Como se consulta?

Para realizar unha busca no PLG podemos optar por dúas vías:

01) Seleccionar un campo semántico e a continuación escoller o concepto que nos interesa entre a listaxe que se ofrece para cada campo, ordenada alfabeticamente, tal e como se mostra nas figuras 1 e 2:

Figura 1.
Selección dun campo
semántico

Figura 2.
Selección dun concepto asociado a un campo semántico

02) Seleccionar un concepto sen facer unha escolla previa de campo semántico, tal e como se mostra na figura 3. Os conceptos, de igual xeito ca no caso anterior, aparecen ordenados alfabeticamente:

Figura 3. Selección dun concepto sen filtraxe previa por campo semántico

Os campos semánticos e os conceptos poden consultarse en versión galega ou portuguesa. A lingua selecciónase na parte superior dereita da páxina.

Unha vez seleccionado o concepto, a aplicación ofrece unha listaxe de lemas que se empregan para expresar ese concepto na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal ou nas áreas galegófonas de Asturias e de Castela e León, así como a súa distribución no mapa correspondente:

Figura 4. Resultado da busca polo concepto ‘porco teixo’

Resultados da busca: a relación de lemas

A listaxe de lemas desprégase baixo o concepto, con indicación do número de lemas diferentes rexistrados (7 lemas na figura 5). Os lemas ordénanse por frecuencia, tomando como referencia o número de concellos en que aparece cada un deles. Este dato numérico ofrécese á dereita do lema, en fondo gris. Así, por exemplo, PORCO TEIXO figura en 20 concellos mentres que TEIXÓN só figura nun.

Figura 5. Lemas que resultan da busca polo concepto ‘porco teixo’

Se prememos sobre o citado dato numérico, en fondo gris, ábrese un despregable que nos indica cales son as variantes asociadas a ese lema, con indicación do número de veces que se rexistra cada unha delas, tal e como se pode comprobar na figura 6 (18 exemplos de porco teixo, grafado separadamente, e 2 de porcoteixo, con escritura conxunta). Para os conceptos de lema e variante, remitimos ao exposto na descrición do proxecto (Que é o PLG?).

Figura 6. Variantes asociadas ao lema PORCO TEIXO

Tal e como se pode observar nas figuras anteriores, existen certos lemas que se atopan vinculados mediante unha barra (por exemplo, TEIXUGO e TEXUGO ou TOURÓN e TOURÃO). Trátase de lemas galegos e portugueses que son variantes fónicas ou gráficas entre si e que, por tal motivo, van xuntos.

Por outro lado, cada lema asóciase cun símbolo que serve para representalo no mapa xerado con cada busca. Os símbolos diferéncianse entre si por unha combinación de formas, cores e letras, ordenadas estas últimas do A ao Z, desde a forma máis frecuente (A) á menos frecuente (Z).

Resultados da busca: o mapa

Na parte esquerda da pantalla encontramos a distribución cartográfica dos lemas, representados polos símbolos que acabamos de comentar, tal e como se observa na figura 7.

Figura 7. Distribución xeográfica do concepto ‘porco teixo’

Nótese que os lemas galegos e portugueses vinculados (por exemplo, TEIXUGO / TEXUGO, identificados coa letra B) teñen asignado o mesmo símbolo no mapa.

Se prememos en calquera dos símbolos atoparemos información sobre o concello, así como sobre cal é o lema ou os lemas (figura 8) que se rexistran nese concello, coas súas variantes, situadas embaixo do lema ou dos lemas e con letra lixeiramente máis pequena. Os lemas e variantes que figuran neste despregable conteñen un hipervínculo que conduce ás entradas correspondentes no TLPGP, onde se pode encontrar a fonte dos datos léxicos e outras informacións asociadas.

Figura 8. Información sobre concellos, lemas e variantes no mapa

A información numérica que figura no despregable do mapa é a mesma que xa comentamos previamente ao tratar os despregables asociados aos lemas.

Como se pode observar nas imaxes anteriores, algúns símbolos, que destacamos na figura 9, teñen un tamaño lixeiramente maior ca os demais e un borde punteado.

Figura 9. Símbolos con formato especial

Este formato dá conta de que no concello correspondente se rexistra máis dun lema, tal e como podemos comprobar na figura 8. A aplicación representa sempre no mapa a forma máis frecuente (neste caso PORCO TEIXO, pois figura en máis concellos ca TEIXO).

A manipulación dos mapas

Na listaxe de lemas a persoa usuaria ten a posibilidade de ocultar ou facer visibles os símbolos do mapa. Para isto debe premer na casiña que figura por riba da devandita listaxe (selecciónanse ou deselecciónanse todos os lemas) ou ben nas que preceden a cada un deles. Así, por exemplo, na figura 10 deseleccionamos os lemas PORCO TEIXO e TEIXUGO / TEXUGO, o que fai emerxer formas que estaban agachadas baixo eles:

Figura 10. Deselección de lemas

Por outro lado, a persoa usuaria, premendo nos símbolos que figuran á dereita de cada lema pode seleccionar outras cores ou outras formas para confeccionar o mapa que lle interesa.

Figura 11. Modificación dos símbolos preestablecidos

Descarga de mapas e datos

A persoa usuaria pode descargar e gardar o mapa (en formato .png) premendo na barra que figura baixo os lemas, así como descargar os datos nun arquivo csv (en folla de cálculo). Poden obterse indicacións máis detalladas sobre o funcionamento da aplicación aquí.

Figura 12. Descarga do mapa e dos datos