Que é o PLG?

Patrimonio léxico da Gallaecia (PLG) é un subproxecto do proxecto GEOARPAD (https://www.geoarpad.eu/gl) enmarcado no programa operativo EP – INTERREG V A España Portugal (POCTEP), cuxo principal obxectivo é a posta en valor do patrimonio material e inmaterial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O subproxecto coordínase desde o Instituto da Lingua Galega e nel participa tamén un equipo do Centro de Linguística da Universidade do Porto e outro do Centro de Estudos em Letras da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro.

Neste marco, elaboramos unha ferramenta do mesmo nome (Patrimonio léxico da Gallaecia, en diante PLG) que permite coñecer as diferentes unidades léxicas que serven para expresar unha serie de conceptos e visualizar a súa distribución territorial no noroeste da península ibérica, nunha área que comprende a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e as zonas galegófonas de Asturias e de Castela e León. Así por exemplo, na figura 1, en que se fai unha consulta para o concepto ‘porco teixo’, obtemos unha listaxe de unidades léxicas que serven para expresar ese concepto no territorio indicado, así como a súa distribución espacial.

Figura 1. Resultado da busca polo concepto ‘porco teixo’

Os diferentes conceptos sitúanse baixo un clasificador semántico xenérico. Os grandes campos semánticos establecidos no PLG son os seguintes:

1. Universo
2. Terra e auga
3. Agricultura

4. Plantas
5. Animais domésticos e gandaría
6. Animais silvestres

7. Ser humano
8. Vida cotiá
9. Medición e espazo

As fontes de onde se extrae a información léxica son diferentes traballos que recollen vocabulario dialectal galego e portugués, moitos deles inéditos ou de difícil acceso: glosarios, atlas lingüísticos, obras de carácter etnográfico, traballos académicos, recolleitas léxicas realizadas en centros educativos etc. O que teñen en común todas estas obras é que recompilan léxico dialectal con referenciación xeográfica correspondente a territorios de fala galega ou dos municipios portugueses da Eurorrexión. Trátase dunha parte do conxunto de obras que integran o Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués (TLPGP) (as cales poden consultarse no corpus do TLPGP), en concreto aquelas que teñen información léxica sobre o territorio sinalado. O PLG está conectado directamente co TLPGP, de onde extrae tanto os lemas e variantes dos que ofrece información como a clasificación semántica básica.

O lema, coincidente sempre que sexa posible cunha forma estándar, é asignado polos editores e serve para unificar variantes fónicas e gráficas recollidas nas diferentes obras. Así, por exemplo, as variantes tanxujo, teixugo, teixugho, teixujo e tenxugho, todas elas presentes en diferentes obras introducidas no TLPGP e no PLG, teñen asignado o lema estándar TEIXUGO.

Cando a variación é morfolóxica ou léxica os editores asignamos lemas diferentes. Así, TEIXUGO, TEIXO ou TEIXÓN, todas elas denominacións para o Meles meles, son lemas diferentes, pois presentan diferenzas morfolóxicas, e do mesmo xeito, PORCO TEIXO, TOURÓN ou MELANDRO son lemas distintos, que poden ter as súas propias variantes fónicas ou gráficas nas obras introducidas no TLPGP e no PLG (por exemplo, porcoteixo e porco teixo no primeiro caso; tourón e turón no segundo).

Como se pode ver na figura 1, o resultado que se obtén tras seleccionar un concepto e realizar unha busca no PLG é unha listaxe de lemas que serven para expresar o concepto escollido. Con todo, a través dos lemas pódese acceder ás variantes concretas que figuran nas obras, tal e como se pode observar na figura 2.

Cómpre sinalar que o PLG é un recurso en desenvolvemento, de xeito que paulatinamente se incorporarán novos conceptos e se incrementará o número de lemas e variantes asociados a cada concepto, dada a inclusión continua de novas recolleitas léxicas no TLPGP e, consecuentemente no PLG.

Figura 2. Variantes asociadas ao lema PORCO TEIXO