Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega - Universidade de Santiago de Compostela

versión 2.1 (2007)

Axuda

BARRA DE BUSCAS

Na parte superior da folla de buscas hai unha barra que permanece sempre na páxina e na que figuran os elementos que son operativos no proceso de solicitude e de devolución de información. Uns permiten escoller entre distintas modalidade de busca, outros permiten realizar restricións de fontes textuais na procura, outros permiten unha utilización enriquecida dos caracteres na liña de busca e, finalmente, outros permiten modular a devolución dos resultados.

 

Liña de busca

Esta área da barra inclúe tres elementos:

Liña de busca

Ten forma de campo e ten por título Texto. Nela introdúcense, desde o teclado ou desde a liña de caracteres especiais (ver máis abaixo), as formas que interesa procurar.

Asociacións gráficas

O feito de non estar aínda lematizado o TMILG e a existencia dun alto grao de variación gráfica nos textos medievais fai imprescindible dispoñer da opción de tratamento conxunto de certas grafías nas buscas. Deste xeito facilítase unha recuperación menos fragmentaria da información textual. Na liña de "Asociacións", que figura xusto enriba da liña de buscas ("Texto"), inclúense cos seus correspondentes botóns as asociacións gráficas contempladas, que se poden activar ou desactivar premendo sobre os botóns. A seguinte táboa recolle o seu inventario coas correspondentes especificacións:

  botón asociación descrición
1 ~ <a / á / â / ã ...> Acentos e nasalidade nas vogais
2 τ <e / τ> Signo tironiano e vogal <e>
3 i <i / j / y / h> Grafías de /i/
4 u <u / v> Grafías de /u/ e de /v/
5 g <g / j / i> Grafías da fricativa palatal sonora
6 k <c / qu / q> Grafías de /k/ [incompatible con 8]
7 s <s / ſ / σ / ʢ> Tipos de <s> e <z> visigótico
8 ts <c / ç> Grafías de /ts/ [incompatible con 6]
9 X <b / bb, c / cc, d / dd ...> Non xeminado / xeminado [consoantes]
10 M <a / A, b / B ...> minúscula / maiúscula [vogais e consoantes]


Por defecto o sistema ten activadas as asociacións 1 (acentos e nasalidade nas vogais) e 10 (minúscula / maiúscula).

Caracteres especiais

A edición de textos medievais comporta o manexo de caracteres especiais e de diacríticos que non están contemplados nos teclados dos computadores. Por tal motivo incluíuse unha liña de teclado específica ("Teclado") desde a que se poden introducir estes caracteres e diacríticos na liña de busca.

Os elementos incluídos son:

tecla descrición
τ Signo tironiano (e, et)
ſ "Ese" alto
σ "Ese" sigmático
ʢ "Zeta" visigótico
ñ "Eñe"
ç "Cedilla"
~ Til de nasalidade
^ Acento circunflexo

A introdución destas unidades na liña de busca realízase premendo na tecla correspondente. No caso dos diacríticos (til de nasalidade e acento circunflexo) hai que marcar primeiro a letra sobre a que se quere poñer e premer a continuación sobre a tecla do til ou do acento.

O til de nasalidade admíteno todas as vogais (maiúsculas e minúsculas) e as letras <j>, <y>, <v> e <m>. No caso das letras <j> e <m> o que se visualiza é < ˜j > e < ˜m >, tanto na liña de busca como nos textos devoltos. Con <j> non é operativo o acento agudo, polo que á hora de facer as buscas haberá que teclear <´j> na liña de comanda para recuperar os casos de <j> con este acento.

 

Modalidades de busca

Restricións na procura

É posible realizar restricións de dous tipos:

Restrición por xénero

O sector esquerdo da barra ocúpano tres campos de selección que lle permiten ao usuario limitar a súa procura a unhas determinadas tipoloxías textuais e aos distintos grupos de obras que responden a tales características. Eses tres campos interactúan entre si e permiten ir restrinxindo, conxuntamente ou por separado, o repertorio de obras disponibles para a busca, en función da opción seleccionada en cada un deles. O primeiro deses campos (Xénero) ofrece dúas opcións, Prosa e Verso. No segundo campo (Subxénero) pódese escoller entre os diversos subxéneros prosísticos (prosa literaria, histórica, técnica, notarial...) e versificados (lírica profana e relixiosa -mariana-). Finalmente, no campo Obra agrúpase a totalidade dos textos e coleccións consultables a través do TMILG.

Restrición cronolóxica

Este sector de campos atópase á dereita do anterior e permite establecer procuras por rangos de anos, seleccionando un terminus post quem (subventá Desde) e un terminus ante quem (subventá Ata). O usuario pode recorrer tamén á opción Sen data para incluír ou non nos resultados os exemplos que comparezan en obras ou pezas documentais para as cales se carece de datación.


Devolución de resultados

Na parte superior dereita da barra hai dous campos que permiten escoller a ordenación e o tamaño das series de exemplos que devolve a aplicación no módulo Concordancias.

(a) Ordenación: pódese establecer tomando como criterio a data (por defecto), a obra, a palabra devolta (columna central) ou o lugar.

(b) Tamaño das series: pódese escoller entre series de 25, 50, 75 e 100 exemplos por páxina. Por defecto a aplicación devolve series de 100.

 

MÓDULOS DE RESULTADOS

Os resultados que devolve o buscador poden visualizarse en cinco follas que se agrupan en tres grandes bloques.

1. Listaxe

É a resposta da aplicación cando se preme o boton Buscar. Consiste nunha lista encolumnada das formas que responden ao perfil da busca proposta. Distínguense dous sectores nas columnas: o primeiro para as formas con inicial minúscula e o segundo para as formas con inicial maiúscula. En cada sector as formas preséntanse ordenadas alfabeticamente. Nesta listaxe aparecen seleccionadas por defecto todas as formas, mais o usuario pode descartar aquelas que non lle interesen calcando no cadro de selección. Desde esta pantalla pódese acceder a tres das outras catro follas de resultados (Tipoloxía textual, Formas e Concordancias).


2. Módulo cuantitativo

Nel ofrécese un primeiro balance cuantitativo das formas seleccionadas polo usuario. Accédese desde o módulo Listaxe.

2.1. Tipoloxía textual

Consiste nunha táboa cuantitativa co número total de casos distribuídos por tipoloxía e subtipoloxía textual (eixo de abscisas) e por séculos (eixo de ordenadas). Desde ela, o usuario pode ir a Formas ou a Concordancias. No segundo caso pódeo facer premendo directamente sobre a pestana "Concordancias" (devolve todos os casos), premendo sobre o número da táboa correspondente ao total dos casos (tamén devolve todos os casos) ou premendo sobre calquera dos números correspondentes a calquera dos parciais ou subparciais da táboa (devolve só os seleccionados).

2.2. Formas

Consiste nunha táboa cuantitativa co número total de casos distribuídos por formas (eixo de abscisas) e por séculos (eixo de ordenadas). As formas en cuestión aparecen clasificadas por orde alfabética. Desde ela, o usuario pode ir a Tipoloxía textual ou a Concordancias. No segundo caso pódeo facer premendo directamente sobre a pestana "Concordancias" (devolve todos os casos), premendo sobre o número da táboa correspondente ao total dos casos (tamén devolve todos os casos) ou premendo sobre calquera dos números correspondentes a calquera dos parciais ou subparciais da táboa (devolve só os seleccionados).


3. Módulo de exemplos

Nel preséntanse os exemplos acompañados das referencias que permiten contextualizalos segundo os distintos parámetros da codificación dos textos.

3.1. Concordancias

Consiste nunha táboa con formato kwic na que, en distintas columnas, son presentadas as palabras buscadas no seu contexto inmediato e os valores de seis dos parámetros do etiquetario do TMILG:

3.2. Ampliación de resultados

Nesta folla, á que se accede desde o número de orde dos exemplos de Concordancias, ofrécese un contexto maior e a ampliación dos valores correspondentes aos parámetros do etiquetario do TMILG (engádense os seguintes parámetros: obra por extenso, volume, xénero 1, xénero 2, xénero 3, lingua orixinal –en casos de tradución, copia ou traslado– e transmisión).