Vocabulario xurídico-administrativo galego-castelán.
Baleirado terminolóxico documentado no Corpus Lingüístico da Universidade de Vigo
https://ilg.usc.gal/dilega/

Xavier Gómez Guinovart e Ánxeles Torres Padín (2005)
Vigo: Universidade de Vigo (Servizo de Publicacións)
ISBN: 84-8158-282-4.



Presentación

Anxo M. Lorenzo Suárez


A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo continúa a promover a elaboración de materiais lingüísticos xerais e especializados, e a súa difusión entre a comunidade universitaria e entre os especialistas e interesados en cada ámbito de coñecemento específico.

A estas alturas do proceso de institucionalización do idioma galego, unha tarefa totalmente necesaria é a de presentar materiais que mostren os usos e as tendencias lingüísticas neses ámbitos específicos. Sen dúbida o ámbito xurídico-administrativo é un deses recantos da nosa sociedade onde a lingua galega transitou en poucos anos da nada case completa a contar na actualidade cun corpus de materiais, de moi diferentes clases, moi estimable. É precisamente este un dos aspectos máis salientables do vocabulario xurídico-administrativo que aquí presentamos: a selección de entradas procede dun corpus lingüístico real que os autores do vocabalurio recompilaron e sistematizaron.

En consecuencia, non podo deixar de agradecer explicitamente nesta presentación, no nome da Universidade de Vigo, o labor do Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo, encabezado polo seu responsable, Xavier Gómez Guinovart, e a Ánxeles Torres Padín, como coautora deste vocabulario. Este proxecto e outros que neste momento están en vías de realización van facer mudar nos próximos anos o coñecemento que temos do corpus da lingua galega e van achegar novas aplicacións e ferramentas baseadas no que temos e no que aprendemos dos ditos corpus. Este tipo de iniciativas merecen o recoñecemento e os parabéns de todos e todas os que nos dedicamos ás actividades de promoción da lingua galega.



Anxo M. Lorenzo Suárez
Director da Área de Normalización Lingüística
Universidade de Vigo