Publícase o volume VI do ALGa
O Instituto da Lingua Galega acaba de publicar un novo volume do ALGa: Atlas Lingüístico Galego. Léxico. Terra, plantas e árbores. Con esta, son xa seis as publicacións derivadas do proxecto Atlas Lingüístico Galego, cuxa finalidade é describir as variedades xeográficas do galego moderno.
Esta obra, coordinada por Francisco Fernández Rei, ocúpase das cuestións vencelladas, directa ou indirectamente, coa terra como espazo natural e coas plantas e árbores. O material cartografado agrúpase en dous grandes bloques: terra, en tanto que espazo físico non alterado polo ser humano; e plantas e árbores, con denominacións de arbustos, plantas e árbores silvestres e froiteiras e froitos. Ademais dos 272 mapas, a obra inclúe un anexo de plantas con información adicional.
Tanto este volume como os próximos edítanse coa axuda da Fundación Barrié e a colaboración do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela, mercede a un convenio asinado a finais de 2015.