Portal de ditados tópicos galegos

USC. Instituto da Lingua Galega

Instrucións de uso

Fontes

A primeira versión deste portal inclúe o material recollido nas fichas recompiladas por Camilo José Cela para a redacción do seu Diccionario geográfico popular de España (máis información). En sucesivas versións incorporaranse datos doutras fontes, que se indicarán nunha sección específica do propio portal.

Busca e recuperación de resultados

O sistema permite dúas posibilidades de pescuda:

a) Mediante os cadros despregables da dereita da pantalla pódense recuperar todas as fichas que se recolleron nun determinado concello ou parroquia (Lugar de recollida) ou todas aquelas que conteñan un ditado tópico (xentilicio, alcume, refrán ou cantiga) referido a un certo concello ou parroquia (Lugar de referencia).

b) O cadro de busca da esquerda da pantalla permite pescudar texto libre no campo forma da base de datos. Se se considera necesario, pódense facer restricións por categoría ou, incluso, servíndose dos cadros despregables da dereita (Lugar de recollida e Lugar de referencia), por zona xeográfica. A busca por forma faise por cadeas de caracteres (un mínimo de dous) en calquera posición do texto; isto é, a entrada va recuperará as formas: novas, vaca, valente, viva, etc.

Cada forma aparece nunha fila, con diferentes columnas que indican a súa categoría (xentilicio, alcume, etc.), a fonte da que proveñen, o lugar ó que se refiren e os comentarios (nosos, ou de quen facilitou a información). O botón Amosar/ocultar recollida permite engadir, aínda, información sobre o lugar en que se recolleu a información. Os resultados que se ofrecen na táboa poden ordenarse de modo crecente ou decrecente pulsando sobre o título de cada columna.

No caso dos materiais galegos do Diccionario geográfico popular de España, o campo Forma contén dous enlaces. O primeiro, feito sobre o propio texto, permite consultar a transcrición literal da ficha de enquisa. O segundo, na icona do PDF, permite acceder a unha reprodución da antedita ficha.

Observacións

- As formas incluídas na base de datos foron regularizadas lingüisticamente segundo o establecido na normativa oficial da lingua galega. Exceptúanse destas intervencións os (poucos) casos en que a forma recollida estaba integramente en castelán ou cando a rima esixe forzosamente a conservación do orixinal (por exemplo, mudamos para ladróns a palabra final de San Martiño de Siós, trinta veciños, cuarenta ladrós, pero respectamos a última forma de Os de Rozas secan as pozas / e os de Rubiás matan os cans / e os de Teixeiro, moi frioleiros, porque o adxectivo friento do estándar desconfiguraría a estrutura). Esta regularización faise para facilitar as buscas, pois se actuásemos doutro modo, o usuario tería que buscar ladróns, ladrós, ladrois, ladrones, etc. para poder recuperar toda a información que aparece agora baixo ladróns).

Outro caso que merece ser sinalado especificamente é o dos moitos xentilicios rematados en -ao, -án, -ano, etc. A nosa solución para os materiais do Diccionario geográfico popular de España foi unificar todas as terminacións en -án, mesmo cando a normativa permite usos locais (p.ex. burelao). A razón é a existencia de moitísimos xentilicios que o carteiro transcribe cun modelo castelán (ribeiranos, vilaboanos, etc.); obviamente, non podían perdurar na nosa base de datos, mais tampouco era posible sempre saber cal era a forma subxacente nin, tampouco, se era un xentilicio real ou un inventado polo carteiro, polo que pareceu oportuno dar o mesmo tratamento a todos os casos. De todos modos, o lector ten sempre ó seu alcance a literalidade do que aparece na ficha e pode consultar o dato antes da nosa alteración.

- As denominacións das localidades regularízanse segundo o nomenclátor oficial. No que respecta ós materiais compilados por Cela, queremos chamar a atención sobre un problema recorrente, motivado polas imprecisións dos carteiros e porque a ficha proposta non foi pensada para o modelo de distribución territorial do noso país. O máis común é que entre as parroquias do concello exista unha que leva o mesmo nome que o municipio, onde normalmente se sitúa a capital; de igual maneira, acontece con moita frecuencia que un dos lugares da parroquia ten o mesmo nome que ela. Así sendo, é difícil determinar se un determinado alcume é propio dos habitantes da parroquia, de todo o concello ou só dunha localidade. O noso criterio foi tomar a parroquia como unidade de referencia básica, así que vai ser citada sempre nestes casos ambiguos, agás cando teñamos evidencias de que a situación é outra (por exemplo, que o mesmo alcume apareza en parroquias distintas). Existen tamén formas que o carteiro indica que son comúns a varios municipios, ou incluso a toda a provincia.

- Os xentilicios recollidos no ámbito do Diccionario geográfico popular de España teñen que ser observados con moita precaución, pois un bo número deles non obedece a realidades da fala viva, senón que se trata de creacións do carteiro (así se indica expresamente nalgúns casos).

- As buscas por categoría deben ter conta de que esta clasificación non é taxativa, pois hai numerosas unidades fronteirizas entre refrán e cantiga ou abundantes casos en que se compón unha cantiga a partir de diferentes enunciados que, vistos por separado, poderíamos clasificar como alcumes (p.ex. As de Malpica son pescas, / as de Buño son oleiras, / as de Carballo, modistas / as de Razo, marisqueiras).

- No apartado de comentarios, as indicacións precedidas de N.E. son Notas do enquisador, observacións da persoa que recolleu a información (no caso dos materiais do Diccionario geográfico popular de España, as do carteiro que cubriu a ficha). Os enunciados marcados con N.I. (Notas do investigador) son da nosa responsabilidade.

 

Forma de cita: Xosé Afonso Álvarez Pérez (dir.): Portal de ditados tópicos galegos. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. <http://ilg.usc.es/ditados> [Consultado: <data>]

 

 

Última actualización: 18/07/11
© 2024 Instituto da Lingua Galega - USC
ISSN 2659-8221
Coa colaboración da Fundación Camilo José Cela