TECNOLOXÍAS E ANÁLISE DOS DATOS LINGÜÍSTICOS

Ver búsqueda de navegación

Navegación

Buscar

Grupo de Sistemas Intelixentes (GI-1636)
IP: Senén Barro Ameneiro
www.gsi.dec.usc.es

O Grupo de Sistemas Intelixentes (GSI) ten como obxectivos principais o estudo e modelado do comportamento intelixente a diferentes niveis, e a síntese de sistemas que exhiban tal comportamento, apoiados ambos os obxectivos en ferramentas que aporta a Intelixencia Artificial. GSI está formado por mais de 40 integrantes, dos cales 18 teñen o grao de doutor/a, fundamentalmente profesores e investigadores en formación. Varios integrantes do grupo desenvolven o seu labor como PDI noutras universidades españolas e estranxeiras (UVigo, UdC, Univ. San Pablo CEU, Universidade do Estado de Bahía), aínda que levan a cabo a práctica totalidade da súa investigación de modo permanente dentro do grupo. Tres investigadores desenvolven o seu labor docente maioritariamente no Campus de Lugo. GSI conta ademais con catro estudantes Erasmus Mundus.

 

O investigador responsable de GSI é o Prof. Senén Barro Ameneiro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela no periodo 2002-2010 e actual Presidente da Rede Emprendia. Dende os seus comezos o grupo amosou unha clara vontade de desenvolver unha investigación de calidade, e de transferir o coñecemento e tecnoloxía desenvoltos ao tecido socioeconómico. Dende o punto de vista científico, a investigación de GSI está estruturada nun conxunto de liñas de investigación:

 

(1) Análise Intelixente de Datos,

(2) Robótica Autónoma,

(3) Modelado do Coñecemento e

(4) Recuperación de Información; ten realizado aportacións orixinais na definición de modelos, técnicas e metodoloxías no contexto da Computación Flexible.

 

Como ámbitos de aplicación destacan:a e-Saúde, a Web Semántica, a Robótica de Servizos, a Xestión de Procesos Industriais e a Web Intelixente (www.gsi.dec.usc.es).

O equipo de investigadores de GSI achega á rede proposta competencias en tres dominios dos Sistemas Intelixentes, todos eles relacionados de xeito moi estreito con aplicacións e usos no ámbito da lingüística e, singularmente, nos temas de traballo do ILG:

  • Recuperación de información. A investigación de GSI en Recuperación de Información (RI) nos últimos anos estivo centrada no deseño de modelos e métodos avanzados para un acceso eficiente e efectivo á información de distinta índole. GSI traballa en fundamento de RI (crawling, representación, indexación e recuperación intelixente) aplicados tanto a repositorios online de contidos (por exemplo, na web) coma a bases documentais offline (por exemplo, bases de noticias de axencias). GSI aborda tarefas como a clasificación documental, xeración automática de resumos, recuperación de pasaxes e filtrado da redundancia, recuperación na web, minería de opinións e recuperación de patentes. Froito desta investigación o grupo desenvolveu novidosos produtos, particularmente no ámbito da minería de opinións na web (O!search, buscador de opinións sobre o camiño de Santiago, dispoñible en www.gsi.dec.usc.es/osearch) e na busca de patentes (SIP, dispoñible en www.gsi.dec.usc.es/sip) para dar soporte a tarefas de Vixilancia Tecnolóxica.
  • Web semántica e linked data. As técnicas de procesamento da información baseadas en tecnoloxías da web semántica permiten enriquecer o dominio por medio de relacións representadas mediante ontoloxías. GSI investiga principalmente na definición de novos modelos de busca semántica baseados en tecnoloxías semánticas e linked data, na composición automática de servizos web, na anotación automática de contidos e no enriquecemento da información documental por medio de tecnoloxías semánticas. Froito da investigación nesta área, GSI vén participando nun bo número de proxectos. Como exemplo, nestes momentos estamos desenvolvendo un proxecto con UNIVERSIA, para enriquecer a base de datos de obxectos de aprendizaxe de UNIVERSIA con información procedente doutros repositorios, ademais de desenvolver solucións encamiñadas á anotación semántica destes contidos.
  • Minería de datos. Os membros participantes por parte do GSI son expertos na investigación, aplicación e uso de distintas técnicas de minería de datos a ámbitos de aplicación diversos. A minería de datos proporciona unha metodoloxía e un conxunto de técnicas para a exploración, predición ou descrición de información non obvia existente en conxuntos de datos masivos que, pola súa natureza, son de difícil tratamento directo ou manual por parte dun usuario humano. A aplicación destas técnicas permite realizar unha explotación intelixente dos datos que os transforma en información útil e significativa para o usuario final. Os ámbitos de aplicación máis directa deste tipo de técnicas son aqueles en que os datos proceden de fontes diversas (información multimodal) ou en cantidades masivas, circunstancias ambas que se dan no caso do ILG. Cando, como é tamén o caso, a información a obter son previsiblemente relacións complexas entre os datos, ou ben información temporal explícita (liña de tempo ou de evolución) ou consiste en descricións lingüísticas que deben resultar comprensibles para os usuarios (por exemplo, mediante expresións textuais sinxelas), os ámbitos de aplicación convértense tamén en ámbitos de interese para a investigación dende o punto de vista da computación e dos sistemas intelixentes. Entre elas podemos destacar técnicas de clasificación e regresión intelixentes, aprendizaxe de expresións lingüísticas temporais complexas e modelos de razoamento para a obtención de información derivada da anterior, etc. No caso específico da descrición lingüística de datos e da visualización gráfica dos mesmos, a produción de expresións axeitadas para o consumo por parte do usuario require afrontar un conxunto de problemas que van dende a utilización de técnicas da Xeración de Linguaxe Natural, ata a modelaxe da linguaxe de descrición, ou a definición dos diferentes perfís de usuarios e contextos de uso, o que proporciona un claro e amplo punto de interese común aos grupos procedentes do ámbito da computación, das interfaces visuais e da lingüística.

 

A experiencia previa e competencia nestes ámbitos está detallada nos CV que se achegan, pero pode resumirse nos indicadores que seguen, relativos aos últimos tres anos e unicamente para as áreas indicadas, relacionadas tematicamente coa rede: 19 publicacións indizadas en revistas JCR; 27 proxectos e contratos de investigación captados en convocatorias competitivas; 58 publicacións en congresos e capítulos de libro.

Membros 

A práctica totalidade do PDI de GSI está actualmente integrado no Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago (CITIUS), pertencente á Rede de Centros Singulares de Investigación do Campus de Excelencia Internacional, Campus Vida. Os investigadores de GSI que participan na rede son:

  • Alberto Bugarín Diz (CAT-UN)
  • David Enrique Losada Carril (TIT-UN)
  • Manuel Lama Penín (TIT-UN)
  • Manuel Fernández Delgado (TIT-UN)
  • Manuel Mucientes Molina (Investigador Ramón y Cajal)