O corpus CORTEGAL
CORTEGAL, Corpus de textos galegos escritos por estudantes no ámbito académico é un corpus constituído por 1000 redaccións elaboradas por estudantes preuniversitarias/os no marco do exame de Lingua e Literatura Galegas da proba de Avaliación do Bacharelato para o acceso á Universidade (ABAU). Concretamente, os textos foron extraídos da pregunta de comentario de tales exames, en que o alumnado ten que redactar un texto argumentativo, de entre 200 e 250 palabras, sobre un tema dado.
Un dos intereses do corpus é o de coñecer o grao de coñecemento da variedade estándar que amosa o alumnado, así como as principais desviacións do código normativo e do rexistro académico que se achan nel. Por tal motivo, as formas e secuencias que diverxen do estándar están anotadas con códigos que identifican o tipo de desviación e nalgúns casos tamén a súa orixe. Así mesmo, tales formas e secuencias van acompañadas da correspondente expresión estándar. Esta estandarización realízase en seis niveis lingüísticos (ortográfico, morfolóxico, léxico, gramatical [sintáctico], semántico e discursivo) a través dun sistema de anotación multinivel, o que permite a visualización dos textos en diferentes capas de estandarización.
O proxecto que deu orixe ao corpus foi financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e posteriormente polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades (Corpus de textos galegos escritos por estudantes no ámbito académico. Ferramenta para a análise da competencia escrita en lingua galega: PGC2018-096069-B-I00).
Como citar este recurso
María Álvarez de la Granja / Ernesto González Seoane (eds.). Corpus de textos galegos escritos por estudantes no ámbito académico. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. <https://ilg.usc.gal/cortegal/> [Consultado: data].