francés-castelán), e posúen unha extensión total aproximada de 8 millóns de palabras. Os textos do CLUVI están distribuídos en seis subcorpus, cada un deles de máis dun millón de palabras: o corpus paralelo TECTRA de textos literarios inglés-galego, o corpus paralelo FEGA de textos literarios francés-galego, o corpus paralelo LEGA de textos xurídico-administrativos galego-castelán (fonte deste Vocabulario), o corpus paralelo de O Correo da Unesco de textos de divulgación científica inglés-galego-francés-castelán, o corpus monolingüe XIGA de textos sobre informática en galego e o corpus monolingüe MEGA de linguaxe dos medios de comunicación social.
A consulta pública dos corpus paralelos do CLUVI faise a través dunha interfaz web deseñada polo SLI e dispoñíbel no enderezo https://ilg.usc.gal/cluvi/. Esta utilidade permite facer buscas simples e complexas (con comodíns) de palabras illadas ou de secuencias de palabras, e observar as equivalencias plurilingües dos termos pescudados nos seus contextos de uso en traducións reais e documentadas. O número de obras aliñadas e os pares de linguas dispoñíbeis na páxina web aumentan con regularidade, xa que o CLUVI é un proxecto académico de investigación en curso de grande vitalidade. Arestora, as páxinas do Corpus Paralelo CLUVI permiten consultar, alén dos catro corpus paralelos de máis entidade (TECTRA inglés-galego, FEGA francés-galego, LEGA galego-castelán e O Correo da Unesco inglés-galego-francés-castelán), outros corpus paralelos menores en fase de desenvolvemento, entre os que cómpre salientar o corpus paralelo VEIGA de subtitulado cinematográfico inglés-galego e o corpus paralelo EGAL de textos de economía galego-castelán.
A compilación do Corpus CLUVI por parte do SLI ten como obxectivo principal a súa utilización como material de referencia e estudo en diferentes actividades académicas de investigación, dentro das que se enmarca a elaboración de repertorios léxicos especializados e de repertorios de equivalencias de tradución bilingües inglés-galego, francés-galego e galego-castelán. No eido do traballo terminolóxico, a consulta pública a través de internet do Corpus CLUVI fornece unha ferramenta que permite coñecer o uso real do galego escrito en diversos usos técnicos ou especializados para, a partir desta constatación, se cadra, poder realizar propostas terminolóxicas normativas axustadas á realidade lingüística plasmada nos textos. Por outra banda, o Corpus CLUVI, tamén debe abrir a porta a investigacións lingüísticas fundamentadas sobre o uso social das propostas terminolóxicas, xa que a través dos textos é posible observar de maneira empírica a dirección da selección léxica, isto é, as vacilacións e preferencias actuais nos usos terminolóxicos na lingua galega escrita contemporánea.
O Vocabulario xurídico-administrativo galego-castelán que aquí presentamos é un repertorio terminolóxico bilingüe do léxico da administración pública documentado no CLUVI. Todos os termos bilingües incluídos no glosario aparecen documentados nalgún dos textos (boletíns oficiais e corpo lexislativo) que forman parte do corpus paralelo xurídico-administrativo LEGA de dous millóns de palabras integrante do CLUVI. O propósito primeiro do glosario é descritivo: trátase de ilustrar o uso real da linguaxe neste ámbito específico de comunicación, e mais de amosar cales son as equivalencias entre o galego e o castelán empregadas efectivamente nesta especialidade da tradución. Con este obxectivo, todas as traducións incluídas no glosario van acompañadas dun exemplo (orixinal e tradución) tirado do corpus. Nos exemplos indícase a súa fonte mediante un sistema de cita comprimida formado pola abreviatura da obra na que aparece o exemplo, seguida dun número entre parénteses que indica o número da súa unidade de tradución no CLUVI (un concepto técnico da traductoloxía que coincide, aproximadamente, co número da frase no texto).
Malia o seu carácter prioritariamente descritivo, e xa que logo non prescritivo, este Vocabulario xurídico-administrativo galego-castelán pode ser utilizado tamén como obra de consulta lexicográfica, do mesmo xeito no que se empregan habitualmente os repertorios terminolóxicos. A razón é evidente: as persoas que realizaron as traducións entre o galego e o castelán das leis e boletíns oficiais recompilados no CLUVI son profesionais que merecen toda a nosa admiración e respecto, de maneira que as súas escollas terminolóxicas posúen, nun certo senso, o valor que lles outorga a autoridade lingüística derivada do seu coñecemento e da súa actividade. Para facilitar o manexo deste Vocabulario xurídico-administrativo galego-castelán a xeito de dicionario bidireccional (galego-castelán e castelán-galego), incluímos nas últimas páxinas un índice inverso castelán-galego que contén unha listaxe de todos os termos en castelán seguidos dun número que remite ao número da entrada no índice principal galego-castelán.
A autora e o autor desta obra son, e non pode ser doutro modo, as responsábeis fundamentais dos seus acertos e desacertos. Porén, queremos deixar aquí constancia do noso agradecemento a Alberto Álvarez Lugrís, Eva Díaz Rodríguez, Xosé María Gómez Clemente, Santiago González Lopo e Elena Sacau Fontenla, polas súas contribucións científicas e humanas ao proxecto do CLUVI ao longo destes últimos anos; a Xermán García Cancela, Xefe do Servizo de Tradución da Consellaría da Presidencia da Xunta de Galicia, polo seu apoio persoal e axuda inestimábel; e ao Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e ao seu Director, Anxo M. Lorenzo Suárez, pola confianza depositada desde o inicio no noso traballo.
Xavier Gómez Guinovart
Seminario de Lingüística Informática
Universidade de Vigo