Sobre este proxecto

O Corpus Oral Informatizado da Lingua Galega (CORILGA) é un corpus de lingua oral con transcricións ortográfica e fonética aliñadas co arquivo de voz e anotadas en diferentes niveis. A transcrición ortográfica está aliñada no nivel da secuencia fónica e no nivel da palabra. As anotacións con que conta actualmente son de lematización e de tipo morfosintáctico.

O corpus consta de gravacións de lingua falada en diferentes niveis e rexistros (lingua estándar, literaria, popular, lingua formal e coloquial, rural e urbana) e de diferentes tipos: conversas, entrevistas dirixidas, discursos, conferencias, poesía recitada, teatro, medios de comunicación e contidos procedentes das redes sociais. Recolle lingua de falantes de diferentes idades, de ambos sexos, que foron gravados nun espazo temporal que vai desde mediados dos anos 1960 ata a actualidade. A diversidade de perfís, rexistros e contextos comunicativos representados son unha das principais fortalezas do proxecto, que aspira a ofrecer unha visión ampla e plural da lingua galega, de maneira que se poida converter nun recurso útil para o estudo da variación e do cambio lingüístico, entre outras posibles aplicacións (ensino da lingua, repertorios lingüísticos etc.).

Ademais de gravacións realizadas ou recollidas dos medios e das redes sociais directamente para este corpus, este recurso incorpora un número importante de gravacións procedentes doutros córpora ou arquivos de diferente natureza, que foron transcritas e anotadas cos criterios propios de CORILGA (Vid. Criterios de transcrición). Entre os máis relevantes están os córpora dos proxectos Arquivo do Galego Oral (AGO), Prosodia da lingua formal, AMPER-Galicia, ou córpora persoais como os de Gustav Henningsen, de Francisco Dubert sobre Santiago de Compsotela, de Xosé Luís Regueira sobre a comarca de Vilalba, de Manuel Rico de entrevistas de radio, de Noemi Basanta de conversas, de Eduardo Louredo sobre Leiro, e tamén os de Miguel Abraira, de Xabier Iglesias e de Ana Iglesias. Queremos facer constar o noso agradecemento pola súa axuda xenerosa e desinteresada ás persoas responsables destes córpora, así como a outras persoas que nos cederon gravacións particulares.

A elaboración do CORILGA iniciouse no ILG e tivo un primeiro desenvolvemento relevante no marco da Rede Tecnoloxías e Análise dos Datos Lingüísticos (TECANDALI), na que participaban grupos investigación da USC e da Universidade de Vigo e que contaba con financiamento parcial do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Outras partes deste corpus desenvolvéronse cos proxectos de investigación “Cambio lingüístico no galego actual” (2012-2015), “Contacto e cambio lingüístico en galego” (2016-2018) e “Contacto, cambio lingüístico e ideología en contextos de minorización lingüística” (2020-2024), financiados polo Ministerio de Economía e Competitividade os dous primeiros (FFI2012-33845 e FFI2015-65208-P, respectivamente) e polo Ministerio de Ciencia e Innovación (PID2019-110352GB-I00) o último deles. Tamén se beneficiou parcialmente dos convenios levados a cabo nestes anos coa Secretaría Xeral de Lingua da Xunta de Galicia.

O corpus e o buscador foron desenvolvidos no Instituto da Lingua Galega e as ferramentas de tecnoloxías da fala foron desenvolvidas en colaboración co Grupo de Tecnoloxías Multimedia do centro atlanTTIc (Universidade de Vigo):

Instituto da Lingua Galega

Xosé Luís Regueira Fernández, Elisa Fernández Rei, Manuel González González, Francisco A. Cidrás Escáneo, Xulio C. Sousa Fernández, Francisco Dubert García, Noemi Basanta Llanes, César Osorio Peláez, Alba Aguete Cajiao, Naír García Abelleira, Xosé Manuel Dopazo Entenza, Inmaculada Alonso Rodríguez, Dennis Álvarez Guerrero, Daniel Amarelo Montero, Lucía Barreiro Capón, Juan Jesús Gómez Noya, Noemí Varela Rodríguez, Tamara Rial Montes, Noelia García Díaz, Xoán Goris García, Elia Lago Pereira, María Pérez Lago, Miguel Solla Portela, Sandra Vázquez Núñez, Alicia López Besteiro, Andrea Pais Rivadeneira, Ángela Otero Castro, Paulo Mouriño Pereiro, Reyes Rodríguez Rodríguez e Jose Cutrín.

Grupo de Tecnoloxías Multimedia

Carmen García Mateo, Eduardo Rodríguez Banga, Antonio Cardenal López, Laura Docío Fernández, Marta Martínez Maquieira, Rocío Varela Fernández e Roberto Seara Dopazo.

Deseño web: Óscar Otero

Modo de cita:

Regueira, Xosé Luís (dir.): Corpus Oral Informatizado da Lingua Galega (CORILGA). Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. <https://ilg.usc.gal/corilga/> [Consultado: <data>]