TECNOLOXÍAS E ANÁLISE DOS DATOS LINGÜÍSTICOS

Ver búsqueda de navegación

Navegación

Buscar

Rede Tecnoloxías e Análise Dos Datos Lingüísticos

TECANDALI é unha rede interuniversitaria e interdisciplinar que inclúe grupos de lingüística, estatística e enxeñaría informática e de telecomunicacións. A pesar desta disparidade de intereses investigadores, nos catro últimos anos logrou unha capacidade de cooperación e coordinación destacables. A Rede desenvolve a súa actividade no ámbito das tecnoloxías lingüísticas e procura tirar proveito a partir do desenvolvemento de accións na área da investigación básica (xeración de coñecementos e metodoloxías de análise de datos lingüísticos) e da investigación aplicada (desenvolvemento de tecnoloxías que integren o coñecemento lingüístico).

TECANDALI leva recibindo financiamento ininterrompido desde 2012.·Esta continuidade permitiu crear lazos estables e fortes entre os diversos grupos; por exemplo, a dinámica de interacción desenvolta previamente permitiu a inmediata integración do grupo GRADES-UVIGO no bienio 2014-2015; este grupo estableceu colaboracións produtivas con GTM-UVIGO e con GSI-USC. Estas colaboracións entre enxeñeiros e lingüistas procedentes de universidades distintas mostran o alto grao de integración acadado por TECANDALI e mostran tamén que o noso modus operandi e os nosos resultados resultan especialmente ilustrativos do espírito perseguido pola Consellería de Eduación ó crear estas axudas para as redes.

A actividade desenvolvida por TECANDALI nos últimos anos demostra a coherencia acadada no establecemento de obxectivos e a forte integración xerada entre os distintos grupos compoñentes. Como mostra do grao de interdisciplinariedade acadado, véxanse as accións I+D desenvoltas no bienio 2014-2015:

  • Título: Enriquecemento de programas de noticias con contexto xeográfico en televisión interactiva. Grupos que colaboraron: COGRADE-USC, GSI-USC; TALG-UVIGO.
  • Título: Ferramentas para o estudo da prosodia. Grupos: FILGA-USC, GTM-UVIGO e MODESTYA-USC
  • Título: Análise estatística e xeográfica da onomástica galega. Grupos que colaboraron: FILGA-USC e MODESTYA-USC. 
  • Título: Traballos en CORILGA (Corpus Oral Informatizado da Lingua Galega). Grupos que colaboraron: GTM-UVIGO, FILGA-USC.
  • Título: Traballos en CORILSE (Corpus Informatizado de Lengua de Signos española). Grupos que colaboraron: GRADES-UVIGO e GTM-UVIGO.
  • Título: Plataforma de documentación e análise de datos dialectais perceptivos. Grupos que colaboraron: FILGA-USC, COGRADE-USC e MODESTYA-USC.
  • Título: CIRCULEX. Grupos que colaboraron: GRADES-UVIGO; GSI-USC.


Froito destas colaboración son tamén os traballos de produción científica. Neste punto, a nosa Rede acadou xa un certo nivel tamén de publicacións de traballos científicos interdisciplinares, que xorden, sobre todo, dese labor de investigación en común. A nosa intención é promover a realización destes traballos interdisciplinares.

Ó longo do funcionamento da Rede, a súa estrutura operativa foi mudando para facérmola máis eficiente. Xa na última edición, a operativa foi a seguinte: unha vez establecidos os obxectivos estratéxicos, a comisión directora abre un prazo para someter as accións colaborativas I+D dos diferentes grupos. Estas accións deben estar aliñadas cos obxectivos definidos pola rede e ser interdisciplinares, agrupando cando menos, investigadores de cada unha das ramas de coñecemento da Rede. Este modus operandi redundou no enriquecemento dos diversos grupos e produciu necesariamente tanto a interdiscipliariedade nos traballos coma nos resultados. Realmente, os resultados destas accións son os froitos máis relevantes da Rede que, recordemos, ten como fortaleza principal, pero tamén como desafío, a súa evidente interdiciplinariedade.

Cabe indicar tamén que a maior parte do finaciamento da Rede nos bienios anteriores foi dedicado a contratos de persoal, unhas veces lingüistas, outras veces matemáticos ou enxeñeiros. No bienio 2012-13 dedicáronse a contratos 39.868,69 euros (5 contratos); no bienio 2014-2015 a contía chegou ós 51.833,22 euros (9 contratos). Estas contratacións facilitaron que se producira sen máis dificultades a investigación interdisciplinar e a elaboración de ferramentas informáticas de diverso tipo.

TECANDALI busca tamén incrementar as súas colaboracións internacionais. A día de hoxe, estas colaboracións xa van máis aló dun estadio inicial, e danse en xeral cos investigadores do proxecto internacional AMPER (Atlas Multimedia da Prosodia do Espazo Románico: http://dialecto.u-grenoble3.fr/AMPER/amper.htm), e moi en particular co grupo de fonética da Universidade de Aveiro (http://pfonetica.web.ua.pt). É alí onde se están a desenvolver con máis forza as relacións internacionais, sobre todo nas actividades da Rede nos proxectos ligados á dialectoloxía perceptiva da entoación galega e portuguesa e das análises dialectométricas da variación entoacional no noroeste da Península.