Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional
O programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional é unha acción do plan Proxecta, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Ese programa está integrado no proxecto GEOARPAD, enmarcado no programa operativo EP-INTERREG V A España-Portugal (POCTEP).
A intención do programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional é achegar o alumnado dos centros participantes ao coñecemento da cultura local e tradicional, xa que pola súa idade acostuma a mostrar menos interese ou a ter menos contacto con ela. A finalidade desta acción é promover a documentación e análise dun corpus de material léxico vinculado con actividades da cultura patrimonial, prestándolle especial atención ao vocabulario relacionado con aquelas actividades e saberes que se perderon ou están en proceso de desaparición debido ás profundas mudanzas económicas e sociais das últimas décadas.
Os obxectivos específicos que se procuran son:
- Reflexionar sobre a importancia do coñecemento e mantemento do patrimonio cultural e lingüístico.
- Recoller léxico patrimonial no medio en que vive o alumnado.
- Organizar e analizar a información obtida no proceso de aprendizaxe.
- Realizar traballos de investigación co léxico recollido para coñecer o patrimonio antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico do contorno do centro.
- Divulgar os resultados do proceso de aprendizaxe entre a comunidade educativa.