Henrique Monteagudo Romero

É catedrático de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela e presidente da Real Academia Galega. As súas principais liñas de investigación abranguen a historia da lingua galega, a sociolingüística e a política lingüística, ademais do estudo de figuras centrais da literatura galega como Castelao, Rosalía de Castro, Ramón Piñeiro e Otero Pedrayo. O seu labor combina investigación, divulgación e un firme compromiso coa defensa e promoción do galego.
Lurdes de Castro Moutinho

Foi docente na Universidade de Aveiro e é investigadora do Centro de Línguas, Literaturas e Culturas (CLLC) desta universidade, onde coordina o subgrupo Variação Linguística. As súas principais liñas de investigación abranguen a fonética acústica e prosódica, a xeoprosodia, a dialectoloxía e a cartografía lingüística, así como o estudo da variación social e do contacto de linguas. Participa en proxectos nacionais e internacionais e é autora de numerosas publicacións en diferentes linguas.
Aparecida Negri Isquerdo

É docente da Universidade Federal de Mato Grosso do Sul (UFMS) e investigadora na área de lingüística, con especial interese na lexicoloxía, lexicografía, onomástica e dialectoloxía/xeolingüística. É a directora científica do Comité Nacional de Coordinación do proxecto Atlas Linguístico do Brasil (ALiB) e coordinadora do ALiB na UFMS. Na área da toponimia dirixiu o proxecto Atlas Toponímico do Estado de Mato Grosso do Sul (ATEMS) e tamén é a responsable do Dicionário de Topônimos do Estado de Mato Grosso do Sul.
Carsten Sinner

É catedrático de Lingüística e Translatoloxía das linguas iberorrománicas na Universidade de Leipzig, onde dirixe a área de linguas iberorrománicas do Departamento de Lingüística Aplicada e Translatoloxía, os centros de estudos galegos, cataláns e éuscaro e o centro de investigación do xudeu-español. É tamén director da Cátedra Marià Villangómez de estudos cataláns. Posúe numerosas publicacións sobre lingüística iberorrománica, contacto lingüístico, lingüística de variedades, sociolingüística e translatoloxía.
