ES | EN

FOLERPA
Ferramenta On-Line para ExpeRimentación PerceptivA

Presentación

FOLERPA é unha ferramenta de experimentación perceptiva en liña desenvolvida polo Instituto da Lingua Galega.

A idea inicial da creación desta plataforma xorde no ano 2012, no marco do Proxecto Estudo perceptivo da variación prosódica dialectal do galego. Un ano máis tarde preséntase, no Simposio Metodoloxía para o estudo perceptivo da variación prosódica dialectal, o prototipo da “Plataforma de recursos para a investigación en dialectoloxía perceptiva” en colaboración coa Rede de Tecnoloxías e Análise dos Datos Lingüísticos (TecAnDaLi). Finalmente, a primeira versión accesible da ferramenta actual preséntase en marzo de 2014 no 30. Forum Junge Romanistik (Berna) e en novembro dese mesmo ano no VI Congreso Internacional de Fonética Experimental (València).

O obxectivo principal desta plataforma é facer dispoñible unha serie de recursos integrados para a realización de experimentos perceptivos en liña desde unha interface gráfica amigable, interactiva e flexible, que non require coñecementos de programación por parte dos investigadores e investigadoras.

Para acceder á plataforma é necesario rexistrarse. Unha vez dentro pódense elaborar test perceptivos, difundilos entre os participantes do experimento, recoller e descargar as respostas e obter unha primeira análise descritiva dos resultados.

Todo o proceso experimental de FOLERPA desenvólvese en liña, o cal permite o acceso dende calquera equipo informático con conexión a internet. Ademais, FOLERPA permite que varios xuíces realicen un mesmo test simultaneamente dende diferentes ordenadores con acceso a Internet.