Vocabulario xurídico-administrativo galego-castelán.
Baleirado terminolóxico documentado no Corpus Lingüístico da Universidade de Vigo
https://ilg.usc.gal/dilega/

Xavier Gómez Guinovart e Ánxeles Torres Padín (2005)
Vigo: Universidade de Vigo (Servizo de Publicacións)
ISBN: 84-8158-282-4.



Limiar

Xermán García Cancela


En decembro (na súa portada, reza Nadal) de 1978 vía a luz o número 0 do Boletín Oficial da Xunta de Galicia, precedente do que catro anos máis tarde, en 1982, se convertería no actual Diario Oficial de Galicia (DOG). Estamos nos inicios da preautonomía e tamén nos inicios dunha publicación que, nos vinteseis anos seguintes, en canto que medio de difusión das normas emanadas do poder autonómico, se acabou transformando en importante reflexo do desenvolvemento na nosa lingua da variedade xurídico-administrativa. Nestes anos, son milleiros as páxinas redactadas en galego para expresar uns contidos xurídico-administrativos que tradicionalmente se asociaban entre nós exclusivamente ao castelán.

Ben é certo que a expresión en lingua galega das normas emanadas do novo poder autonómico non se pode cualificar de orixinal, por canto xurdiu dunha formulación que fixo da tradución o mecanismo obrigado, para o que se organizaron estruturas administrativas inicialmente e aínda agora chamadas, precisamente, servizos de tradución, nas principais institucións de autogoberno .

De feito, o boletín de que estamos a falar nace cunha expresión nas dúas linguas, co mecanismo da dobre columna, afortunadamente superado en 1984, a partir do mes de xullo, en que se edita en versións separadas. Deste xeito, e sendo ademais a versión galega a de maior tiraxe, deuse un paso moi importante, ao converter o galego na única lingua de redacción das normas para a gran maioría de subscritores e lectores do DOG, co que iso significa no labor de implantación da variedade xurídico-administrativa e no prestixio para o galego.

De por parte, malia a pexa de a lingua normativa se fixar inicialmente sobre o modelo do castelán, pouco e pouco e seguindo o mesmo camiño ca o trazado para o proceso de fixación do corpus da lingua xeral, o galego xurídico foi gañando en orixinalidade, coa achega de recursos xenuínos fronte ao arquetipo do castelán. E non tanto, se cadra, no eido do léxico e da terminoloxía, onde a marxe para a orixinalidade é máis escasa, senón no do estilo. Aquí, e ben se pode comprobar na evolución seguida nestes vinteseis anos, os servizos lingüísticos fixeron un esforzo considerable de superación do modelo castelán, caracterizado por unha linguaxe tradicionalmente ampulosa e complicada, arredada dos usos comúns, inzada de arcaísmos, de maiúsculas e de reverencias (nestes primeiros anos aínda afloraban con frecuencia os tratamentos protocolarios, os Dios guarde a V.I., os SUPLICA a V.I. tenga a bien conceder, que tanto marcan o estilo decimonónico da linguaxe da administración española).

Na superación deste modelo cómpre non esquecer as iniciativas xurdidas darredor da Sección de Linguaxe Administrativa do Instituto da Lingua Galega nin as promovidas, entre outros, pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia. En xornadas organizadas en 1983 xa se debatían aspectos da configuración do estilo administrativo, partindo de iniciativas anovadoras emprendidas máis nas emerxentes administracións autonómicas con lingua propia (Cataluña, País Vasco, Illas Baleares, Galicia, etc.) ca na propia Administración central.

E de reunións celebradas por eses anos na devandita sección do ILG saíron moitas das propostas que co tempo acabaron callando en cuestións como a supresión dos tratamentos protocolarios nos documentos de trámite, a eliminación da maiúscula inicial en moitos contextos habitualmente tendentes a este uso, a preferencia pola voz activa fronte á voz pasiva, a preferencia pola frase curta fronte á frase longa e mal construída e tantas outras que se foron trasladando á redacción normativa. As recomendacións aplicadas nos servizos lingüísticos trasladáronse tamén a publicacións como o Manual de linguaxe administrativa, editado pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en 1991, e ás actividades formativas organizadas por esta institución nos cursos de linguaxe administrativa para o funcionariado das distintas administracións .

Tamén no aspecto léxico e terminolóxico se fixeron nos primeiros anos apostas de superación do modelo castelán, ben é certo que non da forma sistemática e planificada que cumpriría pero, ao menos, apuntando algunhas das direccións que sen dúbida deben tomarse para a configuración dunha terminoloxía xurídica e técnica en galego enraizada na tradición e configurada sobre bases orixinais: aproveitamento da riqueza dialectal e de formas medievais; ampliación semántica de palabras da lingua común; creación neolóxica cos mecanismos de formación de palabras aplicados historicamente para o enriquecemento do acervo léxico; acomodación ás solucións maioritarias das linguas da nosa contorna, sobre todo do portugués, fronte ao modelo exclusivo do castelán, etc.

A comparación dos textos iniciais recollidos nos boletíns oficiais dos primeiros momentos permite constatar que, fronte aos calcos deses primeiros momentos, foron de a pouco xurdindo acuñacións terminolóxicas hoxe en plena circulación entre os redactores das normas, os especialistas e o usuario da lingua en xeral. Así, os axuntamento, creto, invertir, inversión, pliego de condicións, regramento, turno, vacuna e vía de apremio deron en concello, crédito, investir, investimento, prego de condicións, regulamento, quenda, vacina e vía de constrinximento da man, non poucas veces, das propostas elaboradas desde os servizos lingüísticos oficiais. Algunhas das propostas chegaron a sorprender inicialmente os redactores das normas pero co tempo a sorpresa mudou en hábito e hoxe ninguén se asombra de ver utilizadas estas voces non só na lingua da administración senón en todos os ámbitos de uso.

Polo medio, ademais do crecemento en número de páxinas do DOG -nos últimos anos, máis de 16.000 páxinas cada ano- vinculado ao incremento das competencias da Administración autonómica, outras iniciativas viñéronse sumar ao arrenquentamento da literatura xurídica en lingua galega: a tradución de importantes códigos e leis administrativas, nomeadamente o Código civil e penal en 1984; a edición en lingua galega do BOE, froito dun acordo da Administración central e dun convenio coa Xunta de Galicia, desde 1998; ou a edición en lingua galega por parte do BOE da súa colección de textos legais, con catro volumes xa editados e outros tantos en preparación.

Que agora, ao cabo de máis de vinte anos de produción ininterrompida de textos de especialidade na nosa lingua, con base precisamente neles se elabore un vocabulario coma este, non pode ser máis ca motivo de felicitación. Persoalmente, sempre desexei que o importante corpus que constitúen os milleiros de textos inseridos no DOG en todos estes anos servisen para a elaboración de traballos especializados que incluísen, coma neste caso, unha recompilación das formas acuñadas e en circulación, cos contextos de uso; reflexións teóricas da parte dos terminólogos sobre os procedementos aplicados para a fixación terminolóxica e propostas de (re)elaboración da terminoloxía con base nunha metodoloxía ben construída, na liña de traballo emprendida pola Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega; ou traballos sistemáticos coma os emprendidos polo Proxecto Com-Forma .

Unha ollada aos termos incluídos nesta publicación, cos contextos en que foron empregados, permítenos a un tempo observar a tendencia seguida na fixación terminolóxica ata o momento e apuntar algunhas liñas de traballo para o futuro.

Así, vemos que nunha porcentaxe moi elevada, a terminoloxía xurídico-administrativa, polo seu carácter culto, non presenta dificultades de adaptación ao galego, pois ofrece un grao de equivalencia formal e semántica elevada coas linguas próximas (amortización, apud acta, avocar, beneficiario, casación, caución, compulsión, irrogar, laudo, pro indiviso). Aínda así, termos que en aparencia non son discutibles si que merecen unha revisión (actor/autor; axuizamento/xulgamento/procesamento; plus/complemento/gratificación, por exemplo).

Por outra banda , a exploración da vía medieval ten dado algúns froitos moi interesantes (a pedimento de, axuda de custo, constrinximento, danos e perdas, desafiuzamento, soar). Cumpriría afondar nesta liña, aínda sabedores das limitacións inherentes ao traslado sen máis de formas medievais que expresan conceptos dun mundo xurídico moi afastado do actual.

Tamén merece unha exploración máis profunda a vía da extensión semántica de termos da lingua común, xa testada en casos significados (avinza, poxa, quenda, etc.).

A constante confrontación dos termos acordados para o galego coas solucións consolidadas nas linguas próximas, en especial no portugués, ten demostrado a súa validez para superar o calco sen máis do castelán (alínea, casamento, investir, orzamento, validación). No terreo do léxico xurídico-administrativo, e do técnico e científico en xeral, non hai dúbida ningunha da necesidade de apelar constantemente ao principio de harmonía co resto das linguas románicas e co portugués, en particular.

Insisto en que necesitamos liñas metodolóxicas precisas e ben elaboradas. Pero como paso previo, traballos coma o presente son, ao meu ver, imprescindibles para termos unha perspectiva o máis exacta posible do terreo en que nos movemos. De feito, entendo que, alén do baleirado da terminoloxía de corte máis xurídico-administrativo, sería de moita utilidade elaborar vocabularios do tipo do presente que, con base en toda a produción textual dos últimos anos, abrangan tamén outras áreas de especialización. O camiño está ben encetado.



Xermán García Cancela
Xefe do Servizo de Tradución
Consellaría da Presidencia
Xunta de Galicia