• Galego
  • Português
  • Programa académico

    Programa cos títulos dos relatorios (10/07/2026)
    Libro de resumos (10/07/2026)

    Programa cultural

    Os días do congreso as persoas participantes poderán asistir a unha serie de actividades culturais. Todas as actividades son de balde, pero para algunhas actividades é imprescindible inscribirse a través do formulario, dado que o número de prazas é limitado. O prazo de inscrición remata o 3 de xullo.

    Espectáculo de narración oral Tres vellas na romaría (martes, 14 de xullo, ás 19 h)

    Os contadores Celso Sanmartín, José Luis Gutiérrez e Quico Cadaval son as tres vellas que atan á cabeza os seus máis fermosos panos rameados e saen ao encontro da festa para renderlle homenaxe á nosa tradición oral e musical.

    Muiñeiras, xotas e bailes charros volven soar nos torreiros, onde a música, a memoria e a celebración van da man. O seu repertorio percorre o universo das romarías de verán: milagres e romances, ofrendas devotas e historias cheas de humor. Un mundo no que a superstición convive co festeiro escepticismo e onde aínda resoa o dito “Deus é bo, mais o Demo non é malo”.

    Actividade financiada pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia.

    Visitas guiadas (mércores, 15 de xullo, con inscrición previa)
    • Museo do Pobo Galego: inicio ás 16:30 horas na entrada do museo. Duración: 1 hora
    • Patrimonio da USC: inicio ás 16:30 horas na tenda da USC no Pazo de Fonseca. Duración: 1 h 15 min
    • Catedral: saída da Praza do Obradoiro ás 16 h (o guía levará un paraugas amarelo e un sombreiro). Duración: 2 horas
    • Cidade de Santiago de Compostela: saída da Praza do Obradoiro ás 18:30 h (o guía levará un paraugas amarelo e un sombreiro). Duración: 2 horas
    Concerto de Comando Curuxás e petiscos de clausura (xoves, 16 de xullo, ás 20 h, na Casa das Máquinas con inscrición previa)

    Comando Curuxás naceu no ano 2017 coa intención de crear unha murga cun toque de modernidade, incorporando harmonías e arranxos actuais. O grupo está formado por Alberto Núñez (acordeón diatónico), Pablo Pardo “Pacior” (frauta traveseira de madeira e saxo soprano), Miguel Anxo López (percusións), Pablo Pascual (clarinete baixo) e Serxio Núñez (clarinete, pandeiro, gaita e voz).

    O son de Comando Curuxás evoca as antigas romarías e procura crear un ambiente festivo no que o público goce da música, se divirta e se anime a bailar.

    Ao finalizar o concerto serviranse os petiscos de clausura.