TECNOLOXÍAS E ANÁLISE DOS DATOS LINGÜÍSTICOS

Ver búsqueda de navegación

Navegación

Buscar

Filoloxía e Lingüística Galega (GI-1743)
Coordinador: Francisco Dubert García.
http://ilg.usc.es/

Con data 1 de setembro de 2016, o grupo Filoloxía e Lingüística Galegas, FILGA GI-1743, conta con 22 membros doutores nas áreas de Filoloxía Románica, Filoloxías Galega e Portuguesa e Lingua Española: 8 mulleres (1 CAT-UN, 4 TIT-UN, 1 TIT-EU, 2 PCD) e 14 homes (6 CAT-UN, 6 TIT-UN, 2 CON-POSDOC-XUNTA). Conta tamén con 20 persoas matriculadas en etapa de tese: 2 contratadas FPU e 7 cunha bolsa predoutoral da Xunta; ademais, hai 5 persoas contratadas a cargo de proxectos. A maior parte dos membros están no campus de Santiago, pero tamén ten 3 en Lugo.
O grupo conta con investigadores no campo da gramática sincrónica e histórica, fonética, lexicografía, variación lingüística, sociolingüística, historia externa e edición filolóxica de textos. A investigación do grupo alcanza a análise da lingua galega desde tódalas perspectivas. Os proxectos de investigación desenvólvense no Departamento de Filoloxía Galega e na sede do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC, do que forman parte case tódolos membros de FILGA. Polo tanto, o grupo conta con medios suficientes para desenvolver o seu labor investigador, de formación e de divulgación de resultados: unha excelente biblioteca, salas de informática, salas de aulas, laboratorio de fonética, etc.
Os resultados da investigación de FILGA, tanto recursos como publicacións, póñense á disposición de calquera investigador a través da páxina http://ilg.usc.es. Os recursos máis coñecidos e consultados son:

  • Dicionario de dicionarios da lingua galega (galego moderno)
  • Dicionarios de dicionarios do galego medieval
  • Dicionario de dicionarios de xirias
  • Dicionario de pronuncia da lingua galega
  • Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGa)
  • Arquivo do Galego Oral
  • Portal de ditados tópicos galegos
  • Cartografía de apelidos de Galicia
  • Tesouro Informatizado da Lingua Galega (escrita de 1600 á actualidade)
  • Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega (a escrita ata 1600)
  • Inventario Toponímico da Galicia Medieval
  • Índices do Atlas Lingüístico Galego (o atlas, ALGa, só se edita de momento en papel).
  • Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués

 

O grupo, a través do ILG, promove coleccións de publicacións de lingüística (a “Colección Base. Serie Lingüística”, coeditada co Consello da Cultura Galega; a coñección Limiar, editada coa colaboración do Servizo de Publicacións da USC) e tamén a revista Estudos de Lingüística Galega (http://ilg.usc.es/elg/), cun ICDS 9.3 no índice http://miar.ub.edu no ano 2016.
FILGA acadou en 2006 o recoñecemento de Grupo de Referencia Competitiva e gozou dunha axuda continuada da Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria) nas distintas convocatorias ás que se presentou (axudas para a estruturación e consolidación de unidades de investigación competitivas).
Ademais, no ano 2012, FILGA comezou a coordinar a rede Tecnoloxía e Análise dos Datos Lingüísticos (TecAnDaLi), tamén financiada pola Xunta dentro das axudas á consolidación. Esta rede, pioneira en Galicia no seu tipo, produciu resultados considerables que pretendemos ampliar se se concede a presente solicitude.
O impulso dos nosos traballos nos últimos anos é evidente, grazas a esas axudas e ás varias convocatorias competitivas en que concorremos con éxito desde entón. O feito é que o noso labor como grupo viuse premiado recentemente cos seguintes recoñecementos: (1) da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, dentro do Programa xeral de consolidación e estruturación do sistema galego de I+D+I, cunha nova axuda de Consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas para os anos 2013-2016; (2) coa avaliación positiva no marco dun Plan de Promoción da Actividade dos Institutos de Investigación Universitaria, posto en marcha polo equipo de goberno da USC, con avaliadores externos; (3) a posta en marcha dun contrato-programa dentro da USC, que supón a asunción dunha serie de compromisos e obxectivos que seran avaliados pola propia universidade; (4) a concesión da Medalla de Ouro de Galicia, a máxima distinción do goberno autonómico, pola excelencia da investigación e a súa rendibilidade social neste longo percorrido (en 2011 o ILG celebrou o seu 40º aniversario).
Ademais cómpre destacar o labor desenvolvido polos novos investigadores, tanto o conxunto do persoal contratado para proxectos de investigación como o importante número de investigadores con contratos e bolsas predoutorais. Nos últimos anos viuse incrementado o número de doutorandos que conseguiron un contrato ou bolsa predoutoral e tamén aumentou notablemente a produción científica do conxunto do persoal en formación.